Nomes propios na historia da enfermaría

17/07/2019 11:55:55
Nomes propios na historia da enfermaría

A enfermaría é unha das profesións imprescindibles na vida das persoas na sociedade actual, e aínda que oficialmente non figura entre as máis antigas, o coidado e a atención dos enfermos existe desde os primeiros tempos da medicina. O título oficial desta disciplina foi aprobado en 1915 e para obtelo só existía a posibilidade de facelo en Madrid. Nesta andaina, Galicia ten nome propio e nomes propios, ata o punto de que só dous anos despois, en 1917, o cirurxián Adolfo López Durán, médico do Hospital Marítimo de Oza, solicita -e obtén- autorización á facultade de Medicina de Santiago para formar enfermeiras no seu centro, ó abeiro da Real Orde de 7 de maio de 1915.

Con todo, arredor da enfermaría hai conceptos en cuestión, segundo apunta Elena González Iglesias, enfermeira e investigadora con dilatada traxectoria na procura de información en arquivos e centros repartidos por todo o Estado. Segundo esta estudosa, a Ruta Xacobea xogou un papel destacado no desenvolvemento da enfermaría en Galicia, posto que “nos primeiros conventos, os monxes xa tiñan enfermeiros e tamén os albergues do Camiño de Santiago”, di, o cal conferiu protagonismo a Galicia na materia. “As orixes da profesión están agora en discusión por parte dos estudosos. Ata non hai moito predominaba a corrente anglosaxoa, situando o nacemento co traballo da enfermeira británica -aínda que nacida en Italia- Florence Nightingale (1820 – 1910), a mediados do século XIX”.

Conta Elena González que “no mundo católico, xa no XVI os irmáns de San Xoán de Deus, os Obregóns ou os Bethlemitas proporcionaban coidados de enfermaría. Os primeiros, que desempeñaban un importante labor como asilos e escolas, empezaron adicándose á atención ós enfermos e contaban con manuais para formar xente”. “A orde dos Obregóns tivo relevancia en Galicia, na que chegaron a traballar en seis ou sete hospitais da comunidade. A súa presencia extinguiuse a mediados do século XIX, pouco despois da Desamortización, como sucedeu con outras ordes relixiosas. Daquela só se salvaron as que tiñan casas fóra de España para repregarse. Algunhas volveron moitos anos despois”, refire González Iglesias. Isto leva a concluír á investigadora que “historicamente hai xente importante no mundo da enfermaría galega, o que ocorre é que ata agora hai pouca investigación neste apartado”.

Aínda así, segundo Elena González, consta “a existencia e o traballo da coruñesa Isabel Zendal, natural de Santa Mariña de Parada, en Ordes, que foi reitora do orfanato da Caridade de A Coruña e participou na denominada Real Expedición Filantrópica da Vacina do médico alacantino Francisco Xavier Balmis coidando de 22 da Casa de Expósitos (orfanato) de A Coruña, que viaxaron a América en 1803, e dos 26 que o fixeron despois a Filipinas para levar a vacina da varíola ás colonias de ultramar”. Tal acción valeulle para que moitos anos despois a OMS a considerara a primeira enfermeira da historia en participar nunha misión internacional”.

Xa nos tempos actuais, González rescata como referente á viguesa Begoña Domínguez Arias, fundadora da Asociación Galega de Enfermaría e falecida en 2017. A propia Elena González Iglesias e Benxamín Porto e Víctor Vez escribíronlle un libro de homenaxe no que participaron outras persoas que compartiron profesión con Begoña ou participaron nas moitas iniciativas que puxo en marcha ó longo da súa dilatada vida de traballo e compromiso vocacional.

Di Elena que, nos tempos actuais, en investigación hai Comunidades que van por diante de Galicia, pero esa vantaxe xustifícase en que ganan en historia. “Aquí hai nivel, o que pasa é que temos Escolas de creación máis recente e precisan tempo. Tampouco nos ten axudado o feito de que a formación estea impartida en centros adscritos en vez de ser propios da universidade”.

Elena González Iglesias é tamén un dos activos destacados dun colectivo no que están integrados outros protagonistas que contribúen a apuntalar o prestixio do sector da enfermaría en Galicia e a rescatar a memoria de persoas que fixeron notables achegas á profesión. É enfermeira, Máster en Ciencias da Enfermaría. Desenvolve o seu labor en atención primaria e foi responsable de formación de Enfermaría no CHUO, é membro do grupo de investigación en Historia e Pensamento Enfermeiro Ágora, corredactora xefa da revista Temperamentvm (Fundación Index), ademais de membro do Corpo de Revisão Internacional da Revista Refêrencia da universidade de Coimbra. Leva publicadas ducias de artigos en revistas especializadas nacionais e internacionais e ten feito o traballo de campo para a súa tese doutoral –“dispoño de material para dúas”, afirma-, pero aparcou a presentación e publicación da mesma “para outro momento máis propicio, que non me obrigue a deixar actividades e traballos nos que estou implicada agora e que me proporcionan moita satisfacción profesional e persoal”.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí