Os ríos galegos rexistraron nos anos 1696, 1844 e 2000 as maiores subidas pola chuvia

13/04/2018 12:54:00
Os ríos galegos rexistraron nos anos 1696, 1844 e 2000 as maiores subidas pola chuvia

 En 1959 os veciños da zona baixa do barrio ourensán de O Couto, á beira do Miño, subiron ó alto do Seminario pola psicose derivada da catástrofe de Ribadelago

A forte cantidade de chuvia caída dende os primeiros do presente ano sobre o territorio galego acabou ca grave seca que sufría a Comunidade Autónoma e mesmo empeza a pesar a idea de que sobra  auga, aínda que non é a peor das situacións históricas sufridas, se ben destaca polo forte contraste rexistrado nun corto período de tempo. Os encoros están a día de hoxe ó 82,42 Hm³, quince puntos porcentuais por enriba da cantidade acumulada na mesma data do pasado ano. O tres de decembro último, o caudal do Miño estaba un 90% por baixo da súa media.

Os peores rexistros de auga caída polo efecto da chuvia, así como polos graves danos provocados debido á intensidade coa que caeu, atópanse documentados nos anos 1656, 1696, 1844, 1909, 1914, 1935, 1939, 1959, 1962, 1969, 1978-79, 1989 e 2000. Os fenómenos máis importantes dos que hai noticias foron os acaecidos os anos 1696, 1844 e 2000.

Segundo os datos conservados da época, o desbordamento rexistrado no río Miño o 8 de decembro de 1696 levou por diante uns “cen mil carros de leña e madeira”, segundo as estimacións dos cronistas, así como cubas, leitóns e cabalerías, ademais dun considerable número de vidas humanas perdidas. Outro dos fitos provocados polas riadas aconteceu en febreiro de 1844, no que se estima que estivo por enriba da vivida en decembro e xaneiro de 2000-2001, cando o río Miño desaugaba en Ourense máis de 6.000 m³ por segundo subindo o caudal por enriba dos doce metros.

Os peores días das devanditas riadas aconteceron o 5 e o 6 de decembro do primeiro ano do século XXI. A esas alturas tíñanse rexistrados 600 litros de auga por metro cadrado nos últimos catro meses, cando a media anual na provincia ourensá está nos 800 litros por metro. A situación chegou a ser de alerta máxima na cidade de Ourense e tamén augas abaixo, sobre todo no Ribeiro e na zona de Tui, próxima á desembocadura. O problema complicouse despois de que o nivel de auga encorada en Belesar, que funciona como verdadeiro regulador do caudal do Miño, obrigou a abrir parcialmente as comportas provocando unha importante subida da cota, que se uniu ós 2.650 m³ por segundo que liberaba o río Sil e que fixeron que a, á súa vez a presa de Velle, situada ás portas de Ourense, liberase máis de 6.000 m³ de auga por segundo, que marcou un fito histórico dende que existen rexistros fiables deste tipo de sucesos.

Na cidade, a auga invadiu a estrada N-120 e chegou ás portas da Cruz Vermella, no barrio de As Lagoas, en tanto que uns metros máis  abaixo meteuse no parking do centro comercial Ponte Vella, en construcción naquelas datas. Tamén se asomou ó colexio dos Salesianos e o pavillón polideportivo de Os Remedios, entrando polo cauce do Barbaña dende a desembocadura e provocando a inundación dos aparcamentos do Edificio Solaina, na rúa Progreso.Os expertos coinciden en sinalar que a traxedia que se mascaba non se consumou gracias a que a presa de Santo Estevo en Nogueira de Ramuín, puido conter boa parte do caudal do Sil, evitando así unha situación para a que con toda seguridade non habería capacidade de resposta.

A historia, porén, depara outras riadas destacadas que provocaron danos importantes nas localidades ribeirás polas que pasan a maioría dos ríos galegos máis importantes. O episodio máis antigo deste tipo do que existe noticia sinala unha crecida do Miño en 1656 que anegou a zona de Ventosela, no Ribeiro.

En 1909, en Lugo resultou afectada unha zona de 60 quilómetros nas marxes do Miño, derrubando 30 casas na capital luguesa e cortando a liña férrea Vigo - Monforte. No ano 1914, Ponteareas sufriu importantes inundacións polo desbordamento do río Tea; afundíronse casas e en Feba morreron tres persoas o resultar esmagadas ó caer unha corte. En febreiro de 1935 houbo desbordamentos no Umia e en xaneiro de 1939 o Miño desbordouse en Tui, mentres que o 20 e 21 de febreiro de 1947 o Sil botouse  fóra do seu cauce en Sobradelo, no concello de Carballeda de Valdeorras. A situación volveu a repetirse no mesmo lugar en marzo de 1962.
Antes, en 1959, inundáronse o Miño e o Sil en Os Peares; o caudal do primeiro deles estimouse daquela en 2.400 m³ por segundo, facendo subir o nivel da auga e provocando o pánico na zona baixa do barrio ourensán de O Couto, do que moitos veciños escaparon cara o monte do Seminario por medo a que rebentara o encoro dos Peares. Á psicose colectiva estaba xustificada pola recente rotura da presa de Ribadelago, preto de Sanabria, que se levou por diante o pobo e provocou a morte de 144 persoas.

En 1969 foi o Miño o que se botou fóra do seu cauce cerca da desembocadura. En decembro de 1989, as fortes chuvias inundaron Padrón, Caldas, Noia, os pobos da Costa da Morte, Betanzos, Cambre, Vigo e tamén a Mariña lucense. Despois, salvando os xa nomeados sucesos do inverno do 2000, houbo episodios destacables  nos anos 2007, 2014 e 2016.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí