Unha marca para cada padal

24/07/2019 14:41:09
Unha marca para cada padal

Os departamentos especializados das grandes compañías exploran permanente os mercados para saber as texturas e clientes que atraen ós potenciais clientes. Na capacidade que teñan para identificar a demanda reside boa parte do éxito comercial dos seus produtos, coa axuda inestimable dos departamentos de promoción e marketing para convencer ó maior número de consumidores posibles do que deben mercar.

Pero aínda que esta estratexia figura nos manuais para gañar a batalla nas grandes superficies, hai experiencias que non seguen esa liña, senón que teñen o seu propio sistema. É o caso de Chocomiño, empresa do grupo Do Noso, adicado á elaboración e venda de café e chocolates. Está afincada na aldea de Arantei, no concello de Salvaterra; con Xaquín Eiras, o seu irmán Gumersindo e César Bargiela á fronte.

Os inicios da alianza foron un pouco atípicos, constante que se mantivo ó longo do tempo como os socios tiveran interese en diferenciarse dos demais, ata converterse nunha das súas características. Gumersindo era propietario dun tosteiro de café e o seu irmán Xaquín, que hoxe é o xerente do conglomerado empresarial, gañábase a vida como vendedor de libros dunha das grandes empresas do país.

Nada máis deixar ese oficio ofrecéronlle a xerencia duns multicines, actividade que apuntalou a súa vocación de cinéfilo empedernido, pero que tamén deixou para meterse na aventura empresarial, que contribuíu a impulsar cos outros dous socios. Diso hai máis de tres décadas, cunha evolución que fixo que o tosteiro de café sexa hoxe unha actividade máis da empresa. Hai vinte anos pasáronse ó chocolate comprando a fábrica dos Chocolates Antón, de Allariz.  Cando montaban a nova liña adquiriron a maquinaria dos chocolates La Perfección, de Vigo, levándose para Arantei tamén ó mestre chocolateiro.

Con eses vimbios foron construíndo unha próspera industria que hoxe ten unha trintena de produtos no mercado, desde chocolate tradicional ata turrón de améndoa ou de albariño. Hai dúas liñas vermellas que non traspasan nunca: traballar sempre con materia prima da mellor calidade, sen cabida para os sucedáneos, e situar a mercadoría en pequenas tendas e establecementos gourmet, renunciando a estar nas grandes superficies por entender que aí son os responsables das mesmas quen impón as condicións, o que obriga a reducir marxes e calidades. Para os turróns aínda hai unha terceira máxima, que pasa por retirar os excedentes das tendas unha vez pasada a campaña do Nadal, de xeito que o produto non sexa ofrecido en oferta nin sexa consumido fóra do seu momento óptimo.

Conscientes de que non poden competir coas grandes multinacionais do sector, converteron ese problema nunha vantaxe a base de explotar a versatilidade do seu modelo de elaboración, xa que poden vender produtos personalizados para cerimonias ou grandes eventos e mesmo para outras empresas ou establecementos con marcas distintas ás súas.

Unha das curiosidades que descubriron cando se meteron no negocio do chocolate é que cada territorio está familiarizado cunha marca determinada. Por exemplo, na comarca de Vigo era a de La Perfección, mentres que en Allariz o chocolate de referencia era o Antón. Pois ben, cada intento de meter unha marca nova ou distinta coa mesma composición, estaba condenado ó fracaso e aínda hoxe os consumidores seguen preferindo a marca que os acompañou toda a vida, coma se o envoltorio afectara ó padal. Así que as marcas novas ábrense paso, fundamentalmente, en mercados novos. As de sempre, cada unha no seu lugar.

O grupo non é alleo á evolución e á modernización, mais Xaquín está convencido de que hai que manter o respecto polo pasado. Por iso empezaron a adicar un espazo a carón do complexo fabril para ir construíndo un pequeno museo do chocolate e do café, con maquinaria antiga e utensilios utilizados noutros tempos nun labor que a pesar dos cambios, segue precisando do cariño de quen traballa con el para acadar a excelencia.

Compartir en Facebook