Os peores crimes que arrepiaron a Galicia nos dous últimos séculos

01/10/2019 12:05:19
Os peores crimes que arrepiaron a Galicia nos dous últimos séculos

Cando aínda resoan os ecos do triplo crime de Valga, no que un home deu morte á súa ex-muller, á súa ex-cuñada e á ex-sogra en presenza dos seus propios fillos, que teñen conmovida á sociedade galega, cúmprense trinta anos do maior crime múltiple rexistrado en Galicia na era moderna. Ocorreu nos pobos de Surribas e Quinzán da Vila, na parroquia de Adá, do concello de Chantada, e no de Quinzán do Carballo, xa pertencente ó veciño concello de Taboada. Alí perderon a vida sete veciños e o propio autor dos feitos, que plantou lume á súa casa e inmolouse dentro da mesma.

“Aínda hoxe, despois dos anos que pasaron, se arrepía o corpo lembrando aquela masacre, que semellaba unha tráxica película do oeste”, lembra Luís Vidal, daquela correspondente de prensa amateur e xa retirado hai anos. “Eu andaba aquel día en Taboada buscando documentación sobre un rumor relativo á posible creación dunha macrocooperativa que podía revolucionar o sector agropecuario na comarca, proxecto que logo non chegou a nacer. Acababa de xantar e tomaba café nun bar cando entrou un home con xesto demudado contando que ó parecer un home andaba solto por Chantada, armado dun coitelo de grandes dimensións -dos utilizados na matanza dos porcos- apuñalando á xente que atopaba ó seu paso”.

“En principio, a nova resultaba pouco solvente, pois o improvisado informando non sabía nada máis que o que ouvira a unha señora metros máis arriba; porén, a cousa cambiou instantes despois coa entrada doutro veciño, que confirmaba o dito polo anterior, engadindo que o presunto asasino era da parroquia de Adá, pertencente ó concello de Chantada e que todos os gardas civís da zona foran mobilizados para alá”.

Apunta Vidal que “daquela, saín disparado do bar e collín o coche no que sempre traía gardada a cámara de fotos e marchei para o lugar. Cando cheguei xa non me puiden arrimar, pois o entorno estaba acordoado polos gardas, pero si vin o fumo que saía dunha vivenda e que a xente dicía que se trataba da propia casa do agresor”. “O ambiente que se respiraba na contorna era sobrecolledor, pois difundírase que os mortos estaban sementados pola contorna. Na miña vida vivín nada igual. Fixen fotografías, recollín información e testemuñas e fixen a crónica, pero de noite non puiden pegar ollo”, asegura.

Nunca se souberon as razóns que o autor puido ter para acometer aquela acción que conmocionou a todo o país e que converteu Chantada na capital da crónica negra naqueles días. Pasaron tres décadas, pero os veciños non queren mirar para atrás, porque supón volver a un episodio que provocou moita dor polo número de mortos, polos feridos e polas familias afectadas.

Pero en Galicia téñense dado crimes de gran sona, aínda que non da repercusión pública do anterior. O máis destacado son os levados a cabo por Manuel Blanco Romasanta, nado en Esgos en 1809, e autor confeso da morte de trece persoas -maioritariamente mulleres e nenos-, aínda que foi condenado por nove crimes e algunhas fontes falan de que en realidade foron dezasete. Os asasinatos foron cometidos en accións illadas. Ademais, o seu trátase do único caso recoñecido de licantropía clínica en España e, de feito, o propio Romasanta declarou no xuízo o que foi sometido en Allariz entre 1852 e 1853 pola morte das súas vítimas, que ás veces en noites de lúa chea se convertía en lobo e iso levábao a atacar e matar ás vítimas para comelas.

Segundo os últimos estudos sobre a súa persoa, Romasanta morreu no cárcere de Ceuta a causa dun cancro de estómago en 1863 e non na prisión de Allariz en 1854, como se pensaba ata hai unha década.SEIS

MORTOS NO CENTRO DE OURENSE

Outro dos sucesos que provocou grande conmoción popular, foi  o asasinato de seis persoas nun edificio da Avenida de Bos Aires en Ourense, ocorrido ás seis e media da mañá do 30 de xaneiro de 1971. O autor, Nicanor Rodríguez Taboadela, de 48 años, avogado, profesor e director dun centro académico de primaria, deu morte cunha escopeta de caza á súa dona, de 40 anos, ós seus catro fillos de seis, catro, tres anos, e ó máis pequeno, de 18 meses, xunto coa empregada de fogar, unha moza de 17 anos.

Home culto, de solvente formación académica e con gran reputación social, no momento dos feitos escribía un libro sobre filosofía. Os investigadores e os especialistas atribuíron a causa da súa macabra acción a un ataque de loucura, polo que o xuíz ordenou o seu ingreso nun centro psiquiátrico ata o seu falecemento.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí