Giuseppe Cisco, o misioneiro italiano que soña con Galicia

25/06/2020 09:54:37
Giuseppe Cisco, o misioneiro italiano que soña con Galicia

Giuseppe Cisco (que os italianos pronuncian “Chisco”) Beppi, naceu cerca de Parma hai case oitenta anos e a quen a súa innata inquedanza levou a ser un trotamundos detrás da curiosidade de coñecer culturas e xentes. Precisamente pola súa forma de ser, en algunhas fases da vida viuse obrigado a ir a contracorrente, xa que o política e socialmente correcto chocaban cas súas ideas. Con todo, sempre foi capaz de buscar o punto de equilibrio para conxugar as distintas sensibilidades entre as que andou metido.

Integrante dunha familia de profundas conviccións relixiosas, logo se sentiu atraído polo ambiente e a actividade da parroquia. Como consecuencia, ingresou aínda neno no seminario, mais a disciplina e o mundo pechado da institución, batían de fronte cas súas ansias de liberdade. Intelixente e sagaz, os superiores e a familia ansiaban para el unha formación intelectual e relixiosa sólida que lle abrira o camiño para facer carreira dentro da Igrexa.

Avanzou no bacharelato con brillantes calificacións pero cando pasou ós estudos de Filosofía e Teoloxía, sen perder rango como estudante, o mozo Giuseppe miraba máis para as comunidades de base que para as elites, para desgusto dos preceptores. O divorcio cos mentores foise facendo cada vez máis evidente, ata que un dia viu que aquel camiño non tiña saída e entón propúxolle á familia e superiores a intención de abandonar o seminario e cambiar o rumbo dos estudos. O anuncio foi interpretado coma un órdago que os destinatarios non estaban dispostos a aceptar. A negativa rotunda non fixo abrandar ó estudante rebelde, que xa contaba con tal oposición, manténdose en prudente espera para ver por onde rachaba a situación.

Unha mañá, Giuseppe Cisco, díxolle a seu pai que o acompañara a falar co reitor do seminario, pero quería que fose con eles o seu irmán maior. Reunidos os catro, interveu primeiro para dicir que nos últimos días estivera reflexionando profundamente ata lograr entender a oposición a apartarse do camiño que lle tiñan trazado. O problema é que a forza interior que o empuxaba a tomar un novo rumbo non minguaba coa comprensión do que pensaban os demais. Aínda así, estaba disposto a ceder e seguir cos estudos eclesiásticos, pero en outro centro. Sería con carácter de proba, co compromiso de que se non se sentía cómodo retornaría á institución que agora quería deixar.

Foi outra pequena bomba, pero despois do estoupido provocado polo anuncio do abandono, este xa tivo un efecto menor. O irmán maior pediu comprensión para o xesto de boa vontade de Giuseppe e ante o asombro dos dous irmáns, despois de varios segundos de silencio absoluto, obrouse o “milagre” como o define Giuseppe –“meu pai era duro coma o pedernal e o reitor un cabezudo, xenuíno representante da filosofía decimonónica imperante”, lembra agora cun amplo sorriso-.

Nese instante abriuse a verdadeira vocación daquel brillante estudante, que se fixo cura e foi afondando na idea de axudar ós máis desfavorecidos e de defender a xustiza social. Ingresou na orde dos misioneiros Xaverianos, e recen ordenado propuxo marchar para África, se ben antes debeu cumprir algunhas obrigas contempladas pola organización para os novatos, entre elas pasar dous anos en Francia para mergullarse no francés que lle sería imprescindible no seu obxectivo primordial.

Un día apareceu destinado para o Zaire (hoxe Congo). Cando se viu coas súas escuálidas pertenzas en Kinsasa sentiuse “pequeniño, pequeniño, unha insignificancia”, di. Enseguida entendeu que “ser pobre é estar condenado a un círculo vicioso do que é imposible saír sen axuda. Como eres pobre, non tes acceso á educación nin a formación, co cal só podes optar a infraempregos ou ocupacións miserables”. Por elo interiorizou que o maior esforzo estaba en montar escolas e que os nenos puideran entrar na senda do coñecemento aprendendo a ler e escribir. Giuseppe Cisco levou a cabo unha actividade frenética na procura de fondos e convenios con institucións e empresas multinacionais para crear centros educativos e formar os mestres que os atenderan.

A pesar das dificultades, os primeiros resultados proporcionáronlle unha pátina de respecto xeneralizado que lle axudaba a moverse sen demasiado perigo naquela atmosfera tan procelosa de guerra civil aberta ou larvada, segundo as épocas, na que a vida dunha persoa non valía nada. Así foron pasando os anos sentíndose orgulloso do seu traballo, aínda que sen poder abandonar unha sensación agridoce: “O teu labor, por moi fecundo que sexa, non pasa de ser coma unha gota de auga no océano ou unha área no deserto. Pero non podes deixar que esa realidade te venza, porque senón o resultado é a nada máis absoluta”.

Pagou un custoso peaxe persoal que o obrigaron a suspender dúas veces a súa incansable actividade: a malaria, que lle provocou serios quebrantos de saúde, aínda que conseguiu facela compañeira de viaxe ata normalizar a súa vida asumindo que está aí. O segundo golpe baixo foi un inexplicable accidente provocado pola porta dunha furgoneta que saíu disparada do seu sitio ata dar co misioneiro varios metros máis alá e deixarlle un brazo colgando, cos osos ó descuberto. Ocorreu en Lubumbashi, capital da rexión mineira de Katanga. Apenas cunhas curas empezou unha odisea que acabou unha semana despois en Bruxelas co brazo xa medio engangrenado e unha debilidade extrema do seu organismo. Os médicos conseguiron salvar e recompoñer a extremidade, aínda que ca mobilidade minguada para sempre.

Ese duro contratempo abriu outros camiños na vida de Cisco Beppi. Veu destinado a España para facerse cargo da delegación da súa organización no norte do país, con sede en Pamplona. Pasou logo a Madrid, onde asumiu a dirección en España dende a que dinamizou o funcionamento e impulsou seminarios e campamentos por distintas áreas xeográficas españolas para dar a coñecer o labor que a congregación levaba -e leva- a cabo en áreas subdesenvolvidas de catro continentes: África, Asia, América e nalgúns países europeos. Así chegou a Galicia. Quedou tan fascinado por esta terra que todos os veráns dedicaba un mes a recorrer as catro provincias onde tiñan organizadas actividades.

Aquel labor acabou, pero o contacto de Cisco con Galicia, non. Na súa estadía española sempre tiña na cabeza que un día había de volver a África, pero os anos pasaron, a idade aumentou e a enfermidade andaba con el. Con este panorama, os expertos trataban de quitarlle esa idea; en conexión con eles, os superiores encargáronlle novas responsabilidades en Italia, onde se esvaeu definitivamente a teima de reeditar a aventura do Congo. Primeiro estivo na comunidade de Tavernerio (na fronteira con Suíza), á beira de Como, despois dirixiu a de Cellarino e, por último volveu a Parma onde rexenta unha residencia de “vellos rockeiros” das misións, coma el, curtidos en mil batallas nos submundos de Bangla Desh, a India, Indonesia, Tailandia, Filipinas, Serra Leona, Chad, Burundi, Camerún, Colombia ou Brasil (a varias ducias deles levounos o coronavirus no mes de marzo), que conforman un mosaico cultural que da lugar a interesantes debates e reflexión comparativas.

Mantén aceso o seu teléfono móbil español, fala con frecuencia cos amigos que ten aquí, está ó tanto da situación política española e sabe que o 12 de xullo hai eleccións autonómicas en Galicia. Está convencido de que “o destino xa non me vai a dar oportunidade, pero de non poder estar nos anoiteceres da selva congoleña no meu momento final, non me importaría que me pillara no Finistere do mundo antigo,  que tanta emoción me produciu”.

Compartir en Facebook