Mariano Rajoy é o galego que permaneceu máis tempo no Goberno na España democrática

05/08/2019 13:50:12
Mariano Rajoy é o galego que permaneceu máis tempo no Goberno na España democrática

Dezaseis ministros nados ou afincados en Galicia tiveron asento no Consello de Ministros dende 1979

Mariano Rajoy foi o galego que permaneceu máis tempo como membro do Goberno de España desde as primeiras eleccións democráticas de 1979, con catorce anos en total repartidos en dúas etapas. A primeira, de 1996 a 2003, con José María Aznar como presidente, nas que ocupou as carteiras de Administracións Públicas, desde a que promoveu a LOFAGE en 1997, a lei que cambiou a estrutura do aparato burocrático do Estado, con medidas tan sonadas como a eliminación dos gobernos civís e dos gobernadores, pasando a ser subdelegacións do Goberno dirixidas por subdelegados, respectivamente, en cada provincia. Despois pasou a Educación e Cultura, desde a que saltou a Interior, Portavoz do Goberno e vicepresidente do mesmo.

A segunda etapa como gobernante desenvolveuna entre 2011 e 2018, como presidente do Goberno, nunha etapa non exenta de dificultades, posto que accedeu ó posto de primeiro executivo da Moncloa no medio dunha profunda crise económica e cando a economía española camiñaba sen rumbo. Despois, nas eleccións de 2015, a falla de maioría absoluta e a imposibilidade de fraguar un pacto de goberno con outras forzas, impediron a súa investidura como presidente, provocando a nova convocatoria de eleccións e gobernando mentres en funcións durante 316 días (dez meses e medio). Na repetición dos comicios, o seu partido mellorou resultados, mais quedou lonxe da maioría absoluta. Aínda así logrou formar goberno, pero dous anos despois foi desaloxado do poder por unha moción de censura presentada polo PSOE, liderado por Pedro Sánchez. En total, catorce anos formando parte do Executivo, cun paréntese de oito anos (2003-2011) entre o primeiro e o segundo período.

Os primeiros ministros galegos despois da aprobación de 1978 foron Leopoldo Calvo Sotelo, nacido en Madrid, pero vencellado familiarmente a Ribadeo (foille concedido o título de marqués da Ría de Ribadeo). Suárez nomeouno ministro para as Relacións coas Comunidades Europeas, e vicepresidente do Goberno para Asuntos Económicos. Precisamente desde esa posición sucedeu a Suárez en febreiro de 1981 a través dunha accidentada e histórica votación no Congreso, interrompida polo asalto do ex tenente coronel Tejero, dentro dunha asonada militar para acabar coa democracia. Antes, en 1976, Suárez xa confiara en Calvo Sotelo no seu primeiro Goberno, encomendándolle a carteira de Obras Públicas.

Nese Executivo estivo tamén Juan José Rosón, natural de Becerreá e membro dunha familia numerosa na que houbo destacados políticos. Foi ministro do Interior  e xogou un papel decisivo na disolución de ETA Político-Militar e na reintegración social de boa parte dos seus membros.

Outro dos homes de confianza de Adolfo Suárez foi Jesús Sancho Rof, de ascendencia galega, deputado por Pontevedra e ministro de Obras Públicas na primeira lexislatura democrática, para pasar logo a Traballo e Seguridade Social. Á fronte deste departamento acadou o Acordo Nacional de Emprego (ANE), tendo como principais interlocutores a Carlos Ferrer Salat, presidente da CEOE; Marcelino Camacho, como secretario xeral de Comisións Obreiras, e Nicolás Redondo, de UXT.

Durante esta etapa estallou o caso das intoxicacións masivas con aceite de colza, nas que o ministro fixo declaracións polémicas minimizando o impacto dun problema que xerara unha importante alarma social polo número de afectados e de falecidos. Todo elo xerou un número considerable de críticas e acabaron por rematar coa súa estadía no Ministerio.

Luís González Seara foi ministro de Universidades tamén con Suárez. Ourensán da Merca, era sociólogo de formación, aliñado coa democracia desde anos atrás e con participación activa nesta eiva como fundador e presidente da revista Cambio 16. Abandonou a UCD con Francisco Fernández Ordóñez para formar o Partido de Acción Democrática, e deixou esta formación e a política cando esta formación se integrou no PSOE.

Outro galego imprescindible nas decisión importantes da época foi Pío Cabanillas Gallas, pontevedrés de nacemento, pero vencellado a Ourense polo seu casamento con María Teresa Alonso e pola relación política e de amizade con Eulogio Gómez Franqueira, de quen recibiu o apoio decisivo para a súa carreira política. Xa ocupara a carteira de Información e Turismo nos estertores do franquismo, da que foi cesado por Franco. Con Suárez ministro de Cultura, de onde pasou a ser Adxunto á Presidencia do Goberno e ministro de Presidencia, para acabar dirixindo a carteira de Xustiza en 1981 - 82.

A súa xestión - a petición insistente de Franqueira - débese a construción da comisaría de Ourense, a máis moderna do Estado naquel entón e moi superior ás necesidades da terceira cidade galega (contaba ata con heliporto na cuberta) e con espléndidas instalacións e dotación. Aquela xenerosa decisión concretouse trasladando o proxecto íntegro e a asignación orzamentaria correspondente da que ía ser a comisaría de Valencia, unha urbe sete veces máis importante que a galega.

No primeiro Goberno de Felipe González non houbo ningún galego. O primeiro foi Abel Caballero, que asumiu Transportes entre 1985 e 1988, sen que conste ningunha acción ou iniciativa merecente de pasar á historia.

Xa con Aznar como presidente do Goberno, ademais do citado Rajoy, chegaron á Moncloa José Manuel Romay Beccaría como ministro de Sanidade, a onde saltou procedente do mesmo posto na Xunta presidida por Fraga. Con el foise o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como máximo responsable do Insalud.

Na segunda lexislatura do PP no poder, Pío Cabanillas fillo foi ministro Portavoz entre 2000 e 2002. Ana Pastor, zamorana de nacemento e viguesa de adopción, dirixiu Sanidade e Consumo entre 2002 e 2004, pasando despois a Fomento con Mariano Rajoy como presidente.

Cando Rodríguez Zapatero chegou á Moncloa chamou ás ourensás Elena Espinosa e Elena Salgado. Á primeira confioulle o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e na segunda lexislatura sería responsable de Medio Ambiente, Medio Rural e Marino; á segunda situouna á fronte de Sanidade e Consumo, onde alumeou a lei antitabaco, que prohibía fumar nos centros de traballo e establecía limitacións nos locais públicos. Logo pasaría a Administracións Públicas e en 2009 faríase cargo do Ministerio de Economía e Facenda, sendo vicepresidenta segunda do Goberno, converténdose en vicepresidenta primeira coa saída de Rubalcaba.

En 2007 e 2008, Zapatero nomeou ó coruñés César Antonio Molina á fronte do Ministerio de Cultura. Entre 2009 e 2011 puxo ó tamén coruñés Francisco Caamaño en Xustiza. Nese mesmo período tamén incorporou ó lucense José Blanco ó Executivo, como ministro de Fomento, desde onde impulsou o proxecto do AVE a Galicia.

Completa a relación de ministros galegos na etapa democrática a coruñesa Nadia Calviño, nomeada por Pedro Sánchez ministra de Economía e Empresa, que fai o número dezaseis de altos servidores do Estado que naceron ou teñen relación con Galicia.

Compartir en Facebook