Sober lidera a clasificación galega de adegas

28/03/2016 10:42:17

O posto de honra ten especial valor dada a situación dos viñedos, dispostos sobre bancais nas ladeiras do Sil cunha gran pendiente. 

O concello lugués de Sober encabeza a clasificación galega de adegas amparadas por denominación de orixe, con 29 empresas dedicadas ao cultivo, elaboración e venda de viños, principalmente tintos e pertencentes á subzona de Amandi dentro da Ribeira Sacra. O posto de honra ten especial valor dada a situación dos viñedos, dispostos sobre bancais nas empinadas ladeiras do Sil, dentro do que hai uns anos se deu en chamar viticultura heroica.

Conta practicamente cunha de cada tres adegas incluídas na denominación de orixe Ribeira Sacra, que roza o centenar. A D.O. Ribeira Sacra é a terceira polo número de adegas amparadas, despois das Rías Baixas, con 200, e O Ribeiro, con 109. As denominacións mais cativas por número de adegas son a de Valdeorras, con 44, e a de Monterrei (a máis nova), con 24.

Por produción, a D.O. Rías Baixas tamén aparece en primeiro lugar, con 22 millóns de quilos de uva recollidos na última colleita, a do 2015; en segundo lugar está o Ribeiro, con 14,2 millóns de quilos; Valdeorras é terceira, con 6,5 millóns de quilos; a Ribeira Sacra, cuarta con 6,1 millóns, e en último lugar está Monterrei, con 4,7 millóns de quilos de uva recollidos.

Aínda que o Consello Regulador da Ribeira Sacra botou a andar na década dos noventa, para esa época o viño de Amandi xa gozaba de importante sona, que veu rodando dende á época romana ata os nosos días. Porén, no desenvolvemento e progreso do produto tivo moito que ver a Feira do Viño de Amandi, organizada polo concello por vez primeira o domingo de Ramos de 1981 coa idea de potenciar a feira tradicional, acosada polo constante devalar nos últimos anos. No devandito mercado déronse cita unha vaca e 13 barricas da cuartilla, ou sexa cunha capacidade de 32 litros cada unha, que veñen sumando un total de 3,25 moios de viño.

Din as crónicas que non se sabe nada da sorte da vaca, pero si que o viño desapareceu nun abrir e pechar de ollos, a un prezo de 125 pesetas o litro, cando os adegueiros o comercializaban por aquelas datas a 60 pesetas. Todos cantos tiñan relación co sector decatáronse axiña de que a aquilo había que darlle continuidadelo e o concello concordou con iso. Deste xeito, ao ano seguinte xa se fixo un certame dedicado só aos viños co nome da Feira do Viño de Amandi.

Dende entón, a produción incrementouse notablemente, e a pesar de que a localización é a mesma e o esforzo no coidado das cepas sigue sendo alto, a mecanización achegou algo de comodidade ao traballo. A modernización do labor nos viñedos comezou pola apertura de pistas en zigzag dende o cima dos montes ata o fondo. Por elas baixan os tractores e as máquinas para o tratamento das cepas que asumiron o traballo feito ata entón por homes cargados coas sulfatadoras ao hombro. Así mesmo, fóronse instalando mecanismos de tracción mecánica que tiran polas caixas coas uvas, que substituíron á súa vez os culeiros que eran carrexados por homes durante centos de metros por pendentes que se moven entre o 40 e o 60% de inclinación, aínda que hai plantacións que rexistran valores con pendientes máis pronunciadas.

As zonas de produción de Amandi están situadas nas parroquias de Doade, Amandi, Lobios, Pinol, Santiorxo, Bolmente e tamén unha parte das de San Martiño de Anllo e Santo Estevo de Anllo, que abranguen unhas 200 hectáreas traballadas por uns 300 viticultores encadrados nas 29 adegas mentadas.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí