Xosé Ramón Godoy, entre togas e pinceis

18/05/2020 12:42:44
Xosé Ramón Godoy, entre togas e pinceis

Xosé Ramón Godoy Méndez, maxistrado xubilado e pintor vocacional, ten unha biografía curiosa non só polo feito de alternar a toga cos lenzos, senón por ter vivido circunstancias singulares ó longo da súa xa dilatada traxectoria vital. Chamado  a ser “coruñés de toda a vida”, foi a nacer o 12 de febreiro de 1935 no Ferrol por pura casualidade, xa que a súa nai púxose sorpresivamente de parto nesa cidade á que acudira para visitar a unha cuñada. 

Xa de neno tiña extraordinarias calidades para o debuxo, que amosaba pintando sobre o mármore das mesas do bar que rexentaba o seu pai para incomodo dos camareiros que se fartaban de frotar para facer desaparecer a pegada que deixaba a diversión do precoz artista. Soñou con ser pintor, pero a oposición do proxenitor pesou decisivamente para quitarlle a idea da cabeza. Dicía o señor Godoy que pintar estaba ben para pasar o tempo, pero para gañarse a vida había que facer unha carreira.

Cumpriu o desexo paterno estudando Dereito. Logo dedicou catro anos a preparar o seu ingreso na xudicatura. “Quéixanse agora os opositores, pero daquela si que era duro” rememora. Xa togado, pediu Ribadavia como destino, pero non por razóns profesionais, senón, por amor, a que alí cerca, no pobo de Razamonde, vivía a súa noiva Maite, á sazón filla de Euloxio Gómez Franqueira, creador do grupo Coren e todopoderoso home na política e na vida de Ourense e Galicia na segunda metade do século pasado. Casáronse seis meses despois e di que a figura xa moi destacada do seu sogro non lle impuxo nada, “pois coñecíao dende neno porque eramos parentes afastados”.

Aínda así, sostén que foi unha das personalidades que o marcaron, pois conviviu con el ata o final e mesmo morreu cando ambos vían por televisión un partido fútbol entre o Real Madrid e o Eindhoven. “Profesáballe moito afecto, pois era home de gran humanidade e xenerosidade”, di Godoy, engadindo que “con el cumpríase iso de que os máis grandes e brillantes posúen o maior sentido da humildade”.

Unha das etapas das que se sinte orgulloso Xosé Ramón Godoy é a de ter sido vogal do primeiro Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), no que entrou por votación dos seus compañeiros xuíces “non designados polos políticos como sucede dende entón”, segundo repite oufano sempre que sae o tema a debate. Como membro deste órgano tomou parte activa na transformación do sistema xudicial á democracia. Máis cando non estaba no Consello participando nese labor esencial da Transición, adoitaba ir ó Museo do Prado ou participar en faladoiros con pintores amigos na galería Alfama, recoñecido local no mundo do arte situado na zona máis selecta de Madrid.

No Consello do Poder Xudicial coñeceu a Federico Carlos Sáinz de Robles (primeiro presidente do Consello e do Tribunal Supremo), persoa que lle suscitou admiración pola súa capacidade como xurista e o bagaxe cultural que posuía. Nesa etapa viviu moi de cerca a intentona golpista de Tejero (dentro do Congreso atopábase o seu sogro, Franqueira, deputado pola UCD). “Fomos os primeiros -o Consello- en facer público un manifesto  de apoio á democracia”, apunta, que con posterioridade lle valeu para que o rei concedera todos os membros que entón formaban parte dese órgano a Cruz de San Raimundo de Peñafort, a máxima distinción dentro da xudicatura.

Os últimos dezaseis anos de vida activa profesional viviunos como maxistrado na Audiencia de Ourense, onde participou no xuízo de causas sonadas, entre as que figura o dos participantes na revolta de Allariz en 1989 -entre os procesados estaba Anxo Quintana, alcalde da vila dende 1989 ata o 2000 e logo Portavoz nacional do BNG e vicepresidente da Xunta con Pérez Touriño como presidente-. Daquel xuízo subliña que pasou á historia “pola repercusión pública que tivo, aínda que xuridicamente era de escasa transcendencia”.

A pesares da intensa vida profesional, Godoy nunca deixou de ser pintor, agás no tempo que dedicou a preparar as oposicións á xudicatura. Recoñecido retratista, conta tamén con obra abstracta, modalidade á que recorre despois de facer dous ou tres retratos porque lle permite liberdade para atender á inspiración sen á esixencia creativa do retrato. Non ten conciencia de cando se converteu en pintor, pero si lembra o impacto que lle provocou de moi neno unha exposición de Díaz Pardo, que seguramente influíu para fornecer a vocación.

Case toda a súa creación está en mans privadas, razón que explica en boa medida as súas escasas exposicións. De feito para levar a cabo a montada en 2004 no Centro Cultural Marcos Valcárcel, que acadou gran recoñecemento, tivo que pedir prestados ós seus donos boa parte dos cadros alí colgados, xa que apenas se queda con obra súa. Un dos traballos firmados por el é o retrato de Juan Carlos de Borbón que presidiu o salón de plenos do concello de Ourense durante anos mentres foi rei.

No tempo da xubilación teñen cabida outros pasatempos, como a viticultura, que practica nunha viña que creou en Razamonde a base de mercar pequenas leiras para ir conseguido unha máis grande. Cun amplo sorriso conta que “é o resultado dunha pequena concentración parcelaria feita por miña conta”. Gusta de participar no faladoiro dos seus amigos e “facer de inspector municipal” nos percorridos polas rúas de Ourense. É pai de Sofía Godoy, que foi concelleira de Servizos Sociais na anterior Corporación municipal e empresaria de pan de Cea, cun negocio de vangarda que a pesar do seu curto percorrido pisa forte no sector.

Compartir en Facebook