CRTVG

Buscar

Semana coa Infancia - UNICEF

Irene Marín, sobre o Día da Infancia: "Hai que traballar coas escolas e familias contra as novas ameazas"

20/11/2019 11:24 h

Hoxe ilumínanse de azul monumentos de toda Galicia para celebrar o trixésimo aniversario da Convención sobre os dereitos do neno. Irene Marín Barca, coordinadora do Comité Galicia-Unicef), visitou o estudio do Bos días para falar sobre a situación e os dereitos dos nenos.

"Esta convención marca un antes e un despois. Houbo moitos avances, pero temos grandes retos. Hai novas ameazas como o cambio climático, que afecta de forma importante os nenos e nenas (secas, vagas de calor...) e tamén o ciberbullying. Dende Unicef traballamos día a día coas institucións públicas para darlle a volta a estas situacións", explica Irene Marín.

A coordinadora do Comité Galicia-Unicef di, ademais, que "nós firmamos con todos os grupos parlamentarios o que chamamos o pacto galego pola infancia, que ten o obxectivo de que se cumpran os dereitos dos nenos da nosa comunidade. Firmamos o primeiro pacto en 2011, pero os contidos actuais son moi diferentes. No 2019 firmamos un novo para traballar en diferentes ámbitos, como o político ou a educación. Son 39 medidas transversais".

En canto á pobreza, Irene Marín di que a temos moi preto: "1 de cada 4 nenos están en situación de pobreza ou exclusión, segundo o indicador Arope. Son nenos que non teñen a posibilidade de comer carne ou peixe dúas veces á semana ou que non teñen calefacción na súa casa. Temos que traballar na prevención. Temos que establecer recursos económicos e humanos que fagan que estas familias teñan os recursos apropiados para non ter que vivir nesta situación".

Sobre a vacinación e a saúde en xeral, Irene Marín explica que "a convención sobre os dereitos dos nenos promove que todos os nenos poidan gozar da saúde ao máis alto nivel. Pero en Galicia hai moitos nenos que, pola situación administrativa dos seus pais, non teñen a posibilidade de ser atendidos na atención sanitaria primaria. Pero non só nos preocupa iso, senón tamén a saúde mental, temos que traballar cos trastornos emocionais e cos problemas cos compañeiros, algo que ten que ver co ciberacoso. E temos que traballar tanto na escola como coas familias. As tecnoloxías avanzan tan rápido que as familias non teñen a capacidade de asumilo para poder orientar aos seus nenos e nenas".

Finalmente, a coordinadora do Comité Galicia-Unicef falou sobre o feito de que cada vez haxa máis paises democráticos no mundo pero que ao mesmo tempo a calidade democrática deses países cada vez sexa menor: "Estamos traballando para que exista un consello galego de participacion infantil e adolescente. Xa existe noutras comunidades e é moi importante que os nenos poidan opinar sobre o que lles afecta".