O valedor dos indios

08/01/2018 13:02:02
O valedor dos indios

A etnia indíxena dos yanomami, ubicada na fronteira entre Brasil e Venezuela está en franca regresión debido ós ataques que veñen sufrindo os seus membros dende principios dos anos setenta, vítimas da avaricia dos garimpeiros que extraen o ouro existente nesa área xeográfica e que explotan para multinacionais europeas, principalmente xermanas. Para elo non dubidan en atacar, expulsar e mesmo matar yanomamis para escarmento do resto.


A pesares de non haber estatísticas, os expertos apuntan a que hai medio século a comunidade yanomami estaba integrada por uns 50.000 individuos. Hoxe dificilmente superarán os seis mil, esquecidos polos gobernos aos os que pertencen: Brasil e Venezuela, insensibles ás campañas de acoso e derribo que sofren os seus territorios, cando non cómplices por activa ou por pasiva.


Os máis destacados defensores dos indios yanomami nas últimas décadas foron relixiosos salesianos, maioritariamente italianos, que foron os primeiros que se introduciron nos seus poboados, despois dos conquistadores portugueses. Unha das excepcións nese grupo de misioneiros que lograron entrar na vida dos yanomami, constituíuna o frade alaricano Manuel Santos, que case medio século entre eles, e morreu alí hai unha década e entre eles quedaron para sempre os seus restos, con arreglo aos seus desexos. Santos foi un dos maiores expertos nesta etnia e tamén unha das persoas mellor aceptadas e mais valoradas polos seus membros. De feito, gran parte dos estudos feitos por universidades norteamericanas sobre os yanomami nutríronse con datos aportados polo misioneiro ourensán.


Manuel Santos naceu en Allariz e entrou de neno nos Salesianos. Despois marchou estudar para o colexio que a congregación relixiosa tiña en Sevilla. Nada máis facerse cura decidiu dar o salto e foise para Venezuela. Despois duns  anos traballando cos sectores máis desfavorecidos da poboación dese país, chegou á fronteira con Brasil, onde residían os indios yanomami, en estado case primitivo. A febre do ouro acelorou a chegada masiva de garimpeiros que abriron a explotación da montaña, contaminaron o río con mercurio, introduciron enfermidades, creáronlles necesidades ós nativos que antes non tiñan e incrementouse a degradación da cultura yanomami.


Santos implicouse decididamente na loita pola conservación da dignidade dos nativos, cousa que lle provocou bastantes problemas, aínda que a cambio, gañouse a confianza dos indios, cousa moi complicada, pois trátase dun pobo moi celoso da súa intimidade e das súas costumes ancestrais. Santos pelexouse cas autoridades de ámbolos dous países para defender a dignidade dos seus cabocos, como lles chamaba, constituindo unha referencia internacional.


Pese  á súa constante actividade en favor do pobo yanomami, non puido evitar as matanzas protagonizadas polos garimpeiros, especialmente as sufridas no 1993, probablemente a máis grave, xunto co a de 2012, cando xa Santos tiña falecido. Neste senso, a morte do cura salesiano incrementou a vulnerabilidade a indefensión dos yanomami; o alcohol as enfermidades venéreas e os matóns pagados polos traficantes de ouro, están facendo resto. De tal xeito, de non mediar algunha acción decidida, a comunidade yanonami ten os días ou os anos contados.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí