A Galega encarga a rodaxe dunha nova tempada de “Matalobos”
Está prevista a gravación de 13 capítulos
Santiago, 17.06.2012.- Continuando coa súa aposta pola produción audiovisual galega, Televisión de Galicia vén de encargar á produtora Voz Audiovisual a rodaxe dunha tempada máis de “Matalobos”, serie de éxito da canle pública, tal e como a avalan os índices de audiencia e os variados recoñecementos acadados. Está prevista a próxima gravación de 13 novos capítulos.
“Matalobos” afrontará así a súa quinta tempada na TVG reflectindo o crime e as loitas entre clans de narcotráfico e o papel da Garda Civil en Galicia. A serie, que se estreou en 2009, impúxose en cada unha das tempadas ofrecidas sempre á oferta doutras canles na súa faixa de emisión, sendo 31,4% a maior cota de pantalla obtida por un capítulo; o 'share' medio desta última tempada situouse nun 15,7%.
Neste tempo, esta ficción acadou cinco premios da Academia Galega do Audiovisual, entre eles os de mellor serie en 2009, 2010 e 2011, e o Premio da Fundación Garda Civil, pola súa fidelidade á hora de reproducir o labor da Benemérita na loita contra o narcotráfico. Tamén este mes de maio pasado recibiu o Prix Circom á mellor ficción europea, outorgado pola asociación de televisións públicas rexionais europeas, Circom, que agrupa 269 canles de televisión de 33 países, no marco do seu Congreso Anual, na cidade sueca de Malmö. Este recoñecemento é o máis importante recibido pola canle autonómica na súa historia. O xurado escolleu esta produción da Galega por ter “todos os ingredientes dunha excelente produción: ben escrita, dirixida, editada e actuada”.
Matalobos é concretamente o nome dun clan familiar que vive nunha vila ficticia da Costa de Galicia, A Sardiñeira. Esta vila é un lugar tranquilo, pero nos últimos anos experimentou un gran crecemento demográfico e urbanístico onde se poden ver deportivos, casas de revista á beira do mar, planadoiras, luxosas festas... Todo isto porque na vila hai familias metidas no narcotráfico a grande escala: clans poderosos, pero que tamén teñen inimigos implacables que lles farán fronte.
No universo de “Matalobos” os personaxes, interpretados por artistas de recoñecido nome no panorama audiovisual galego e nacional, defínense en función do seu aliñamento moral e do lado da lei en que se atopan. Nas entregas emitidas ata agora nesta serie coral interviñeron actores como Luís Iglesia, Iago García, Marcos Orsi, Carolina Vázquez, María Tasende, Xabier Deive, Camila Bossa, Antonio Mourelos, María Mera, Rebeca Montero, Luisa Merelas, Salvador del Río, Daniel Currás, Isabel Naveira, Nuncy Valcárcel, Mónica Camaño ou Rubén Riós, entre outros moitos.
En clave de thriller policial, “Matalobos”, que tivo como punto de partida referentes en series como Brotherhood, The Black Donnellys ou Sin tetas no hay paraíso, vén sendo unha historia de realismo social do que acontece cando o negocio familiar resulta ser un crime.
