Os temporais de vento e chuvia, vellos coñecidos de Galicia nos tempos de outono e inverno

14/11/2018 14:38:55
Os temporais de vento e chuvia, vellos coñecidos de Galicia nos tempos de outono e inverno

Beatriz non chegou á categoría dos considerados fitos meteorolóxicos no último medio século



Acaba de irse o temporal Beatriz, despois de cruzar Galicia de oeste a leste en dúas fases, deixando tras de si un regueiro de incidencias, rexistradas maioritariamente nas provincias da Coruña e Pontevedra, con 182 e 148, respectivamente; seguidas de Lugo, con 51, e, por último, Ourense, con 21 sucesos. Árbores caídas polo efecto do vento, estradas cortadas, caída da subministración eléctrica nalgunhas zonas e pequenas inundacións, consecuencia das importantes cantidades de auga caída, constitúen o balance da acción deste “fenómeno meteorolóxico adverso” dos primeiros de novembro. Con todo, non pasará á historia na categoría dos considerados fitos meteorolóxicos no último medio século no territorio galego.

Cada vez que se rexistra un episodio desta natureza, dende distintos ámbitos atribúense ás consecuencias do cambio climático mundial debido ao maltrato que a humanidade lle inflixe ao planeta. Porén, os expertos, aínda recoñecendo cambios de tendencia, amósanse cautos á hora de pronunciarse de xeito tan rotundo. A tese do físico e meteorólogo Miguel Anxo García é que nos fenómenos meteorolóxicos “conflúen polo menos cinco ou seis causas”, unha das cales é a acción humana, mais a súa influencia real está aínda por determinar.

Sen ser categórica tampouco, Nieves Lorenzo, doutora en Física e membro do grupo Environmental Physics Lab, sostén que, como consecuencia do quecemento térmico que afecta as zonas globais, o desxeo ártico fai descender o aire frío a latitudes máis baixas, dando lugar a este tipo de fenómenos meteorolóxicos e que explicarían tamén as vagas de calor no verán. Ao seu xuízo, estase producindo un cambio de patróns no comportamento da atmosfera.

A estatística de fenómenos meteorolóxicos máis importantes rexistrados en Galicia ao longo do último medio século recollen o ocorrido o 7 de novembro de 1965, cando a costa galega sufriu importantes desfeitas con ondas xigantes na costa, que derruíron totalmente o porto de Malpica, mentres un home maior morreu na Coruña ao ser arrasada pola auga a vivenda en que residía, situada nas proximidades do mar.

Un dos temporais de maior impacto foi o rexistrado o 5 de febreiro de 1972, con fortes refachos de vento que provocaron considerables danos nas infraestruturas públicas e tamén en propiedades privadas, con moitas casas e empresas afectadas. O aire levantou case todo o tellado do pazo de Cima de Vila de Trasalba (Amoeiro), propiedade de Otero Pedrayo, e tamén botou ao chan un grande exemplar de pinsapo, plantado polo seu pai o 5 de marzo de 1888, día do nacemento do que logo sería unha das figuras máis importantes da cultura galega. O propio Otero Pedrayo fíxose eco nun artigo xornalístico da perda daquela árbore tan significativa para el. Percibiu a caída do “meu irmanciño”, que así o denominaba –era fillo único- pois “levabamos toda a vida xuntos”, como “un anuncio do final” da súa propia traxectoria vital (contaba daquela con 84 anos de idade), que se produciría catro anos despois.  Pouco despois, a Fundación Otero Pedrayo plantou outro pinsapo á beira da solaina do pazo, onde “medrou grande e forte coma o seu antecesor”, pero que foi tronzado por outro vendaval rexistrado no 2009.

Doce anos despois, en outubro de 1984, chegou o ciclón tropical Hortensia, probablemente o que máis desastres produciu en Galicia, con seis mortos, 50 feridos e cuantiosos danos materiais. Un mes despois veu o Klaus, que deixou ventos de ata 120 quilómetros por hora, pero non provocou danos.

En xaneiro de 1998 o forte vento foi o causante de que o Discoverer Enterprise se desprendera dos seus amarres nas instalacións de Astano en Ferrol e se esnafrara contra a ponte das Pías, provocando importantes desfeitas na estrutura da principal vía de comunicación para entrar e saír da cidade.

En novembro, decembro do 2000 e xaneiro de 2001, Galicia viviu unha sucesións de intensas borrascas e forte vento, que superou os 100 quilómetros por hora na costa, con dúas vítimas mortais na comarca de Arousa e o desbordamento do Miño na cidade de Ourense e noutras localidades situadas río abaixo ata a súa desembocadura.

En novembro de 2002, o vento derruba un guindastre de obra sobre unha casa provocando a morte das dúas mulleres que residían nela mentres vían a televisión. En novembro de 2005, os restos do furacán tropical Wilma causaron danos materiais na comunidade galega, coa peor parte para a provincia de Pontevedra. O 2006 foi un ano con fenómenos meteorolóxicos especialmente devastadores nos meses de febreiro, marzo e outubro. En setembro chegou o furacán Gordon, que deixou importantes danos materiais.

O penúltimo dos vendavais significativos rexistrados en Galicia ata o de agora foi o Hugo, que chegou o 23 de marzo de 2018, que deu lugar a tornados na parroquia de Castrelo, en Cambados, afectando decenas de vivendas e varios negocios. En Raxó, outro tornado envorcou embarcacións.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí