Valedor do Pobo: un cargo para xuristas de A Coruña e Ourense

22/08/2019 11:56:33
Valedor do Pobo: un cargo para xuristas de A Coruña e Ourense

Os únicos adxuntos ou vicevaledores non procedentes do mundo do Dereito son os xornalistas Celso Montero e María Xosé Porteiro

Os titulares da Oficina do Valedor do Pobo (aínda que a evolución social fai que aparezan como titulares Valedoras) desde o nomeamento do seu primeiro responsable no ano 1990 estiveron ocupados por xuristas e maioritariamente, maxistrados. Aínda que está considerada como unha das institucións básicas da autonomía galega, a súa posta en marcha non foi doada. Figura contemplada no artigo 14 do Estatuto de Autonomía de Galicia aprobado en 1980, porén a norma lexislativa que a regula non foi desenvolvida ata dous anos despois, a iniciativa do entón deputado Camilo Nogueira. O relatorio elaborado ó efecto tardou outro ano, decembro de 1983, que foi cando o Parlamento Galego lle deu o nome de Valedor do Pobo. A lei definitiva, aprobada por unanimidade, entrou en vigor o 5 de xuño de 1984.

Con toda esa andadura, o Lexislativo galego non elixiu o primeiro Valedor ata o 1 de xuño de 1990. O seu titular foi Xosé Cora Rodríguez, home cunha extraordinaria traxectoria no eido xudicial como ex-presidente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, ex presidente da Audiencia Territorial de A Coruña, ex-presidente da Audiencia provincial de Ourense, onde tamén foi maxistrado e xuíz, posto dende o que lle tocou instruír o sumario do caso do metílico, consistente na adulteración de alcol etílico mesturándolle outro de tipo industrial, moito máis barato pero non apto para o consumo humano.

Baixo o seu mandato desenvolveuse a estrutura da Oficina do Valedor, dándolle un considerable pulo ó tempo que lle conferiu un prestixio social na defensa dos intereses da cidadanía galega. Permaneceu no cargo ata o ano 2002 despois de ser reelixido en 1995 para un segundo mandato e prorrogar o mandato dous anos máis da data fixada, pola falla de acordo entre as forzas políticas para nomear sucesor. Na súa etapa actuaron como vicevaledores o avogado Xosé Carlos Rodríguez e o xornalista e ex-senador socialista Celso Montero, os dous ourensáns, a proposta do PPdeG e o PSdeG, respectivamente.

O segundo valedor foi Xosé Ramón Vázquez Sandes, tamén coruñés, e igualmente ex-presidente do Tribunal Superior de Xustiza, con dilatada carreira profesional na que foi xuíz de primeira instancia, maxistrado da Audiencia de Pontevedra, presidente da de Salamanca e maxistrado do Tribunal Supremo durante uns meses previos á súa retirada definitiva da carreira xudicial. Tomou posesión en marzo de 2002 e rematou o mandato en 2006, pero tamén prorrogou a súa estadía á fronte da institución un ano máis ata que o Parlamento acadou o consenso preciso para designar ó seu substituto. Tivo como vicevaledores ó lugués Antonio Pol, notario, ex-alcalde de Lugo e ex-deputado do PP; Olga García Agra, licenciada en Dereito, ex-concelleira de Abegondo e ex-delegada provincial de Medio Rural en A Coruña; e Gumersindo Guinarte, catedrático de Dereito Penal e ex-concelleiro de Santiago, propostos respectivamente polo PPdeG, BNG e PSdG.

O terceiro alto comisionado para dirixir a Oficina do Valedor do Pobo foi Benigno López González, nado na provincia de A Coruña igual que os seus dous antecesores e tamén igual que eles xuíz de profesión, que exerceu en Corcubión, Carballo e Bilbao. Como maxistrado estivo en Ourense e na Audiencia de A Coruña, cargo dende o que pasou á sección primeira da Sala do contencioso-administrativo do Tribunal Superior de Xustiza, que presidiu dende 2004 ata 2007 ata ser elixido Valedor.

Tomou posesión en xullo do mesmo ano, permanecendo no cargo ata maio de 2012, cando presentou a dimisión a dous meses de rematar o seu mandato. A decisión estivo motivada pola forte polémica suscitada por unhas palabras súas no Parlamento suxerindo suspender a aplicación da Lei de Dependencia debido ós efectos da crise económica. Os vicevaledores nesta etapa foron Dolores Galovart, viguesa de adopción, ex-maxistrada en Ferrol e Ponteareas e ex-xuíza especializada en asuntos de familia en Vigo. Foi deputada do PSOE no Congreso pola provincia de Pontevedra. Dimitiu como vicevaledora xusto antes de que presentara a renuncia Benigno López, en desacordo polas citadas manifestacións de este en sede parlamentaria. O outro vicevaledor neste mandato foi Xosé Xulio Fernández Rodríguez, ourensán, posuidor do currículo máis heteroxéneo e brillante de cantos pasaron pola Oficina do Valedor. Despois da renuncia de Benigno López, o Parlamento designouno Valedor en funcións, posto no que permaneceu ata 2015. É doutor en Dereito constitucional, licenciado en Ciencias Políticas, Xornalismo e fixo estudos de Seguridade e Defensa. Ademais é autor de obras especializadas de Dereito, de literatura infantil e poesía.

En 2015 chegou a primeira Valedora do Pobo despois de que resultara elixida Milagros Otero Parga, tomando posesión o 2 de setembro de 2015. Compostelá de nacemento, doutora en Dereito, catedrática de Filosofía do Dereito e ex-decana desta facultade na Universidade de Santiago, sendo tamén a primeira muller que ocupou tal posto, como foi a primeira académica numeraria da Real Academia Galega de Lexislación e Xurisprudencia. Renunciou ó posto de Valedora despois de verse salpicada polas irregularidades na designación de xefa de servizo da institución a unha filla de Francisco Puy, ex-catedrático de Dereito na USC e sobriña de Fraga. Como adxunto tivo ó vigués Pablo Cameselle.

A consecuencia do abandono de Milagros Otero, o Parlamento elixiu a María Dolores Fernández Galiño, ourensá do Carballiño, ex-xuíza en Ponteareas, ex-maxistrada en Pontevedra, de onde pasou á sección segunda da Audiencia provincial de A Coruña, onde exerceu dende 2001. Formou parte do tribunal que xulgou o caso Prestige. Como adxunta ou vicevaledora exerce outra muller, María Xosé Porteiro, madrileña de pai galego, afincada en Vigo dende a infancia e xornalista con ampla traxectoria política e institucional impulsada polo PSdG, co que foi concelleira en Vigo, parlamentaria autonómica, deputada no Congreso, delegada da Xunta en Bos Aires, directora dos Museo dos Ferrocarriles e escritora.

De todos os valedores e vicevaledores ou adxuntos ó titular ou á titular da institución, os únicos que non proceden ou están vencellados ó mundo do Dereito son xornalistas: a viguesa María Xosé Porteiro, que acaba de ser nomeada, e o ourensán Celso Montero, que exerceu nos dous primeiros mandatos, con Xosé Cora á fronte. Dáse a circunstancia que pola súa lugar de orixe, os Valedores proceden todos das provincias de A Coruña e Ourense.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí