Comeza a rodaxe de "A visitadora de cárceres", película sobre Concepción Arenal coproducida pola TVG

27/01/2012
Compartir en Facebook
Comeza a rodaxe de "A visitadora de cárceres", película sobre Concepción Arenal coproducida pola TVG

Blanca Portillo dá vida á legalista, escritora e feminista galega, nunha tv-movie que dirixe Laura Mañá

Santiago, 27.01.2012.- O próximo mércores, 1 de febreiro, comeza a rodaxe de “A Visitadora de Cárceres”, unha película para televisión ambientada a mediados do século XIX, que recrea a época en que a avogada e escritora Concepción Arenal traballou como visitadora de cárceres na prisión de mulleres da Coruña, o que daría como resultado algunhas das súas obras clave que habían servir de base para a reforma do sistema penal en España.

 “A Visitadora de Cárceres” é unha produción de Zenit Televisión e Distinto Films, coa produción executiva de Miriam Porté e Zaza Ceballos e coproducida por Televisión de Galicia, Televisió de Catalunya e Televisión Española. Tamén foi apoiada polo ICAA, a Consellería de Cultura e a Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta de Galicia, o ICIC e o Instituto de la Mujer.

 Baixo a dirección de Laura Mañá (Sexo por compasión, La vida empieza hoy e Clara Campoamor, la mujer olvidada), a rodaxe levarase a cabo durante cinco semanas en localizacións catalás e galegas, coma o castelo de Montjuïc en Barcelona, o de San Felipe en Ferrol ou o mosteiro de Santa Catalina en Ares.

 Blanca Portillo, actriz polifacética e de longa traxectoria, coñecida polos seus excelentes traballos en cine e televisión, interpreta a protagonista da historia, Concepción Arenal. Acompáñana a actriz Mabel Rivera (La Bella Otero, Mar Adentro) no papel de Juana de Vega e o actor Pere Arquillué (La Riera, Mar de Fons), encarnando a Garrido, o alcaide da prisión de mulleres. Xunto a eles participan Xosé Barato, Luísa Merelas, Isabel Naveira, Anna Casas, Diana Gómez, Óscar Rabadán, Candela Fernández, Fermí Reixach e Juanma Lara entre un nutrido grupo de actores. O guión está escrito por Rafa Russo e Laura Mañá.

“Odia o delito e compadece o delincuente”

 Esta cita de Concepción Arenal permaneceu gravada durante anos de xeito obrigatorio nos cárceres españois. A obra social e ensaística desta avogada, activista e precursora do feminismo marcou un antes e un despois no sistema penal do noso país e obtivo un enorme eco na Europa do XIX. A súa loita en prol dos dereitos humanos logrou cambiar a perspectiva da sociedade sobre os máis desfavorecidos e mellorar as súas duras condicións de vida.

  A trama desta tv-movie ambiéntase no século XIX, cando as execucións aínda son motivo de escarnio público e os presos carecen de todo dereito, Concepción Arenal é nomeada visitadora de cárceres de mulleres. É na prisión da Coruña onde Arenal comeza a súa loita para mellorar as condicións de vida dos presos e poñer en marcha a reforma das institucións penais.

 “A Visitadora de Cárceres” recolle a etapa de Concepción Arenal como visitadora de cárceres de mulleres e rescata esta figura fundamental na historia do século XIX.

Galería de imaxes

Valoración