Galicia ten encorados 1.952 hmᶟ de auga, case un 40% máis ca hai un ano por estas datas, a pesar de dous meses sen chuvia

28/09/2018 14:37:53
Galicia ten encorados 1.952 hmᶟ de auga, case un 40% máis ca hai un ano por estas datas, a pesar de dous meses sen chuvia

O Bao e Belesar están entre as dez presas españolas que perderon maior cantidade de líquido almacenado na última semana

A comunidade autónoma de Galicia ten almacenados nestes momentos 1.952 hmᶟ de auga nos 35 encoros de maior capacidade espallados polo seu territorio. Iso significa un 60,62% do total posible, situado en 3.220 hmᶟ, cota respectable por si mesma, pero aínda máis importante comparada ca existente o ano pasado pola mesma data en 1.522 hmᶟ, cincocentos hmᶟ menos e algo máis de trece puntos porcentuais. As cifras actuais a nivel autonómico compadécense moito máis coa media da última década nesta mesma semana, situada en 29.852 hmᶟ e un 53,54% da capacidade total.

Todo iso, a pesar de que apenas caeu chuvia nos meses de agosto e setembro, o cal da idea da magnitude da seca vivida o ano pasado, neutralizada pola intensa chuvia caídas no inverno e primavera pasadas, despois dun mes de outono con temperaturas extremadamente altas que coincidira o diabólico triplo trinta (máis de 30 graos de temperatura; menos do 30% de humidade e vento por enriba dos 30 quilómetros por hora), que converteron en tráxica a tarde e a noite do 15 de outubro para o monte galego e para moitas localidades con graves perdas materiais e incluso de vidas humanas.

A pesar da mellor situación neste ano, os encoros galegos perderon 68 hmᶟ na última semana, e dous deles, o do Bao, no concello ourensán do Bolo (-27 hmᶟ), e o de Belesar, (con -18 hmᶟ), en Chantada, figuran entre os dez que mermaron maior cantidade de auga en todo o territorio español nos sete últimos días controlados.

A táboa clasificatoria do volume de perda está encabezado pola presa de Ricobayo, en Zamora, que descendeu 55 hectómetros cúbicos; séguea Mequinenza (Zaragoza), que perdeu 36 hmᶟ; Almendra, en  Salamanca, con -34; Bárcena, situado sobre o río Sil en León, que descendeu o seu nivel en 27 hectómetros cúbicos, os mesmos ca o do Bao. En sexto lugar está o encoro de Cernadilla, Zamora, con 21. Ségueo o pantano navarro de Yesa, con -19. No oitavo posto está Belesar, que perdeu 18 hectómetros cúbicos na última semana, e os dous últimos postos corresponden ao da Serena, en Badaxoz (o de maior capacidade de España), e o de Itoiz, en Navarra, con 16 e 13 hectómetros cúbicos menos, respectivamente.

Das provincias galegas, Ourense é a que sofre un maior descenso de auga encorada, xa que perdeu 33 hmᶟ na semana, aínda que tamén é a que dispón do maior volume de auga almacenada, con 1.029 hectómetros cúbicos, que supoñen máis da metade do conxunto de Galicia, dándose a circunstancia de que rexistra unha porcentaxe de perda inferior ás de Lugo e A Coruña. Hai un ano por estas datas, a auga encorada ascendía a 746 hectómetros cúbicos, en tanto que a media da última década está fixada en 1.019 hectómetros cúbicos.

A segunda provincia pola cantidade auga encorada perdida é Lugo, que tamén é a segunda con maior cantidade acumulada nas súas presas, 469 hectómetros cúbicos,  que nos últimos sete días baixou 20, pero que hai un ano estaba en 369, fronte á media semanal nesta data da última década que está en 436 hmᶟ.

En terceiro lugar está Pontevedra, con 243 hmᶟ de auga nos seus encoros, dous menos ca a semana pasada, pero case 40 máis ca o ano pasado pola mesma data, e tamén 20 por enriba da media da década nesta semana.

Por último, A Coruña ten agora mesmo 211 hectómetros cúbicos de auga encorada, 13 menos ca na semana anterior, sen apenas diferenzas coa mesma semana de 2017, cando  contaba con 203 hectómetros e coa media semanal dos últimos dez anos, situada en 208 hectómetros cúbicos.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí