Ourense acolle as dúas maiores concentracións populares galegas, coa romaría dos Milagros, en Molgas, e a Festa do Polbo do Carballiño

13/09/2017 10:51:59
Ourense acolle as dúas maiores concentracións populares galegas, coa romaría dos Milagros, en Molgas, e a Festa do Polbo do Carballiño

A provincia de Ourense conta cos dous puntos nos que se rexistran as maiores concentracións de xente no contexto galego das festas populares con máis de cen mil participantes en cada unha delas. Unha é a romaría adicada á Virxe dos Milagros do Monte Medo, no concello ourensán de Baños de Molgas, que conta con milleiros de devotos, que cada ano participan na novena e nas misas que se ofrecen no santuario dende finais de agosto ata o día 8 de setembro. A pesares do respectable tamaño do templo relixioso, faise insuficiente para albergar aos asistentes nas horas punta, por iso os oficios relixiosos máis concorridos teñen lugar na explanada exterior do recinto para poder acoller a máis xente.


Dentro das concentracións festeiras de carácter pagán, a que conta con máis seguidores é a Festa do Polbo do Carballiño, que este ano celebrou a súa LIV edición. En ambos casos, os expertos apuntan a que foron máis de 100.000 persoas as que participaron nas dúas mentadas manifestacións festeiras da provincia de Ourense no seu día grande A eles hai que sumar os fieis que participaron nas misas e novenas anteriores á celebración do día dos Remedios. No caso dos Milagros, hai que engadir os milleiros de persoas que se achegan a comer e beber nos innumerables postos  de todo tipo expandidos polos arredores.


A estas dúas manifestacións, relixiosa unha, e popular a outra, únense outras moitas espalladas pola xeografía galega. As máis coñecidas e concorridas son o coñecidísimo santuario da Virxe da Barca, en Muxía, ó pé de onde se atopa a pedra de abalar, aínda que nos últimos tempos perdeu espectacularidade debido á fractura da mítica pedra de abalar.


Importantísima é tamén a participación nas celebracións do Cristo da Vitoria, de Vigo; séguenlle a Virxe do Corpiño, en Lalín, e a da Franqueira, no concello de A Cañiza. En Padrón celébrase a festividade de Santiaguiño do Monte, a de San Benito en Cova do Lobo; a da Franqueira, na Cañiza; San Andrés de Teixido, en Cedeira, e o Santo Cristo da Xende, ubicada no concello de A Lama, ou o San Benito de Cova do Lobo, no concello de Barbadás.


Dentro das festas profanas, ademais da Festa do Polbo do Carballiño, destacan polo grao de participación a romaría viquinga de Cedeira; a Festa da Auga en Vilagarcía, a Festa do Albariño en Cambados e a do Viño do Ribeiro.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí