Rajoy, sexto presidente da democracia contemporánea e cuarto por tempo de permanencia no cargo

11/06/2018 12:52
Rajoy, sexto presidente da democracia contemporánea e cuarto por tempo de permanencia no cargo

Ocupou a presidencia durante seis anos, seis meses e dez días. O que máis tempo gobernou foi Felipe González, con 13 anos e medio; o que menos, Calvo Sotelo, que tan só gobernou durante 21 meses

Mariano Rajoy foi o sexto presidente do Goberno na España democrática dende a liquidación do franquismo, ocupando o cargo durante seis anos, seis meses e dez días, dende o 21 de decembro de 2011 ata o 1 de xuño pasado, despois de que trunfara a moción de censura presentada polo PSOE contra el, sendo a primeira que desaloxa a un presidente de Goberno, xa que as tres anteriores fracasaron.

O dirixente galego foi o que accedeu ó cargo con maior idade na etapa democrática iniciada na Transición, pois naceu o 27 de marzo de 1953 e asumiu a presidencia do Goberno o 21 de decembro de 2011, cando contaba con 56 anos, cinco meses e 24 días. A pouca distancia síguelle Leopoldo Calvo Sotelo, presidente entre o 25 de febreiro de 1981 e o 1 de decembro de 1982, habendo nacido o 14 de abril de 1926, polo que accedeu á máis alta maxistratura do país con 55 anos, 9 meses e 11 días.

O que máis anos exerceu como presidente foi Felipe González, con 13 anos e seis meses meses. O veterano ex dirixente socialista sevillano foi tamén o que debutou máis xove  no cargo, xa que accedeu a el ós 40 anos. En contrapartida, o de mandato máis efémero foi o xa nomeado Calvo Sotelo, con 21 meses e seis días, ainda que a pesares do corto espazo tocoulle un dos perIodos máis convulsos da vida política e social do país, xa que a votación para a sua investidura quedou interrompida durante dous días polo intento de golpe de estado encabezado polo ex tenente coronel Tejero, en tanto que a súa marcha estivo precedida doutra operación golpista, aínda que foi abortada a tempo polas forzas de seguridade.

Despois de González, o gobernante con máis anos a fronte  da presidencia do Goberno foi José María Aznar, á que chegou o 4 de maio de 1996 e abandonouno o 16 de abril de 2004, co que suma oito anos e doce días. No terceiro posto deste imaxinario ranking dos ex presidentes está o socialista José Luis Rodríguez Zapatero, con 7 anos e 8 meses, que tomou posesión o 16 de abril de 2004.

Síguelle o antedito Rajoy con seis anos e medio. En penúltimo lugar está Adolfo Suárez, o primeiro presidente da democracia, que chegou ó posto nomeado polo Rei co encargo de dar inicio á transición política en xullo de 1976. Gañou as eleccións constituintes de xuño de 1977  a fronte  dun conglomerado de partidos baixo o paraugas da UCD, e volveu a gañar o 1 de marzo de 1979, xa aprobada a Constitución. Dimitiu o 29 de xaneiro de 1981 acosado polos baróns do seu propio partido e no medio dun indisimulado ruído de sables nos cuarteis. En total, estivo no poder cinco anos e medio. O da presidencia máis breve, que quizais viviu o periodo máis convulso, foi Calvo Sotelo, que empezou despois da asonada do 23-F e rematou cando se argallaba outro pronunciamento militar.

Todos viviron acontecementos que forman parte da historia de España. O mandato de Adolfo Suárez quedou marcado polas primeiras eleccións libres e plurais 41 anos despois do alzamento militar liderado por Franco. Tamén a aprobación da Constitución en 1978, ainda vixente. A etapa de Calvo Sotelo ten como fitos, ademais dos intentos de rebelión militar, o ingreso de España na OTAN e a aprobación da lei do divorcio, con Francisco Fernández Ordóñez como ministro que xerou unha importante controversia social, xa que boa parte do seu partido estaba en contra da mesma, xunto coas forzas de dereitas. Aínda así, a lei acadou os apoios suficientes para a súa implantación.

Para Felipe González, os acontecementos máis salientables do seu longo mandato foron a universalización da sanidade pública gratuita e a incorporación de España á Unión Europea, que supuxo unha importante xanela aberta á modernización do país, axudada pola xenerosa axuda de fondos europeos. Outro fito destacado é a aprobación da lei do aborto en 1985, sendo ministro, igual que cando se aprobou a do divorcio, Francisco Fernández Ordóñez, despois da sua incorporación ó Partido Socialista. Ordóñez aínda ocuparía despois a carteira de Asuntos Exteriores, que deixou debido a unha grave doenza que acabaría por causarlle a morte.
Nos oito anos de Aznar, pódense considerar como feitos máis salientables a implantación do euro como moeda común en boa parte da UE, o apoio á guerra de Iraq contra o réxime de Sadam Hussein, e os atentados do 11-M, que o Goberno atribuiu nun primeiro momento a ETA, pero que logo se confirmou que foi obra de activistas islamistas radicais.

Do Goberno de José Luis Rodríguez Zapatero destaca a aprobación da norma que legalizaba o matrimonio homosexual e o anuncio de ETA de que deixaba as armas. Uns anos antes, a banda terrorista romperá unha tregua decretada pola banda armada, cometendo un atentado na T4 de Baraxas.

Na etapa de Rajoy destaca a política de axustes para tratar de frear os efectos demoledores da grave crise económica que asfixiaba a España, para iniciar o camiño da recuperación. Na parte feliz destaca o anuncio de ETA de disolverse como organización criminal.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí