Os mozos galegos fumadores son os máis reacios a apearse do tabaco

02/06/2017 12:46:45
Os mozos galegos fumadores son os máis reacios a apearse do tabaco

Os galegos son os cidadáns que máis lles custa deixar de fumar habitualmente, segundo os últimos datos do Ministerio de Sanidade, elaborados conforme aos patróns utilizados pola Organización Mundial da Saúde. Así, en torno a 7.000 cidadáns residentes en Galicia perden a vida cada ano por culpa de enfermidades vencelladas directa ou indirectamente co tabaco. De esa cantidade, arredor do dez por cento corresponde a fumadores pasivos. O estudo rexistra un leve descenso de mortes por enfermidades asociadas ó tabaco, pero increméntase o número de falecidos por culpa do alcohol, que os últimos cálculos achegan a case dous mil por ano. Sendo indubidables os efectos nocivos do consumo do tabaco sobre a saúde, á contabilización de afectados dende o ámbito sanitario varían moito en función dos parámetros utilizados para elaborar estatísticas, polo que hai que invitar sempre á prudencia á hora de barallar traballos de distinta orixe.


A parte máis esperanzadora das estatísticas descansa no feito de que as medidas adoptadas nos últimos anos conseguiron reducir o número de fumadores, pero aínda así, Galicia figura no segundo posto do ranking autonómico de consumo de tabaco que mide o número de mortos por cada 100.000 habitantes. Con todo, nos últimos anos conseguiuse rebaixar a barreira psicolóxica do 30% da poboación dependente ou consumidora habitual de tabaco, para situala nos últimos tempos arredor do 25% entre os mozos maiores de 16 anos.


Pero os lixeiros descensos rexistrados no consumo, non fan baixar a garda a médicos e investigadores, así como ás organizacións da saúde, que piden ás autoridades sanitarias a adaptación de medidas máis drásticas e menos condescendentes co tabaco. Están absolutamente convencidos de que os números de afectados cantan e chegan incluso a plantexar a loita contra o tabaco en termos económicos.


A batería de argumentos antitabaco están cargadas de datos aportados polos expertos, como que o tabaco é o principal factor de risco de cancro. De feito, un de cada tres galegos varóns e unha de cada dez mulleres, morren debido a esta enfermidade. Din os estudosos que nove de cada dez casos de cancro de pulmón están directamente vencellados co consumo de tabaco, polo que morren cada ano en España máis de 27.000 persoas. Pero, ademais, sosteñen que a metade dos casos de cancro de vexiga tamén rexístranse en persoas fumadoras.


Aquí tamén as medidas de control e limitación para fumadores está deixando resultados positivos, pois está diminuíndo sensiblemente o número de patoloxías asociadas co tabaco entre os fumadores pasivos, sobre todo entre as profesións máis expostas á convivencia entre fumadores activos, como o persoal que traballa na hostelería ou lugares de ocio.


Neste senso convén lembrar que ata que se prohibiu fumar en establecementos públicos, os traballadores dos casinos –un dos lugares onde habitualmente se concentraba maior cantidade de fumadores e fumo de tabaco, tiñan unha esperanza de vida de 63 anos, mentres que as mulleres e homes que traballan fóra de lugares con altos niveis de consumo de tabaco, a esperanza de vida pasa a 84 anos no caso das mulleres e a 78 no dos homes.


Os mozos galegos, como os do resto do país, son o sector de poboación máis refractario as campañas antitabaco, pois entre eles está a porcentaxe máis alta de fumadora, superando o trinta por cento de adictos. Catro de cada cinco fumadores confesan haber comezado a consumir tabaco antes dos dezaoito anos de idade.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí