As canles da CRTVG chegaron a reunir o 36% da audiencia o sábado á tarde, entre a voda de Marta Ortega e o fútbol

20/02/2012 15:17
As canles da CRTVG chegaron a reunir o 36% da audiencia o sábado á tarde, entre a voda de Marta Ortega e o fútbol

A coincidencia do programa especial sobre o enlace coa transmisión do encontro Deportivo – Barcelona B supuxo o liderado para a TVG e tvG2  nesta faixa horaria

Na fin de semana destaca o liderado da TVG no “prime time”, de venres a domingo, cunha cota media do 14,5%

Ao longo da fin de semana a Galega foi vista nalgún momento por 1.561.000 persoas

Santiago, 20.02.2012.- A expectación causada pola voda de Marta Ortega e Sergio Álvarez no programa especial da TVG, e o partido de fútbol do Deportivo – Barcelona B, na tvG2, fixeron que a canle autonómica galega dominase as audiencias o sábado á tarde, superando o 30%. Concretamente, sobre as 19.45 horas, 237.000 persoas estaban seguindo algunha destas emisións, o que supuxo o 36,6% da audiencia do momento. Ao longo desta fin de semana (de venres a domingo), as canles da TVG foron vistas nalgún momento por 1.561.000 galegos, o 59,1% dos galegos de catro e máis anos.  

O programa especial que a revista “A Solaina” dedicou enteiramente a seguir o enlace de Marta Ortega obtivo un 12,4% de audiencia media, namentres que o encontro de fútbol do Deportivo contra o Barcelona B chegou a liderar o seguimento televisivo en Galicia durante a súa emisión, cunha cota de pantalla media do 16,3%.  

Esta fin de semana a TVG destacou tamén por ser a máis vista en Galicia durante o prime time do venres ao domingo, cunha cota de pantalla do 14,5% no conxunto das tres xornadas, e polo liderado de sábado e domingo no total do día, cunha cota do 11,8%. Estes rexistros de liderado acadounos tamén a Galega na comparación coas demais televisións autonómicas.

Respecto á tvG2, foi a segunda canle de televisión o sábado, entre o grupo formado polo conxunto de novas canles TDT e temáticas, ao acadar unha cota de 2,7% de media da xornada, superada unicamente por Clan.

Galería de imaxes

Compartir en Facebook
Valoración