Galicia encabeza a evolución positiva no ranking estatal de accidentes de tráfico mortais no que vai de ano, cun 32% menos

15/03/2017 11:01:09
Galicia encabeza a evolución positiva no ranking estatal de accidentes de tráfico mortais no que vai de ano, cun 32% menos

O número de persoas falecidas nas estradas galegas dende xaneiro é de 17, un 35% menos que nas mesmas datas de 2016

A sinistralidade mortal nas estradas galegas vive un importante retroceso (un 32% menos) no que vai do ano 2017, pois ata o de agora téñense rexistrado 15 sinistros graves con perda de vidas humanas, fronte aos 22 que se produciron nos primeiros dous meses e medio do 2016. O número de vítimas mortais tamén descendeu de xeito considerable, xa que o ano pasado a estas alturas tíñanse producido 23 mortos no momento do accidente ou ben dentro das vintecatro horas seguintes, mentres que dende xaneiro, os falecidos debido a sinistros nas estradas da rede galega foron 17, seis menos, o que significa un 35% por baixo.


Por comunidades autónomas, a que maior número de accidentes mortais ten rexistradas no que vai de 2017 é Andalucía, con 35, que a sitúan moi por enriba do resto, xa que a seguinte é Cataluña, con 20. En terceira posición está Castela e León, con 18, por diante da Comunidade Valenciana, con 16. No quinto lugar deste ranking figura Madrid, con 14, e no sexto Castela-A Mancha, con 13. Despois sitúanse o País Vasco con 11, Canarias con 8, Aragón, Illas Baleares e Extremadura con 7, Asturias e Murcia con 6, A Rioxa, con 5. En último lugar aparece Navarra, con un só accidente mortal.


Na comparativa con respecto á mesma data do ano anterior, a estatística máis positiva é a de Galicia, con descenso de sete sinistros e outras tantas vítimas mortais menos, aínda que en número de falecidos está por enriba Andalucía, con 8 menos que hai un ano, a pesares de que o de percances letais so baixou en tres, pasando de 38 a 35.  Ademais das dúas comunidades citadas, reduciron sinistros Canarias, Cantabria, Castela e León, Comunidade Valenciana, Extremadura e Navarra (pasa de 5 a 1 en percances e en vidas perdidas). Incrementan os accidentes Aragón, Baleares, Castela-A Mancha, Madrid (pasa de 7 a 14, e en falecidos, de 7 a 16, case un 130% mais), Murcia, País Vasco e A Rioxa. Mantéñense cos mesmos números, Aragón e Cataluña. Por número de vítimas mortais, aínda que Madrid figura cos números absolutos máis altos, a porcentaxe máis elevada corresponde Á Rioxa ao pasar dunha persoa morta hai un ano a seis no que vai deste. O País Vasco figura con 7 mortos máis que o ano pasado por estas datas, Castela-A Mancha, Murcia e A Rioxa con cinco cada unha. Pecha o ranking negativo Asturias, cun morto máis que nos dous primeiros meses e medio de 2016.

A última vítima mortal tivo lugar en Ourense na tarde do día 14, ao perder a vida unha muller de 71 anos atropelada nun carril de acceso á N-540 dende A Valenzá, no termo municipal de Barbadás. A peón cruzaba por un lugar non habilitado para elo. O día 13, tres persoas morreron en Guipúzcoa nun accidente múltiple, no que se viron implicados un camión e catro vehículos.


Por meses, a sinistralidade no conxunto do Estado reflicte que os peores son xullo e agosto, destacados, con 114 e 117 accidentes mortais respectivamente, seguidos de xuño e setembro, con 90 cada un. Abril e maio son, por contra, os mellores meses, pois baixan ata 67 e 74 sinistros, respectivamente.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí