A CRTVG dá por concluído o seu proceso de saneamento financeiro

22/02/2012 14:09
A CRTVG dá por concluído o seu proceso de saneamento financeiro

Nos tres últimos exercicios, acadou unha redución de 28 millóns de euros na súa débeda, que se sitúa ao peche de 2011 en 3 millóns de euros.
 
O director xeral do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, expresou no Parlamento que “na práctica a política de endebedamento é agora inexistente”.

Santiago, 22.02.2012.- A CRTVG deu por concluído o seu proceso de saneamento financeiro, segundo sinalou esta mañá no Parlamento, na Comisión de Control da CRTVG, o director xeral do ente público, Alfonso Sánchez Izquierdo, quen tamén destacou unha redución do endebedamento, en valores absolutos, de 28,7 millóns de euros nos últimos tres exercicios, o que representa unha caída de débeda do 88%.

De acordo cos datos achegados polo director xeral da CRTVG en resposta a unha pregunta do deputado popular Agustín Baamonde, a intensa política de saneamento aplicada desde a súa chegada ao ente público foi firme e constante. A secuencia analizada para o período 2008-2011 pon de manifesto unha evolución moi positiva, de xeito que a débeda coas entidades financeiras pasou de acadar un valor de 32,3 millóns de euros no ano 2008 a tan só 3,6 millóns de euros ao peche do exercicio 2011. “Estes tres millóns nunha empresa cun orzamento de 118 millóns, significan que estamos nos niveis básicos para operacións correntes de financiamento dos pagamentos ordinarios do ente público, ou dito doutra maneira, significan que na práctica a política de endebedamento é agora inexistente na CRTVG”, explicou.

Neste senso, Sánchez Izquierdo afirmou na súa comparecencia que a CRTVG se atopa nas mellores condicións crediticias para abordar a súa transformación societaria cara á nova Corporación de Radio Televisión de Galicia, segundo establece a Lei de medios públicos audiovisuais de Galicia.

O máximo responsable dos medios públicos galegos salientou ademais que a xestión financeira levada a cabo nos 26 anos de vida do ente público galego foi en xeral prudente e que os niveis de débeda existentes cando se fixo cargo da Dirección Xeral non se podían considerar preocupantes en relación coas dimensións económicas da CRTVG. 

 

 

 

Compartir en Facebook
Valoración