A TVG, líder absoluta de audiencias durante a fin de semana
Foi a canle máis vista en Galicia, cunha cota acumulada de 12,8% no conxunto do día e de 16,8% na faixa de maior consumo televisivo
De igual xeito, superou amplamente en seguimento ás restantes canles autonómicas, avantaxando en máis de 7 puntos de 'share' a media de FORTA no 'prime time'
Santiago, 20.08.2012.- A Televisión de Galicia foi esta fin de semana pasada líder absoluta de audiencias. De venres a domingo, cunha cota de pantalla acumulada de 12,8% no conxunto do día, a canle pública galega foi a televisión máis vista en Galicia. En referencia ás restantes televisións autonómicas, os bos datos obtidos pola Galega volveron situala como referencia en FORTA para este período.
Na faixa de maior consumo televisivo ou 'prime time', a TVG destacou tamén cunha cota acumulada de venres a domingo de 16,8%, superando cada un dos restantes competidores en máis de 6 puntos de cota de pantalla.
En relación ao conxunto de canles autonómicas que forman parte de FORTA, a Federación de Organismos de Radio e Televisións Autonómicas, a Galega superou a media de 'share' en 3,6 puntos no 'total día' e en 7,1 puntos no 'prime time'.
Cómpre salientar que, nestes tres días pasados, a Galega tivo 9 dos 10 programas con maior audiencia. Entre os máis vistos, destacaron espazos como "Telexornal Mediodía", "Galicia Noticias", "Vaia Troula de Verán", "Heicho Cantar Queridiña", "Bamboleo" ou "Grandes Lugares".
No que respecta ao cómputo acumulado mensual, a Televisión de Galicia mantén o liderado absoluto entre as canles autonómicas, tanto no conxunto do día (11,2%) coma no 'prime time' (13,7%). Neste senso, a TVG é tamén a máis seguida en Galicia no que vai de mes na faixa de maior consumo televisivo.
Nesta fin de semana, a TVG foi vista por un total de 1.346.000 galegos, segundo datos da empresa de audimetría Kantar Media, o que supón o 50,9% dos galegos de 4 e máis anos.
Na foto superior, os presentadores de "Heicho Cantar Queridiña".
