"Engurras", participada pola TVG, obtén dous Goyas e fai historia ao converterse na primera cinta de animación co mellor guión adaptado

20/02/2012 15:58
"Engurras", participada pola TVG, obtén dous Goyas e fai historia ao converterse na primera cinta de animación co mellor guión adaptado

Esta longametraxe sobre a soidade na vellez, que contaba con dúas candidaturas, fixo pleno ao alzarse tamén co galardón á mellor película de animación

O Goya da curtametraxe “Birdboy”, do coruñés Alberto Vázquez, redondeou o éxito da animación galega na gran festa do cine español

Santiago, 20.02.2012.-       A adaptación ao cine do cómic “Engurras”, proxecto coproducido pola Televisión de Galicia, conseguiu onte os dous premios Goya aos que era candidata: os de Mellor Película de Animación e Mellor Guión Adaptado; e fixo ademais historia ao converterse na primeira cinta de animación que consegue este último galardón, polo que competía cos filmes “Katmandú”, “La piel que habito” e “La voz dormida”.

Así, Ángel de la Cruz, Ignacio Ferreras, Paco Roca e Rosanna Cecchini alzáronse co Goya á mellor adaptación polo seu traballo na película “Engurras”, baseada no aclamado cómic do mesmo título do propio Paco Roca, que obtivo o Premio Nacional do Cómic en 2008.

O éxito deste filme, producido pola empresa coruñesa Perro Verde Films e participado pola TVG, completouse co Goya á Mellor Película de Animación, unha categoría en que competía coas cintas “Elephant in the Black Box”, “Carthago Nova” e “Papá, soy una zombi”.

“Engurras”, dirixida por Ignacio Ferreras, supón unha reflexión sobre a soidade na vellez e mestura a tenrura, o sarcasmo e o humor para narrar a historia de profunda amizade entre Emilio, un director de banco xubilado enfermo de Alzhéimer, e o pícaro Miguel, dous anciáns recluídos nun xeriátrico que loitan por seguir activos e non rematar as súas vidas na temida planta dos asistidos. Ao recoller o galardón Manuel Cristóbal, produtor de Perro Verde Films, saudou a audiencia en galego e tivo palabras de agradecemento, entre outros, para TVG, a Xunta e o audiovisual galego.

O de “Engurras” non foi o único premio para a animación galega, xa que “Birdboy”, do debuxante coruñés Alberto Vázquez e Pedro Rivero, acadou o premio Goya á Mellor Curtametraxe de Animación. Neste apartado tamén competían “Ella”, de Juan Montes de Oca; “Quien aguanta más”, de Gregorio Muro; e “Rosa”, de Jesús Orellana.

Deste xeito, Alberto Vázquez non para de conseguir éxitos e recoñecementos coa súa primeira incursión no cine, que traslada o seu pequeno paxaro “Birdboy” dun dos seus máis recoñecidos cómics, “Psiconautas”, á gran pantalla.

 

Compartir en Facebook
Valoración