A TVG vive en directo os días grandes do Entroido galego
Santiago, 19.02.2012.- Televisión de Galicia compartirá cos espectadores os días grandes do Entroido Galego. O domingo, o luns e o martes, as cámaras da canle pública galega estarán en directo en citas carnavalescas emblemáticas, como Viana do Bolo, Verín ou Laza, e noutras localidades que nos últimos anos están collendo moito auxe, como Aldán, Monforte de Lemos e A Coruña.
Hoxe será “A Revista Fin de Semana” o espazo que traslade a súa atención á localidade ourensá de Viana do Bolo, onde se leva a cabo o desfile de comparsas, charangas, os folións coa figura dos boteiros e o xantar da androlla, unha das grandes festas gastronómicas de Galicia.
“A Solaina” será quen volva facer partícipe a audiencia do ambiente de festa que continúa en pleno apoxeo na provincia ourensá este luns. Nesta ocasión, o espazo estará tamén en directo noutra das localidades de referencia do Entroido galego, Laza, para amosar un dos días máis animados destas datas, o coñecido como luns borralleiro, onde os asistentes levan a cabo un costume ancestral de lanzarse anacos de tea enzoufados en bulleiro. Un dos grandes atractivos da xornada é a baixada da Morena desde Cimadevila, acompañada de formigas, toxos e cobelleiros. Nesta edición, a animación musical correrá a cargo da comparsa Vou nun bou, de Bueu.
O martes vivirase o Entroido en estado puro outra vez en “A Solaina”, que amplía a súa duración para estar en directo no maior número de localidades posible onde esta celebración ten xa un destacado raizame. Por iso, neste percorrido non podería faltar Verín, un dos vértices do triángulo máxico ourensán -xunto con Laza e Xinzo da Limia- e festa declarada de Interese Turístico Nacional, que nesta xornada celebra un gran desfile de charangas e banda de gaitas, pasacalles e verbena. Daranse a coñecer tamén os festexos de Aldán, en Cangas; da Coruña, onde se contará coa actuación de Los Quilomberos de Monte Alto, e de Monforte de Lemos.
Neste programa especial de máis de dúas horas de duración, a diversión e o espírito do Entroido trasladaranse tamén ao equipo de “A Solaina” que, conducidos por Sevi Martínez e Beatriz Manjón, converterán o seu tempo de emisión nunha auténtica festa de Entroido.
Na foto superior, unha das reporteiras de "A Solaina", no especial Entroido do ano pasado.
