Con 191.000 oíntes diarios de luns a venres, a Radio Galega acada a terceira audiencia máis alta da súa historia

04/07/2012 10:17
Con 191.000 oíntes diarios de luns a venres, a Radio Galega acada a terceira audiencia máis alta da súa historia

Segundo os datos do EXM, no segundo trimestre do ano escoitaron a RG 22.000 persoas máis ca na primeira onda de 2012, o que supón un incremento do 13%

 

O promedio de luns a domingo chegou aos 166.000 oíntes diarios, experimentando así un crecemento do 8,5% ou de 13.000 persoas

 

A audiencia acumulada de RG e Radio Galega Música tamén alcanzou unha cifra histórica, xa que os 208.000 oíntes rexistrados de luns a venres son o segundo valor máis alto conseguido nunca

 

Santiago, 04.07.2012.-    A Radio Galega acadou 191.000 oíntes diarios de luns a venres durante o segundo trimestre deste ano, segundo os datos do EXM, o que supón a terceira audiencia máis alta da súa historia. O último informe do Estudo Xeral de Medios sinala que durante a segunda onda de 2012 (abril-maio) escoitaron a RG 22.000 persoas máis ca no período anterior, un incremento do 13%.

Estendendo o promedio de luns a domingo, a audiencia da RG chegou aos 166.000 mil oíntes diarios, o que se traduce nun incremento do 8,5% ou de 13.000 persoas con respecto á primeira onda do ano. Esta audiencia da emisora pública galega só foi superada en catro ocasións anteriores na súa historia.

A audiencia acumulada de Radio Galega e de Radio Galega Música tamén alcanzou unha cifra histórica, xa que os 208.000 oíntes rexistrados de luns a venres son o segundo valor máis alto acadado nunca. O incremento con respecto á onda anterior foi de 20.000 oíntes ou do 10,6%, mentres que en relación ao mesmo período do ano pasado RG e Radio Galega Música sumaron 18.000 seguidores, un 9,4% máis. De luns a domingo, o número de oíntes foi de 180.000, o cuarto valor histórico máis alto.

Na segunda onda do EXM, período en que o conxunto das radios xeralistas experimentaron un retroceso do 13,1% no número de oíntes, a Radio Galega foi a única emisora que logrou incrementar a súa cota, xunto a Radio Voz -cun crecemento menor-, tanto de luns a venres coma de luns a domingo. Se se comparan os datos cos de hai un ano, a Radio Galega é a canle que máis sube en Galicia de luns a venres, cun incremento de audiencia acumulado entre maio de 2011 e maio de 2012 do 11,7%.

Ademais, a emisora pública galega situouse unha vez máis na segunda posición no ranking de audiencias en Galicia, unicamente superada pola Cadena Ser.

 

Compartir en Facebook
Valoración