O soño imposible de María

06/06/2019 09:56:22
O soño imposible de María

María tiña un soño recorrente: verse na televisión, ou mellor dito, verse e que a viran os seus veciños, coma se fora unha estrela da pequena pantalla. O caso e que María non tiña ningún episodio relevante na súa vida como para facela acredora de protagonismo televisivo; tampouco a casualidade xogou a seu favor para convertela en protagonista ou testemuña involuntaria de feito algún dos que saen a diario nos informativos ou nos programas de entretemento. O caso é que a súa teima era un momento de gloria televisiva, aínda que só abarcara uns segundos.

Pero o destino ten cousas caprichosas e o que non acontecera nos seus sesenta e cinco anos de vida aconteceu nuns instantes, nos que pasou a converterse no centro dunha película na que o azar acudiu no seu rescate para axudarlle a facer realidade o vello soño.

A sanidade galega acababa de incorporar un aparato de última xeración que ven sendo un navegador destinado a auxiliar os cirurxiáns en intervencións complexas e en zonas delicadas, reducindo a marxe de erro. Os responsables pensaron en amosar o seu funcionamento á cidadanía, para que vise como as novas tecnoloxías contribuían ós avances da ciencia ó servizo dos usuarios, así que concertaron unha reportaxe con gravación de vídeo incluída.

María arrastraba unha doenza nas costas que lle ía comprimindo a medula na zona lumbar e reducía a mobilidade nas extremidades inferiores ata deixala incapacitada para moverse, ademais de provocarlle unha forte dor. Os especialistas dixéronlle que era preciso sometela a unha intervención cirúrxica para liberar a zona oprimida de xeito que as pernas recuperaran o movemento e esa operación faríase utilizando a nova técnica do auxilio mediante navegador.

Paralelamente informáronlle á paciente da idea de gravar o proceso para dalo a coñecer publicamente e tamén para que quedara unha testemuña gráfica para a posteridade. Aínda que limitada pola dor, María acolleu con certa ledicia a nova, xa que ós bos augurios dos doutores uníase a posibilidade de verse na televisión. Certamente non era das opcións máis felices, pero iso xa lle importou pouco, así que firmou os papeis correspondentes e alá que se deixou ir. Camiño do quirófano o reporteiro respondeulle afirmativamente á súa pregunta de se cando se puxera ben podería ver as imaxes e puxo unha cara como se lle garantiran a recuperación total, convencida de que estaba a punto de vivir algo importante.

Os neurocirurxiáns puxéronse mans á obra -nunca mellor dito, pois as ferramentas que usaban eran propias de carpinteiros ou cerralleiros: trencha, martelo, desaparafusador, parafusos de titanio de seis e oito centímetros de lonxitude, etc.- para liberar a medula e recompor logo o espazo que precisaba e pechar despois de varias horas de traballo o buraco aberto nas costas da paciente.

No despertar, aínda baixo os efectos da anestesia, os médicos mandábanlle levantar unha perna, cousa que acabou facendo cando foi quen de entender o que lle pedían. Dicían os doutores que iso significaba que a lesión estaba curada e que a enferma xa podería andar en canto despertase se non fora pola forte dor que lle producirían as consecuencias da intervención recente, pero que en poucos días sería capaz de incorporarse e empezar a camiñar.

Efectivamente ós dous días deu os primeiros pasos e cando se atopou co reporteiro preguntoulle se ela sa´ra ben. Só quedaba vela abandoar o hospital andando para que os espectadores comprobaran a súa total recuperación. Xusto o día anterior, sufriu un ataque fulminante, alleo á patoloxía que a levara ó hospital, que acabou coa súa vida nun abrir e pechar de ollos.

A nova foi un mazazo para familiares e persoal sanitario que seguiran con tanta atención aquel caso. O equipo xornalístico tamén se sentiu afectado e renunciou a facer pública a experiencia, que descansa nos arquivos, aínda que as imaxes foron especialmente editadas para entregar unha copia á súa familia, interesada en velas e conservalas para a posteridade. Lamentablemente, a pesares de que xa case o acariñaba cas mans, María non puido ver cumprido o seu soño.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí