A Liga San Miguel de Traíñas volve ser protagonista nas transmisións deportivas deste verán da tvG2

29/06/2012 13:00
A Liga San Miguel de Traíñas volve ser protagonista nas transmisións deportivas deste verán da tvG2

Desde este sábado, 30 de xuño, e ata mediados de setembro, a segunda canle da TVG emitirá en directo as 19 regatas da Liga San Miguel, en que compite a tripulación galega da SD Tirán

Amais os domingos o especial “En Xogo Traíñas”, con ampla e cumprida información desta Liga e da Liga Galega

Santiago, 29.06.2011.-    Unha nova temporada da Liga San Miguel de Traíñas será unha das protagonistas, desde este sábado 30 de xuño e ata o mes de setembro, dos eventos deportivos de verán que transmitirá a segunda canle da Televisión de Galicia, a tvG2.

A edición deste ano consta de 19 xornadas, con 18 regatas puntuables. Durante estes tres meses, as 12 mellores tripulacións do País Vasco, Cantabria e Galicia, entre as que están os galegos da SD Tirán, percorrerán case 1.200 quilómetros para acadar o seu trofeo máis prezado, a Corona Mapfre.    

Os espectadores da tvG2 terán a primeira cita este sábado, a partir das 18.00h, coa XXIX Bandeira Petronor, desde a localidade de Zierbena, en Biscaia. O domingo, as embarcacións trasládanse ata augas cántabras para disputar, ás 12.00h, a Bandeira Real Astillero Guarnizo.

Amais da Liga San Miguel, a tvG2 emitirá todos os domingos, ás 23.00h, o programa especial “En Xogo Traíñas” , onde se ofrecerá un amplo resumo da Liga San Miguel e cumprida información da Liga Galega de Traíñas.

Compartir en Facebook
Valoración