A tvG2 achega esta fin de semana o Descenso Internacional do Sella e o Campionato de España de traiñeiras desde Castro Urdiales
Nas sobremesas, a segunda canle achegará respectivamente as dúas últimas etapas da XXXIV Volta Ciclista a Burgos
Santiago, 03.08.2012.- Comeza agosto e, tanto a Galega coma os afeccionados ao piragüismo, teñen unha cita ineludible este sábado na tvG2 co Descenso Internacional do Sella (18.00h), emblemático evento deportivo que sempre se desenvolve o primeiro sábado do presente mes, entre Arriondas e Ribadesella sobre un percorrido de 20 quilómetros. Na súa setenta e seis edición, a 'festa das piraguas' conta cunha das mellores participacións da historia desta competición, favorecida pola presenza de palistas que quedaron ás portas das Olimpíadas de Londres 2012.
Na xornada dominical, a segunda canle da Galega achegará, en directo, ás 12.00h, o LXV Campionato de España de Traiñeiras desde Castro Urdiales, unha competición de luxo xa que participan os barcos máis destacados da Liga ACT, os da liga galega e os tres mellores barcos cántabros (Astillero, Castro e Pedreña).
Finalmente, a embarcación galega Tirán si competirá ao carón dos outros tres primeiros clasificados da ACT: Kaiku, Hondarribia e Urdaibai; así como, os tres clubs vascos que loitaron este martes pasado polo título e o subcampión galego, Amegrove.
Amais na Galega esta fin de semana na sobremesa ofreceranse as dúas últimas etapas de trixésimo cuarta edición da XXXIV Volta Ciclista a Burgos 2012, unha das probas e obxectivos máis concorridos polos equipos ciclistas de cara á preparación para a vindeira Volta a España. Tanto a cuarta etapa (sábado), Doña Santos-Cidade romana de Clunia, coma a quinta (domingo), Casa de la Madera-Lagunas de Neila, comprenden respectivos tramos de 170 quilómetros.
