O asociacionismo galego da emigración esmorece por falta de remuda
O Centro Galego de Bos Aires chegou a contar con 120.000 socios e os da Habana, México ou a Irmandade Galega de Caracas sumaban decenas de miles cada un nos tempos de esplendor a mediados do pasado século
A tradición emigrante española e nomeadamente a galega a América e Europa fixo xurdir colectividades de paisanos na diáspora cos máis variados motivos. O éxodo maioritario tivo lugar entre o último cuarto do século XIX e o último do XX. Ata finais dos anos cincuenta pasados o destino practicamente único era América Latina: Cuba, A Arxentina, Uruguai e Chile, nos primeiros tempos, para ir virando cara o Brasil, Venezuela e México a partir dos últimos anos trinta. Nesa época e xa en números máis humildes, tamén recibiron emigrantes países como os Estados Unidos ou Panamá. De xeito anecdótico houbo presenza da inmigración española na práctica totalidade dos países de América.
No final dos anos cincuenta, o declive económico dos países de recepción masiva de emigrantes e a puxanza de Centro Europa, provocou que o éxodo fose cambiando os lugares de destino elixindo Francia, Alemaña e Suíza, seguidos a distancia por Gran Bretaña, Bélxica, Holanda e Luxemburgo. As características de ambos lugares foron ben distintas, entre outras razóns polo idioma, que nos países europeos creaba dificultades para quen chegaba alí debido ó descoñecemento practicamente total das linguas, a diferencia de América Latina, onde se falaba castelán ou portugués no caso de Brasil, ben familiar para os galegos. Porén, no fondo o comportamento da emigración e a súa querenza pola habilitación de lugares onde facer vida social e desenvolver as inquedanzas sociais, culturais e deportivas era practicamente idéntica.
O paradigma de asociacionismo paisano onde se mantiñan vivas a lingua, a cultura e as tradicións do lugar de orixe, ademais de temperar a morriña da terra, foi o Centro Galego de Bos Aires, fundado por un puñado de galegos afortunados afincados na capital porteña no ano 1907. Aquela xuntanza de paisanos e amigos foi medrando expoñencialmente construíndo a súa se no mítico 2189 da avenida Belgrano ao que se foron engadindo sucesivamente novos inmobles e servizos incluída unha mutualidade médica con hospital incluído para atender ós galegos que o precisaran. A entidade, que nos seus tempos máis brillantes andando a década dos trinta e os corenta chegou a contar con 120.000 socios, foi un dos centros sobre os que pivotaba a vida social e cultural da capital bonaerense. Baste dicir que na inauguración do nobre edificio social estivo presente o “todo Bos Aires” co presidente da República Arxentina á cabeza.
Porén, o esplendor hai moitos anos que quedou atrás e a decadencia é unha constante nas últimas décadas ata hoxe, en situación de quebra económica, que se debate para vender o que queda do hospital e garantir a asistencia sanitaria os últimos mutualistas, xa practicamente fillos ou netos de galegos e as súas familias, así como para tratar de manter viva a chama do que foi unha entidade senlleira.
Para facerse unha idea do que era a emigración á Arxentina, valla o dato de que Bos Aires acollía máis galegos que ningunha outra localidade da terra nai, circunstancia que lle valeu á capital porteña o apelativo de Quinta Provincia galega. Hoxe, case todo o pasado é historia, pero hai trinta anos (en 1988), na Arxentina aínda estaban vivas 519 asociacións ou centros españois (o 70% deles eran galegos), dos cales 119 estaban radicados na cidade de Bos Aires. A estas colectividades uníanse miles de empresas de galegos con centos de miles de empregados tamén galegos, que constituían unha potencia económica.
Con moitos menos efectivos, pero constituídos tamén en potencia económica, funcionaba a emigración galega no Brasil, sobre todo en Río de Xaneiro e Salvador de Bahía e algo menos en São Paulo. No país chegou a haber na época de maior esplendor 22 centros ou asociacións (curiosamente ningún deles en Brasilia, a capital do país). En Río, rexistrábanse nos anos setenta e oitenta pasados un gran número de empresas, nucleadas en torno á Asociación Brasileña de Empresarios Españois (ABREME), presidida naquel entón polo ourensán Avelino Fernández Rivera. Contabilizábanse entre elas, 55 hoteis españois ou propiedade de españois; 150 bares e restaurantes, algún deles entre os máis selectos do país; en Salvador de Bahía había 9 centros españois, xunto con 43 panaderías e pastelerías, 12 xoierías, 30 tendas de móbeis, 9 gasolineiras, 53 bares ou restaurantes. Os números eran máis modestos en São Paulo que, en cambio, contaba con importantes empresas de construción e madeireiras, sobre todo, en mans de galegos e entre os que destacaba o tamén ourensán Xosé Villarino Cortés, presidente dun grupo empresarial que controlaba practicamente o tráfico portuario de Santos.
Venezuela e México foron outros dos puntos que capitalizaron a chegada de emigrantes procedentes de España e, igual ca nos outros países, con gran maioría de galegos. No primeiro deles, hoxe nunha situación política, social e económica moi difícil, chegou a haber 45 centros españois e galegos e miles de empresas pertencentes a todos os sectores económicos, ademais de comercios e negocios de alimentación que constituían unha das columnas da economía venezolana e que hoxe están practicamente desaparecidas.
México foi similar para a emigración entre os anos sesenta e oitenta, aínda que a chegada a este país comezara varias décadas atrás. Foron moitos os que montaron empresas e negocios propios, chegando a dominar sectores estratéxicos da economía do país, que relativizaron o papel das 32 asociacións e centros sociais que chegaron a coexistir. Destaca, neste senso, o papel xogado por emprendedores procedentes dos concellos ourensáns de Avión e Beariz, nos que sobresaen os irmáns Vázquez Raña, entre outros moitos máis que ademais de amasar importantes fortunas, construíron aparatosos chalés nas súas aldeas de orixe, testemuñas do poderío económico dos propietarios.
As crises sucesivas nos países de acollida –sobre todo en Latinoamérica-, o envellecemento da poboación migrada xunto coa crise desatada na última década, foron a puntilla para a Galicia da diáspora, que hoxe e xa practicamente historia, cunha presencia apenas testemuñal. O espello deste pasado que xa non é, represéntao o maxestoso edificio do Ballet Nacional Alicia Alonso de Cuba, na zona máis nobre da Habana, que foi construído en 1914 coas aportacións dos emigrantes galegos, baixo o proxecto do arquitecto belga Paul Velau e que ten na fachada principal catro grupos escultóricos en mármore branco que amosan alegorías da beneficencia, a educación, a música e o teatro, obra de Giuseppe Moretti. Hoxe, apenas quedan unhas ducias de galegos depositarios da memoria dun pasado esplendoroso da colectividade que representan.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí
