O AVE chegará a Galicia 30 anos despois da inauguración da primeira liña en España

14/12/2016 12:29:00
O AVE chegará a Galicia 30 anos despois da inauguración da primeira liña en España

Nestes momentos o proxecto do AVE galego ten o seu maior reto nos 17 quilómetros mais próximos á cidade de Ourense, incluído o acceso ata a estación do barrio de A Ponte, e o subtramo entre Taboadela e Seixalbo, localidade situada xa ás portas da capital ourensá, aída está pendente da Declaración de Impacto Ambiental

Segundo as últimas previsións avanzadas polo ministro de Fomento para a chegada do AVE a Galicia, que fixou entre os anos 2021 ou 2022, o tren de alta velocidade funcionaría a pleno rendemento entre Madrid e a Comunidade Autónoma Galega 30 anos despois da liña Madrid e Sevilla, que entrou en funcionamento na primavera de 1992, con ocasión da Exposición Universal que tivo lugar nesa cidade andaluza. A iniciativa tivo un custe de 450.000.000.000 pesetas, que en valor real actual se multiplicaría por catro e acadaría uns 10.000 millóns de euros.

A data manexada agora para a circulación coas prestacións máis altas superaría en 14 anos ás primeiras previsións feitas por técnicos do Ministerio de Fomento nos anos noventa do pasado século, sendo titular do departamento o socialista Josep Borrell, que daba por pechada a rede de alta velocidade no cuadrante norte e noroeste da península no ano 2007. Porén, esa estimación non se cumpriu, pois a decisión política para que así fose, coa realización do proxecto técnico e mais a dotación orzamentaria para poder afrontar o seu custe, foron sucesivamente adiadas.

Coincidindo coa chegada de Fraga á Xunta comezaron as peticións aos gobernos de Madrid reclamando esa infraestructura para Galicia, que cristalizaron na firma dun acordo entre o titular do Executivo galego e o ministro de Obras Públicas, Javier Sáenz de Cosculluela, en 1993, na que se fixaba un protocolo cun calendario para as obras.

O certo é que os movementos foron sempre escasos e as previsións sobre o papel apenas pasaron diso. De xeito que no 2000 nada se sabía, por exemplo, de como habían de ser e por onde habían de transcorrer os túneles do Guadarrama, ás portas de Madrid, imprescindibles para salvar o Sistema Central.

En novembro de 2002, Emilio Pérez Touriño, secretario xeral do  PSdeG e líder da oposición parlamentaria no Pazo do Hórreo, propúxolle un pacto a Manuel Fraga sobre o AVE. Sostiña o socialista que era preciso incrementar a previsión orzamentaria de 3.005 a 3.606 millóns de euros para que resultase homologable co AVE a Cataluña, naqueles momentos en construcción.

Álvarez Cascos, ministro de Fomento do PP, situaba a entrada en funcionamento do AVE galego no 2007, segundo figuraba no Programa de Alta Velocidad do Estado, á súa vez incluído no Plan de Infraestructuras 2000-2007, e segundo apuntou no acto de colocación da primeira travesa do tramo Santiago - Osebe.

A data de remate trasladouse logo ata 2009 e a mediados de febreiro dese ano, xusto quince días antes das eleccións autonómicas ás que concorría, Pérez Touriño afirmaba nunha entrevista xornalística que en 2012 circularía a pleno rendemento o tren de alta velocidade entre Madrid e Galicia, mais a data foi sobrepasada novamente, e coa entrada do PP no Goberno central pasouse a falar de 2018. Agora empeza a darse como novo fito o ano 2021..

Mentres, o AVE a Cataluña, xestado inicialmente polas mesmas datas que o destinado a Galicia, tamén sufriu retrasos nas previsións, pero estas non foron por decisión políticas ou derivados de atrancos orzamentarios, senón por dificultades técnicas en varios puntos do trazado. Con todo, a liña completa chegou dende Madrid a Barcelona no ano 2008, cun investimento de 9.000 millóns de euros, un 31% mais do previsto inicialmente.

Nestes momentos o proxecto do AVE galego ten o seu maior reto nos 17 quilómetros mais próximos á cidade de Ourense, incluído o acceso ata a estación do barrio de A Ponte, xa que aínda están sen licitar, e no caso do subtramo entre Taboadela e Seixalbo, localidade situada xa ás portas da capital ourensá, aída está pendente da Declaración de Impacto Ambiental.

 

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí