Malgorzata Mankiewicz, voz de Galicia por Europa

09/07/2019 11:19:37
Malgorzata Mankiewicz, voz de Galicia por Europa

Cando a nena Malgorzata Mankiewicz xogaba polas rúas da Varsovia distinguida na década dos oitenta, nunca se lle pasou pola cabeza que un día a súa vida transcorrería pegada a España e a Galicia, territorios dos que non sabía absolutamente nada. Eran tempos nos que Polonia estaba presidida polo xeneral Wojciech Jaruzelski e incardinada no bloque do Leste, liderado pola extinta Unión Soviética. “Naquela época a información do exterior que se proporcionaba ós nenos nos centros de ensino era escasa. Por outra banda, tampouco tiñamos excesiva inquedanza polo que ocorría máis alá das nosas fronteiras, pois vivíamos nun país no que todo estaba impregnado dun exacerbado espírito patriótico”, lembra agora entre risas nun céntrico local de Compostela, mentres repasa a súa andanza vital.

“Coa revolución de 1989 a vida empezou a cambiar rapidamente no país. Chegaron as liberdades, impúxose a república democrática co sistema de partidos, homologable cos países occidentais”, afirma Mankiewicz, para engadir que “aínda que nesa etapa eu era moi nena e carecía da conciencia para valorar os cambios que se sucedían na nosa sociedade, o optimismo maioritario e a esperanza da xente facíanme percibir que algo importante estaba acontecendo”.

A apertura polaca ó mundo sentiríase directamente na familia de Malgorzata en poucos anos, xa que seu pai, enxeñeiro de profesión, empregado dunha multinacional no seu país, foi destinado a Madrid. “Como o destino tiña duración indeterminada, meus pais decidiron que nos trasladábamos toda a familia, dado que ademais entendían que residir nunha sociedade distinta podía constituír unha importante achega á nosa formación”, apunta.

“Desde logo tiñan unha visión clara das posibilidades que se abrían para nós, pero non chegaban, nin de lonxe ó que en realidade nos ocorreu”, di. “Para empezar, segundo nos incorporamos á secundaria nun centro público -que no primeiro curso alternábamos con clases intensivas de español- o ambiente era moito máis divertido e liberal que en Polonia, pois alí a Igrexa católica exercía unha forte influencia conservadora na sociedade polaca. E aínda o fai agora. A segunda novidade foi que os novos compañeiros e amigos que se preocuparon pola miña integración, pasaron a chamarme Margarita, que era o meu nome en español e sen dúbida moito máis bonito que en polaco; ou iso me parecía”.

Aquela foi unha etapa apaixonante para a adolescente Margarita, segundo recoñece agora. “De seguida me identifiquei coa forma de vivir e de entender a vida en España e iso marcoume para sempre”. Rematada a secundaria e a universidade apareceu unha moza que pasaba lixeiramente da vintena, licenciada en Económicas e cun sólido nivel de inglés, ademais de dominar -claro- o español e o polaco á perfección. Viaxaba ó seu país nas vacacións de verán, pero o tempo libre do resto do ano acompañaba ós seus pais por España adiante. “Así cheguei a Galicia, onde me sentín fascinada polas cidades, o mar, a praia, Santiago... mais tamén pola Galicia interior, Lugo e Ourense; onde o clima e a vexetación gardaban similitude co meu país”.

Proseguiu a súa formación no eido comunitario e coñeceu os segredos da maquinaria administrativa de Bruxelas. “Con esa experiencia empecei a tramitar proxectos europeos para Polonia e España; despois fun afondando na especialización e pasei a iniciativas transnacionais nas que participaban cidades ou institución polacas e galegas, portuguesas e de outros países”. “Nese tempo establecín a miña base de operacións en Varsovia, pero a actividade profesional levoume -engade- a intensificar as viaxes a Galicia e a estreitar a relación coas xentes que traballaba nos mesmos proxectos. Resultou tan gratificante que aquí estou, aínda que as novas tecnoloxías e os cambios na miña vida fan que reducise a presencia en Galicia, pero non os meus sentimentos”.

E cales son os cambios? No retorno a Polonia, Margarita reencontrouse cun compañeiro da primeira infancia convertido en arqueólogo, que traballara varios anos investigando xacementos históricos peruanos e que tamén falaba perfecto español… do Perú. Di que non sería capaz de xuralo, pero está convencida de que esa coincidencia idiomática contribuíu a explorar outras afinidades, que acabaron converténdoos en parella, hoxe casados e pais dunha nena. “Desde logo, a miña filla vivirá o tempo suficiente en España e en Galicia para coñecer perfectamente como son os españois e os galegos. Se cadra, tal vez tamén algo en Perú”, remata.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí