Os centros educativos de Cabana, Moraña e Noia gañan o concurso “Nós Tamén Creamos!”

15/06/2012 17:53
Os centros educativos de Cabana, Moraña e Noia gañan o concurso “Nós Tamén Creamos!”

Os traballos, accesibles na web do ente público galego, foron elaborados polo profesorado e alumnado de educación primaria e infantil

Dada a extraordinaria calidade das máis de 60 curtametraxes de animación recibidas, a TVG emitirá máis producións das premiadas

Ademais dos tres galardóns establecidos nas bases do concurso, outorgáronse catro mencións especiais

Santiago, 15.06.2012.- O certame “Nós Tamén Creamos!”, promovido pola Consellaría de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria en colaboración coa Compañía de Radio Televisión de Galicia (CRTVG) e con OQOeditora, no marco do programa de dinamización lingüística homónimo xa ten gañadores. Os centros educativos de Cabana, Moraña e Noia fixéronse cos galardóns do concurso ao impoñerse entre as máis de 60 curtametraxes de animación en galego, presentadas polos 50 centros de educación infantil e primaria que concorreron.

Os traballos, realizados coa técnica stop-motion e accesibles na web da CRTVG e na Secretaría Xeral de Política Lingüística, foron elaborados polo profesorado e alumnado de educación primaria e infantil, con idades comprendidas entre 3 e 9 anos. Dada a extraordinaria calidade das máis de 60 curtametraxes participantes, Televisión de Galicia emitirá máis das obras premiadas.

Neste senso, na modalidade infantil resultou galardoado o traballo “A tartaruga que quería durmir”, do CPI As Revoltas de Cabana de Bergantiños; no primeiro ciclo de primaria, acadou premio “Lobo feroz”, do CPI Santa Lucía de Moraña, e no segundo ciclo de primaria gañou "A máscara do león", do CEIP Felipe de Castro de Noia.

A complexidade na elección dos premiados motivou que a comisión de selección decidise outorgar tamén catro mencións especiais ás curtametraxes “Maxia”, “A vella Lulula”, “Un can e un gato” e “A máscara do león”, elaboradas nos colexios Felipe de Castro, Vilagarcía  de Arousa, Ponte da Pedra e San Benito de Lérez, respectivamente.

Esta iniciativa, que converteu o alumnado, non só en receptor de cine en galego, senón tamén en creador, buscou incentivar o uso da lingua galega nas faixas máis baixas en idade, favorecendo a innovación educativa na aprendizaxe de linguas, a creatividade e a lectura en galego.

Na foto superior, lobo feroz ideado polo CPI Santa Lucía de Moraña, gañador do primeiro ciclo de primaria.

Compartir en Facebook
Valoración