O Entroido golea no calendario festeiro galego: 192 dos 313 concellos adícanlle unha xornada festiva

27/03/2017 11:26:01
O Entroido golea no calendario festeiro galego:  192 dos 313 concellos adícanlle unha xornada festiva

A segunda festa con máis festivos municipais espallados por Galicia é a do San Roque, celebrado oficialmente por 38 concellos

O Entroido é a festa máis estendida no calendario oficial dos festivos locais de Galicia. Nada menos que 192 concellos dos 313 existentes (o 60%) teñen asignada unha das dúas xornadas inhábiles que poden decretar as administracións locais dentro das súas competencias.  Por provincias, A Coruña e Ourense,  son as que contan con máis concellos que poñen como festivo unha das xornadas do entroido (moi maioritariamente o martes, se ben hai algún que ten fixado o luns e outros poucos o mércores de cinsa, que se corresponde no calendario entroideiro co enterro da sardiña); na provincia coruñesa fan festa nestas datas 65 dos 93 municipios que a integran, en tanto que en Ourense son 63 de 92 concellos os que gardan festa un dos días do entroido. Porén, é a provincia de Lugo a que ten a maior porcentaxe de días inhábiles, con 51 dos seus 67 concellos, o que significa un 75% do total. Polo contrario, os concellos de Pontevedra son os que menos inclinados se senten a ceder un dos seus dous festivos ó entroido, pois tan só o fan 13 dos 62 concellos que a forman, o que se traduce en algo menos do 20%.


A segunda festa con maior predicamento ou implantación dentro do territorio galego é a festa do San Roque, que se celebra o 16 de agosto, que este ano está declarado como xornada festiva en 38 concellos. Síguelle a data do 8 de setembro, día adicado á Virxe dos Remedios na maioría dos sitios, pero que inclúe tamén a Virxe dos Milagros ou a do Portal, patrona de Ribadavia, por citar só un exemplo. No cuarto lugar sitúase o San Antón, que divide a súa celebración entre o 17 de xaneiro e o 13 de xuño, sendo máis estendida esta última. Vintedous concellos adican unha das súas xornadas festivas a este santo.


Síguelle o Luns de Pascua, aínda que nalgún lugar inclínanse polo martes, que está declarado festa local por 21 concellos galegos. A partires de aí, redúcese de xeito considerable o número de concellos que dediquen un dos seus festivos a un santo. San Pedro, que se celebra o 29 de xuño ou San Bieito, que ten a súa data o 11 de xullo, só contan con 11 festivos locais cada un deles, mentres que a Asunción, que fora unha das grandes festas do calendario católico, só está declarada como festa local en 8 municipios de Galicia, se ben nalgúns casos o festivo trasládase ó día anterior ou posterior, en función da conveniencia pola súa coincidencia dentro do calendario. O Carmen, quédase con sete festivos locais.


A pesares do anterior, todas as festas indicadas aquí son celebradas en moitos lugares máis, pero sen que o concello ao que pertencen, non están consideradas xornada festiva, normalmente por tratarse de localidades ou parroquias de pequeno tamaño. No caso do San Xoán, a Asunción ou o Santiago, o feito de que sexan festa de carácter estatal ou autonómico, fai que os concellos designen outro día para non amortizar festas tradicionais en días que xa están considerados de descanso tradicional.


Hai outras que contan con gran devoción por parte dos feligreses de parroquias ou pobos, que non son consideradas merecentes de ter día festivo, como ocorre con San Xosé, San Xoán ou a Ascensión, pero que contan con gran cantidade de devotos en ducias de pobos e parroquias repartidas polo conxunto do territorio galego.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí