CRTVG co cine
A casa da luz
Unha cuadrilla de nenos e nenas pasa as súas vacacións en Eiravella, unha pequena vila a medio camiño do rural e o urbano, entre a construción dunha cabana e os xogos propiciados por Duarte, ex profesor de debuxo e pintor.
Un novo xogo de pistas debe conducir os nenos á presenza de Duarte, pero Duarte non aparece e ninguén sabe dar conta do seu paradoiro. Os nenos cren que Duarte pode non estar vivo pero se o estivese, están dispostos a rescatalo custe o que custe. A preocupación da cuadrilla, especialmente de Alicia, sobriña de Duarte, crece. As sospeitas recaen sobre Pumariño, un vello "Toliño", mudo, marxinado por todo o pobo e que acostuma a facer ocos nas paredes das casas de Eiravella.
A cuadrilla, incrédula, cre que o "Toliño" os quere enganar. Pumariño desaparece repentinamente e uns segundos despois, a través do cadro, xorde outra vez diante dos nenos. Con todas as dúbidas e todos os medos do mundo, Alicia e o resto do grupo deciden seguir a Pumariño e traspasan o cadro na busca do seu amigo pintor.
Directores
Actores
Produtores
Ficha técnica
Título orixinal: A Casa da luz
Ano: 2008
Nacionalidade: ESP (GAL)
Guión : Carlos Amil Serantes
Fotografía: Alfonso Parra
Música: Nani García
Comentario:
Película para nenos fundamentalmente. Baseada nunha novela do mesmo título de Xabier Docampo. Trátase dunha contribución destinada a cubrir un oco existente na cinematografía galega (e mesmo española) de producións destinadas especificamente a rapaces e rapazas. Preténdese artellar unha historia sobre a posibilidade de vivir nunha aventura permanente. Partindo dunha estrutura dramática de doada comprensión. "A Casa da Luz" quere convidar os nenos, e tamén os que deixaron de selo, a unha viaxe en que descubran por medio da diversión, as emocións e a sorpresa que cada día podemos volver á casa máis sabios se conseguimos superar o medo ao descoñecido, que a amizade é máis indestrutible do que supoñiamos e que a solidariedade e a unión entre os pequenos permite vencer os poderosos.
Curiosidades:
- Exteriores rodados en Galicia: na Carballeira de Baio (Zas), Fraga de Cecebre (Cambre), Parque do Pasatempo (Betanzos), Castelo de Moeche (Moeche), minas de Encrobas, Rialeda (Oleiros).
Coa participación de: Compañía de Radio Televisión de Galicia, Ministerio de Cultura , Xunta de Galicia, Consellería de Cultura e Turismo , IGAPE
