A Consellaría de Cultura e a CRTVG presentan un certame de curtametraxes para alumnos de primaria

10/02/2012 16:00
A Consellaría de Cultura e a CRTVG presentan un certame de curtametraxes para alumnos de primaria

O concurso "Nós tamén creamos!" convida aos colexios a facer audiovisuais en técnica "stop motion" sobre historias que están na grella da Galega e que se colgarán nesta web

A directora de TVG,  Rosa Vilas, destacou no acto de presentación que a segunda canle se converteu nun referente para o entretemento de nenos, nenas e público xuvenil

Santiago, 10.02.2012.- O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad presentou hoxe en rolda de prensa o programa “Nós tamén creamos!”, a nova iniciativa posta en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para a dinamización da lingua galega e para a innovación educativa nos centros de infantil e primaria. Este programa, desenvolvido coa colaboración da Compañía de Radio-Televisión de Galicia (CRTVG) e da editorial OQO , arrincará cun certame de curtametraxes en galego elaboradas na técnica stop motion, elaboradas a partir de material realizado por escolares de entre 3 e 9 anos de 50 centros educativos de infantil e primaria.

O conselleiro estivo acompañado pola directora da TVG, Rosa Vilas, e polo coordinador da área audiovisual de OQO Editora, Marcos López, nun acto informativo en que expuxeron os obxectivos que se procuran coa posta en marcha deste programa.

O galego, unha lingua para o futuro

O obxectivo, tanto do programa “Nós tamén creamos!” coma deste primeiro certame, é promover unha relación positiva dos rapaces coa lingua propia de Galicia. Ao mesmo tempo, o programa procura impulsar a lingua galega a través dos medios da CRTVG, convertendo a tvG2 e a sección infantil da web da Compañía nun referente para o audiovisual en galego dirixido aos máis novos. Neste senso, a directora da TVG, Rosa Vilas, sinalou que "desde a posta en marcha da tvG2 quixemos facer dela un referente para o entretemento dos nenos e nenas deste país e tamén para o público xuvenil. E niso andamos a traballar".

 

O certame

“Nós Tamén Creamos!” arrinca coa convocatoria dun certame de curtas en galego na técnica Stop Motion, unha proposta para que alumnas e alumnos de entre 3 e 9 anos de 50 centros educativos se convertan en creadores de curtametraxes de animación, realizando as súas propostas a partir de 14 títulos de OQOeditora.

Os docentes que axuden ás súas alumnas e alumnos a participaren neste certame recibirán a formación e o material necesario para comezar a elaborar as curtas. Así mesmo contarán co asesoramento prestado por OQOeditora ao longo de todo o proceso.

Os traballos resultantes iranse colgando na sección infantil do web da CRTVG. Ademais as tres curtametraxes gañadoras serán emitidas e promovidas en distintos programas da TVG.

Haberá tres premios, un para cada etapa –segundo ciclo de educación infantil, primeiro ciclo de educación primaria e segundo ciclo de educación primaria-. Cada centro premiado nunha destas modalidades recibirá un lote de libros de OQOeditora e máis un agasallo de material proporcionado pola CRTVG; así como un diploma acreditativo expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística. Ademais, as profesoras e profesores implicados na elaboración das tres curtas gañadoras recibirán unha acreditación de 20 horas de innovación educativa.

Lingua galega e innovación

“Nós tamén creamos!” busca fomentar a innovación educativa, incentivando ao tempo o uso da lingua galega en novos espazos e soportes que supoñan xeitos cada vez máis efectivos de aprendizaxe.

Respecto do certame de curtas, baseadas en relatos en galego, salientouse a oportunidade que supón para que as nenas e nenos se acheguen á lectura en galego, no marco da estratexia transversal que está a desenvolver esta Consellaría de fomento do hábito lector entre os máis novos, ao abeiro do Plan LÍA 2010/2015 de bibliotecas escolares para a Lectura, a Información e a Aprendizaxe.

Así mesmo, destacouse o papel fundamental dos docentes, e nomeadamente dos integrados nos equipos de dinamización da lingua galega, na tarefa de dinamizar a lingua galega nas escolas.

Galería de imaxes

Compartir en Facebook
Valoración