A TVG estrea “Bum, Bum, Búmerang”, unha proposta dinámica e divertida para vivir o verán galego ao noso xeito
Esta noite, a partir das 23.25h, o novo programa percorre Galicia para achegar todo tipo de entretemento ao público máis esixente
Os reporteiros e reporteiras saen todos os días ás rúas para pulsar a vida dos galegos durante o estío
Santiago, 08.08.2012.- O verán xa está aquí, e para comprobalo non hai máis que acudir á cita de “BUM, BUM, BÚMERANG”, un novo programa de entretemento para pasar o estío coa fórmula que máis éxito ten, pasalo ben de todas as maneiras posibles. E como se conseguirá?, pois seguindo as pegadas que o programa proporá cada mércores á noite, ás 23.25h, para non perder nada do que pasa en Galicia nesta estación.
Esta proposta de entretemento de verán é tan variada e ampla que as cámaras da TVG percorreron Galicia para ofrecer as reportaxes máis divertidas e refrescantes, a pé de campo e en todos os escenarios posibles. A praia, erguerse tarde, tomar unha cervexa nunha terraza, durmir a sesta, preparar pratos cos produtos da horta, cantar e bailar, ir de festa e verbena, etc..., todo o que significa pasalo ben estará recollido neste programa, con dinamismo e diversión.
Os reporteiros e reporteiras saen todos os días ás rúas para tentear a vida dos galegos durante o verán e por iso haberá contidos ao alcance do público máis esixente: descubrirase a “canción do verán” acompañando un grupo verbeneiro en todas as súas facetas, tanto nos ensaios coma no seu lecer; o vixiante da praia achegará cada metro cadrado dos areais galegos; a noite de xolda virá da man de Olalla Rivas, a reporteira noctámbula que estará cada semana nunha localidade mítica da movida galega; a cantante Sabela, unha especialista en sedución, dará consellos para mocear no verán, e tamén descubrirá como se sobrevive ao verán sen praia.
Para facer un seguimento a un turista que estea de vacacións nunha localidade de Galicia estará como embaixadora do programa Isabel Risco; haberá clases de baile con Trillo e Anastasia; recordarase aquel verán inesquecible; irase de feira, na compaña de Ricardo Pardo, e citaranse os nosos famosos para convidalos a unha caña mentres se someten a un test rápido e incómodo que lles realizará Carmiña Blanco.
O colaborador Tonhito percorrerá Galicia co seu “croma” na busca de vítimas que nos falen das súas viaxes, os seus amores e os seus veráns; veranse reportaxes da actualidade do verán das que son protagonistas xente anónima; coñecerase como se goza nas pequenas festas das aldeas, e ollarase o Youtube cos mellores “lip dubs” creativos de colectivos e veciños galegos. Ao mesmo tempo, cada semana darase conta das enquisas realizadas a pé de rúa sobre o verán dos galegos.
