A serie “Matalobos” atrae a distribuidores internacionais tras obter premio á mellor ficción europea
O capítulo gañador do prestixioso Prix Circom será ademais emitido nalgunhas televisións membros da asociación continental
Santiago, 17.06.2012.- A exhibición e obtención do prestixioso premio Prix Circom en Suecia parece ter sido un revulsivo importante para dar a coñecer “Matalobos” fóra das nosas fronteiras. Desde a súa elección como mellor ficción europea nos premios que se entregaron coincidindo co Congreso Anual de Circom o pasado mes de maio, distribuidores internacionais para Europa e tamén algunhas televisións públicas do continente solicitaron á TVG diversa información e material para exportar esta serie ambientada na loita entre clans de narcotraficantes coa Garda Civil.
Esta serie de éxito entre a audiencia da canle pública, que en cada entrega lidera a súa faixa de emisión, ademais de estar recoñecida polos profesionais do audiovisual galego, tal e como o acreditan os galardóns Mestre Mateo acadados, foi igualmente distinguida a nivel internacional. O xurado dos premios Circom, convocados pola asociación de televisións públicas europeas, formado por 14 experimentados profesionais da televisión, produtores e executivos concedeulle este recoñecemento a “Matalobos” por ter “todos os ingredientes dunha excelente produción: ben escrita, dirixida, editada e actuada”. Ademais, tiveron en conta que a serie amosa a costa de Galicia, as grandes secuencias de acción no mar que inclúe e a elección da música desta ficción.
Precisamente, algunhas das televisións públicas rexionais europeas que integran Circom Regional preparan a emisión do episodio gañador do Prix Circom nas súas canles, xa que a condición de membros da asociación dálles dereito para incluír libremente as producións premiadas nas súas grellas durante os vindeiros doce meses.
Na foto superior, a directora da TVG, Rosa Vilas, recollendo o premio Prix Circom, concedido a "Matalobos" en Suecia.
