O custe do Parlamento vasco por escano duplica o de Galicia tendo o mesmo número de deputados

11/10/2017 10:53:24
O custe do Parlamento vasco por escano duplica o de Galicia tendo o mesmo número de deputados

Os deputados rasos cobran case 5.000 euros mensuais, case dez veces mais que os rioxanos, que perciben 586,66

Os parlamentarios autonómicos vascos, cataláns e castelán-leoneses son os mellor pagados de todo o Estado, con cantidades que oscilan entre os 4.700 e os 5.000 euros mensuais, aínda que as cifras varían sensiblemente debido en parte aos conceptos polos que se abonan algunhas cantidades.  Os deputados con responsabilidades nas respectivas mesas cobran cantidades sensiblemente máis altas. No caso de Galicia o soldo componse de 1.942 euros de asignación fixa mensual; 2.587 euros para gastos de aloxamento e manutención e 280 para gastos de representación. No caso dos integrantes da Mesa, hai que engadir 1.765 euros destinados a representación no caso do presidente e 1.095 para o resto dos seus integrantes (vicepresidentes e secretarios).


O número de deputados autonómicos ascende a 1.248, aos que hai que sumar o medio cento (25 para cada unha) das cidades autónomas de Ceuta e Melilla. A media dos ingresos mensuais por deputado é de 3.612 euros, aínda que a maioría supera os 4.000. Na parte baixa do ranking de retribucións dentro dos parlamentos autonómicos está A Rioxa, que non dispón de asignación fixa para os seus integrantes, senón que son compensados por asistencia, que veñen significando unha media de 586 euros ó mes, bastante por baixo do Salario Mínimo Interprofesional, fixado en 707 euros mensuais.


CUSTE DAS INSTITUCIÓNS

Polo que atinxe ao custe de cada Cámara autonómica, a táboa está encabezada tamén pola do País Vasco, con 442.400 euros ó ano por deputado (dobla ó Parlamento galego, co mesmo número de deputados); síguelle o Parlament catalán, con 385.000. Despois sitúase un grupo de once cámaras, cun custe por escano que vai de 200.000 a 260.000 euros anuais, e son os de Navarra, Castela e León e Castela-A Mancha, Galicia, Cantabria, Madrid, Comunidade Valenciana, Murcia, Extremadura, Canarias e Illas Baleares. As Cortes de Aragón están por enriba deste grupo, con un custe de 279.000 euros, mentres que o lexislativo máis “barato” é o da Rioxa, cun custe de 153.000 euros anuais,  terceira parte do vasco.


O custe global correspóndese, normalmente, co número de deputados. Así, o Parlamento catalán (135 escanos) conta cun orzamento anual de 52 millóns de euros, o mais alto de todo o Estado, que case duplica o da Asamblea de Madrid (28 millóns, con 129 deputados, so seis menos que Cataluña). No segundo lugar, por investimento global, está Andalucía, con 39,9 millóns e 109 escanos.


No cuarto lugar por número de deputados está a Comunidade Valenciana (99); no quinto, Castela-León (84); o sexto posto é compartido por Galicia e Euskadi (75 deputados); u oitavo é para Aragón (67), o noveno para Extremadura (65), décimo, Baleares (60), undécimo, Canarias (59), duodécimo, Navarra (50), decimo terceiro, Asturias e Murcia (45), decimo quinto,  Cantabria,   (35), decimo sexto, compartido entre La Rioxa e Castela-A Mancha (33). Pechan o cadro estatístico as cidades autónomas de Ceuta e Melilla, con 25 deputados en cada caso.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí