José Villarino Cortés, un emigrante triunfador no Brasil que non retornou ó chegar por falla de cartos

13/03/2018 10:16:49
José Villarino Cortés, un emigrante triunfador no Brasil que non retornou ó chegar por falla de cartos

Un exemplo da emigración galega

A emigración galega está trufada de historias de todos os calibres. De feito, aínda que poida dicirse que as hai moi semellantes, cada persoa tivo a súa e algunhas aínda a teñen. Os exemplos máis abondosos danse en Latinoamérica, posto que cando chegou a emigración masiva a Europa (Francia, Alemaña e Suíza, maioritariamente) na década dos sesenta do pasado século, a distancia co lugar de orixe era menor e os tempos tiñan evolucionado con respecto aos mediados e principios do século XX, e mesmo de finais do XIX.


Moitos dos que se foron para América non voltaron nunca máis por falla de medios e morreron sen poder ver o lugar onde naceran e do que un día partiron na procura dunha vida mellor, pero que se atoparon cunha sorte esquiva e outras vicisitudes que impediron cumprir ese soño que tiñan practicamente cada un dos que marcharon.


Algúns tiveron máis sorte. Entre eles, houbo quen se volveu definitivamente para a súa terra e outros que lograron triunfar economicamente e se permitiron facer viaxes máis ou menos frecuentes. Estes últimos descubriron o último aspecto acibarado do feito migratorio. Voltaban o punto onde viran a luz como quen o fai á Arcadia feliz soñada, vivían con emoción cada reencontro, mais oi botar un tempo aquí, comprobaban que moitos parentes e amigos xa non estaban; o mundo que deixaran xa non existía e, ademais, comezaban a sentir morriña do país de adopción:  case sempre alí estaban fillos e netos, xunto con intereses económicos,  que formaban parte dos seus proxectos vitais e dos que emocionalmente non podían prescindir.
Un destes exemplos de éxito foi José Villarino Cortés, natural do pobo do Navallo no concello do Ríos, na parte suroriental da provincia de Ourense, de onde saíu sendo adolescente para meterse nun barco en Vigo rumbo a Sao Paulo, no Brasil. Dúas semanas despois de embarcar, puxo pé a terra no porto de Santos cos poucos efectos que levaba. Tiña escoitado que algúns veciños da súa comarca de orixe viñeran ata alí, pero aquelo era moito mais grande que o seu pobo e ningún andaba por alí. Sentouse nun pivote de pedra no peirao e mirou para un lado e outro, sen albiscar un punto que lle chamara a atención.


Reposto da impresión inicial empezou a pasear paseniñamente, mirando con atención aquel lugar onde chegaban e partían barcos continuamente e onde centos ou milleiros de homes cargaban e descargaban mercadoría. Tiña fame e non tiña cartos, así que dirixiuse a un daqueles señores que se adicaban á carga e descarga, que logo soubo se chamaban estibadores, preguntándolle se podía axudar na tarefa a cambio de algo para comer. Non tivo sorte, pois so logrou un non por resposta, e así un lote de veces, a pesares de que trataba de buscar unha cara na que adiviñar disposición solidaria, ou caritativa, que para José xa era o mesmo.
Despois de moitos intentos, un daqueles homes parouse a escoitalo para espetarlle en galego, de onde es? Aí empezou de verdade a aventura para José Villarino, pois despois de matar a primeira fame que lle ofreceu aquel paisano xeneroso, ó día seguinte xa era aprendiz de estibador; traballaba a reo, pagábanlle pouco e polas noites non sabía como colocar as costas no camastro que lle facía as veces de cama para calmar a dor do cansancio, tan intensa que lle impedía quedarse durmido. Cando estaba a punto de caer rendido asaltábao un soño recorrente: víase camiñando por unha estrada longa, moi longa, que o había de traer á súa casa de O Riós. Contábao moitas veces, “Gañaba so para comer e tiña o lombo desfeito. Se houbese un camiño para voltar andando, non o dubidaría un instante”.


Pero non o había, nin tampouco cartos para meterse noutro barco para desandar o andado. Ante a crúa realidade, asumiu que a única saída era ser máis listo que os demais, así que foi avanzando postos e incrementando ingresos, ata que un día comprou unha camioneta para levar e traer mercadorías, logo outra e despois unha terceira, ata formar unha importante flota que o levaría a converterse no rei da estiba e do transporte no porto de Santos. Non pararía aí, posto que chegou a constituír un importante “holding” empresarial con intereses en sectores diversos, con se nun espectacular edificio de cristal construído nas inmediacións da zona portuaria, visible dende calquera punto da cidade e tamén dende varias millas mar adentro.


A súa situación económica permitiulle protagonizar importantes accións sociais en favor da comunidade española e, particularmente, da galega. Foi presidente do centenario Centro Español, que chegou a ter máis de 3.500 socios durante o seu mandato, así como protagonista de numerosas iniciativas comunitarias. Profundamente relixioso, mandou levantar unha mastodóntica cruz na ladeira do monte do seu pobo natal –de dubidoso gusto, eso si-, remedo do Cristo do Corcovado do Río de Xaneiro, tamén visible dende varios quiilómetros. Con ese exercicio de vanidade seguramente o subconsciente trataba de redimilo das penalidades sufridas para chegar un dos grandes triunfadores da diáspora.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí