Vinte e seis anos despois da visita de Fidel, a casa natal de seu pai en Láncara converterase no segundo museo da emigración galega

12/07/2018 13:47:46
Vinte e seis anos despois da visita de Fidel, a casa natal de seu pai en Láncara converterase no segundo museo da emigración galega

Ao abeiro daquela visita e a notoriedade adquirida pola casa natal do líder cubano, construirase o anunciado museo da diáspora

Vinte e seis anos despois da visita do presidente cubano Fidel Castro a Láncara, a casa natal do seu pai será destinada a museo da emigración galega. Será o segundo centro destas características dedicado a recoller e plasmar o mundo da diáspora, despois do que está promovendo a Deputación de Ourense no pazo de Vilamarín, baixo a coordinación do historiador escritor e avogado Manuel Carrete, catalán de nacemento, pero descendente de galegos e moi vencellado a Galicia. Moi implicado na defensa do galego e da cultura galega en Cataluña, foi presidente do Centro Galego de Barcelona.

Aínda que o proxecto ourensán parece estar máis avanzado, posto que arrancou en 2014, a proposta do editor Sotelo Blanco e o antropólogo Manuel Mandianes, e que xa se anuncia a súa inauguración para 2019, ambos espazos complementarán a realidade da emigración galega ao longo da historia, pero fundamentalmente no último século e medio, e a súa influencia na vida e no ser de Galicia. Precisamente é unha das poucas comunidades que contando cun importante éxodo histórico de cidadáns cara distintas partes do mundo, carece dun recinto que amose esa singularidade, agás o arquivo do Museo do Pobo Galego.

Cando Fidel visitou a casa natal de seu pai en Armea, aledouse de que o seu proxenitor nacese “nunha humilde choza”, en vez de nunha vivenda de máis entidade. A frase formou parte dos pronunciamentos solemnes que adoitaba facer ó líder cubano, pois aínda que era certo que Ángel Castro naceu nunha sinxela morada, en Cuba converteuse en rico facendado, con posibles suficientes para que a súa numerosa prole, e particularmente Fidel, recibirán unha formación elitista e burguesa, fóra do alcance da maioría dos cubanos.

Con todo, a viaxe tivo un gran impacto nos medios, pois reunía os ingredientes imprescindibles para elo. Dunha banda o carisma do pai da revolución cubana e o seu dilatado liderado ao fronte do país; doutra, o interese de Manuel Fraga, daquela presidente da Xunta, en estreitar lazos cun país en que se coñeceron os seus pais, Manuel Fraga e María Iribarne, emigrantes os dous, e onde el mesmo viviu dous anos sendo moi cativo. No medio, o legado material e espiritual de centos de miles de galegos que atoparon na illa caribeña un modo de vida e contribuíron decisivamente ao seu progreso e deixaron unha singular pegada na súa historia.

Hai moitos expertos que aseguran que a orixe galega de Fidel  marcaba de xeito consciente ou inconsciente, as cordiais relacións hispano-cubanas ou o que é o mesmo: entre castrismo e franquismo, máis alá das declaracións públicas mutuas tan condenatorias como rimbombantes, que agochaban un entendemento e unha relación fluída baixo corda.

Agora, ao abeiro daquela visita e a notoriedade adquirida pola casa natal do líder cubano, construirase o anunciado museo da emigración, atendendo á proverbial tendencia dos galegos ao individualismo, fronte á non menos proverbial militancia dos emigrantes á unión de esforzos para marcar fitos aínda hoxe non superados e perfectamente reflectidos nos edificios do Centro Galego da Habana e o de Bos Aires, respectivamente, símbolos da solidariedade e da galeguidade entre paisanos afastados da súa terra.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí