Xose Lois Campo Rodicio, o galego que participou no proceso de paz en Colombia

12/12/2016 14:32:16
Xose Lois Campo Rodicio, o galego que participou no proceso de paz en Colombia

O ourensán é o responsable de Benposta-Ciudad de los Muchachos en Colombia, onde se encarga da recuperación e atención de nenos vinculados coa guerrilla.

Xosé Lois Campo Rodicio, un galego natural de Parada de Sil, na Ribeira Sacra ourensá, é un dos poucos privilexiados que tomou parte nas negociacións do proceso de paz firmado en Colombia entre o Goberno e a guerrilla. Campo Rodicio estivo presente mesmo no acto formal da firma celebrado en Cartaxena de Indias, invitado polo Executivo que preside Juan Manuel Santos. Isto, en atención ao papel xogado polo galego no proceso e tamén á súa traxectoria de dende hai moitos anos na atención a nenos militarizados pola guerrilla.

A historia singular de Campo Rodicio comezou moitos anos antes deste fito histórico. Sendo un neno incorporouse a Benposta - Ciudad de los Muchachos, a iniciativa que dirixía o cura Xesús César Silva dedicada a procurar unha vida mellor para nenos procedentes de familias sen medios ou desestruturadas cara aos anos 60.

Dende aquelas é coñecido popularmente polo alcume de Pequeno, non só pola súa idade, senón tamén pola baixa estatura. A el nunca semellou importarlle, e tanto entón coma hoxe, responde de inmediato a quen se dirixe a el chamándolle así. Coñeceu o Padre Silva antes de que se fundase o "Circo de los Muchachos", no que se enrolou posteriormente.

Un día, cando o fundador formulou internacionalizar a súa organización e abrir unha sección de Benposta en Colombia, coidou que a persoa idónea para liderar esa aposta era Campo Rodicio. Alí se instalou e xa nunca deixou o encargo, que enseguida tomou vida propia ata o punto de sobrevivir á matriz, perdida nun proceso de descomposición cheo de desavinzas que percorreron os xulgados durante anos.

A evolución de Benposta Colombia derivou na apertura de centros de acollida para nenos que viviron militarizados pola guerrilla e tamén para evitar a incorporación de efectivos infantís como soldados. O papel de Xosé Lois Campo á fronte desta iniciativa foi amplamente recoñecido e galardoado dentro e fóra de Colombia, e mesmo chegou a ser homenaxeado no seu pobo natal no 2015.

Respecto ao seu labor, foi recompensado cando o Goberno e a guerrilla decidiron abrir conversas para tratar de buscar unha saída despois de medio século de actividade terrorista das FARC. Foi incluído nunha mesa técnica dende a que fixo achegas para artellar fórmulas de convivencia dende a perspectiva dos nenos, e chegou a enviar unha nena para dar testemuña en primeira persoa da violencia sufrida.

Durante meses traballaron en propostas pedagóxicas para poñer en marcha tras a firma da paz, pois malia que está convencido de que a paz é irreversible, tamén o está de que o momento actual non é máis ca un estado de esperanza, porén, tamén esixe que se resolvan as problemáticas estruturais nas rexións en que se viviu o conflito armado. Iso implicará cambios, desenvolvemento, redistribución da terra e unha serie de garantías para os nenos e as nenas, segundo el mesmo indicou.

Campo Rodicio é plenamente consciente de que aínda resta un longo camiño por percorrer, que non será posible cubrir en días, nin en semanas, nin en meses.

“Serán anos, pero a ilusión que existe agora mesmo vai ser o mellor motor para camiñar por esa vía. O plan de paz abrangue un proxecto horizontal que terá que actuar en todas as frontes, pois por un lado hai que completar o desarmamento, logo buscar saída sociolaboral para os desmilitarizados, decidir que tipo de medidas xudiciais se aplican aos que teñen cargos de responsabilidade, crear un sistema para garantir a integridade e a supervivencia deles, ter en conta a participación política da organización guerrilleira. En fin, unha tarefa apaixonante”, indica el.

O ourensán séntese orgulloso de ser galego.

"En 42 anos que levo en Colombia, nunca me formulei a miña situación alí", dixo Campo Rodicio.

Porén, o día da firma dos acordos de Paz en Cartaxena sentiu "un inmenso orgullo do pobo colombiano e por vez primeira, sentín a necesidade de solicitar a nacionalidade dese país. Aínda que despois non o fixen, naquel momento sentinme colombiano".

Compartir en Facebook
Valoración
  • 3,3333333333333
  • 1
  • 2
  • 3
  • 4
  • 5
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí