Só a cuarta parte das forzas políticas que se presentaron o 10N obtiveron escano no Congreso

21/11/2019 12:00:57
Só a cuarta parte das forzas políticas que se presentaron o 10N obtiveron escano no Congreso

O Congreso dos Deputados, que se constituirá o próximo 3 de decembro dando inicio á XIV lexislatura democrática desde as primeiras eleccións de marzo de 1979, estará integrado por 16 forzas políticas, apenas a cuarta parte (24,3%) do total que concorreron ós comicios do pasado 10 de novembro, que foron 66 no conxunto do Estado, aínda que só as máis grandes presentaron candidatura en todas as circunscricións electorais.

As 66 formacións que participaron no último proceso electoral presentaron un total de 1.289 listas, 68 máis que no 28 de abril pasado. De elas, 636 candidaturas optaban a escanos no Congreso e as outras 653 ao Senado. Estas cifras quedan lonxe do récord de 2008, cando se presentaron 1.111 candidaturas no Congreso e 1.220 para o Senado. A razón da importante redución estriba na norma implantada en 2011 que obriga aos partidos extraparlamentarios a presentar avais dun determinado número de electores, provocando esa criba na oferta electoral.

Os partidos que se presentaron nas 52 circunscricións electorais foron PP, PSOE, Unidas Podemos, Ciudadanos e Vox. Todos eles obtiveron representación parlamentaria. Tamén concorreron en todos -ou practicamente todos- os territorios as forzas extraparlamentarias Partido Animalista (Pacma), Recortes Cero, Por Un Mundo + Justo e o Partido Comunista de los Pueblos de España, aínda que esa presenza xeneralizada non lles serviu para chegar ao Congreso ou ó Senado.

Entre as que se presentaron en circunscricións concretas ou de xeito selectivo están as formacións nacionalistas -ou independentistas- con máis implantación, como Esquerra Republicana de Cataluña, Junts x Cat, CUP-PR, Més Compromis, Coalición Canaria, Bloque Nacionalista Galego, En Comú Podem, PNV, EH Bildu, Partido Regionalista de Cantabria e Teruel Existe. Todas obtiveron representación, xunto con Más País, a coalición liderada por Íñigo Errejón, que non é nacionalista, e que se presentou en 15 provincias, obtendo tres deputados.

A provincia que contou con maior número de candidaturas foi Barcelona, con 19 para o Congreso e 17 no Senado, seguida de Valencia, con 18 e 16 respectivamente; Las Palmas, Tarragona e Castellón, con 16 candidaturas en cada caso. Con 15 candidaturas ó Congreso estiveron Murcia, Lleida, Zaragoza, Alicante e Girona, xunto con Teruel, cun censo moito máis reducido, pero cunha alta sensibilización sobre a situación socioeconómica da mesma, como o demostra que o movemento Teruel Existe fose a forza máis votada na provincia, o que lle outorgou un deputado. Este último caso contrasta con Madrid, onde só se presentaron 12 listas ao Congreso e 11 ó Senado.

Entre as candidaturas curiosas de implantación reducida están a formación Por Avila (XAV), que logrou 5.399 votos, xusto por debaixo de Podemos, que obtivo 5.977. Na mesma provincia, por exemplo, Falange Española de las JONS, sacou 56 votos dos 94.200 emitidos, aínda que o faroliño vermello levouno o Partido Libertario (tamén presentou candidatura en Alacante e Cádiz),  con so 34 sufraxios. Teruel tamén aportou outras curiosidades á xornada do 10N, como a presentación do partido Unión de Todos (UDT), que recolleu 31 votos de 74.296 emitidos, mais non foi o peor rexistro nesa provincia, pois foi superado á baixa pola candidatura Auna Comunitat Valenciana (AUNACV), con 12 votos, pouco máis que os candidatos e os suplentes. Esta mesma forza obtivo na provincia de Valencia 543 votos dun total de 1.396.558 emitidos.

En Murcia, onde gañou VOX, tamén houbo oferta electoral atípica, coa participación de Somos Región, partido liderado por Alberto Garre, expresidente da rexión durante tres meses polo Partido Popular, que abandonou esta formación ó deixar o poder, e que sacou 2.303 votos de 719.842 emitidos, ou Contigo Somos Democracia que non pasou dos 542.

Non estivo moito máis lonxe en porcentaxe de apoios Converxencia 21 (C21) en Lugo, que sacou 64 votos dos 181.180 emitidos en toda a provincia. Centrados en Segovia recibiu 237 votos de 86.079 e Convergencia Andaluza (CAnda), obtivo 515 en Granada, dun total de 487.734 posibles, superando, iso si, á Izquierda Anticapitalista Revolucionaria (IZAR), que non pasou dos 144. O Partido Demócrata Social Jubilados Europeos, que se presentaba en varias provincias, sacou en Albacete 296 votos, o 0,14% dos votos emitidos.

En Galicia, a candidatura máis novel pola circunscrición de A Coruña foi Recortes Cero, que logrou 935 votos dos 614.199 emitidos; en Lugo, á xa comentada Converxencia 21, co xa comentado humilde balance de 64 votos; en Ourense, onde tamén competía Recortes Cero, cabe subliñar, porén, os 287 votos acadados pola formación Por un Mundo + Justo, liderado por Rafael Fernández Alonso, que era o candidato da mesma á presidencia do Goberno. En Pontevedra, por último, foi esta mesma formación a que recibiu menos apoios, con 429 papeletas, un 0,08% das emitidas polos cidadáns desa provincia.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí