Eslovenia, espello para a apicultura galega

10/09/2018 13:46:01
Eslovenia, espello para a apicultura galega

O país eslavo é un perfecto espello para a apicultura galega, xa que ten un alto nivel de desenvolvemento e explotación que vai máis alá da colleita de mel, nalgunhas explotacións  constitúe a principal achega económica

Eslovenia é un pequeno país eslavo, integrante da antiga Iugoslavia, da que se separou en 1991, despois dun breve e incruento enfrontamento de dez días coas forzas dominantes serbias. Pertence á Unión Europea, á moeda única e á OCDE. A súa superficie é de pouco máis de 21 mil quilómetros cadrados que está habitada por unha poboación de dous millóns de persoas. Rodeada de Austria polo norte, por Hungría polo nordeste, Italia e o Adriático polo oeste e por Croacia polo sur e o leste, asómase ao Adriático con apenas 40 quilómetros de costa.

É un país con forte tradición agrícola e forestal (a metade da súa superficie son bosques, a maioría protexidos, a extensión máis importante de Europa só por detrás de Finlandia e Suecia). Pero, sen dúbida, a maior tradición vencellada ao medio natural é a apicultura, arredor da cal está desenvolvida toda unha cultura de vida. De feito, durante o curso escolar aos nenos inclúeselles mel na dieta do almorzo de cada venres, para que se familiaricen no coñecemento do mel e manteñan a relación ancestral con el. Podería dicirse que constitúe un espello perfecto para a apicultura galega, ata o punto de que a Asociación Galega de Apicultora organizou o ano pasado unha viaxe didáctica a Eslovenia.

Todo o país é un grande produtor de mel dende hai séculos. A súa historia pode contemplarse no Museo de Apicultura de Radovljica, onde se conservan aparatos e utensilios utilizados na antigüidade e distintos tipos de colmeas que permiten apreciar a evolución rexistrada co paso do tempo. A especie máis común de abella é a carniola (apis melífera carnical), autóctona do país, considerada como unha das máis estendidas do mundo. Os eslovenos sempre foron bos coñecedores das técnicas apicultoras, en boa parte grazas a Anton Lansa, que no século XVIII introduciu cambios radicais nas prácticas apícolas, dando lugar á apicultura moderna. Os eslovenos celebran dende hai anos o 20 de maio como Día das Abellas. Neste senso, o seu empuxe foi definitivo para que a ONU declarase esa data como o Día Mundial da Apicultura, tras ser aprobada o 18 de outubro de 2017.

Os coñecementos e a investigación dentro do sector lograron que a abella máis estendida teña boa resistencia ás enfermidades apícolas e a diferencia do que ocorre en Galicia, as abellas eslovenas non pican, consumen pouca comida no inverno e teñen un desenrolo rápido na primavera. As pecoreadoras (encargadas de procurar pole) teñen un avanzado sentido da orientación. En cambio producen menos própole que a media rexistrada en Galicia.

O país eslavo é un perfecto espello para a apicultura galega, xa que ten un alto nivel de desenvolvemento e explotación que vai máis alá da colleita de mel, posto que nalgunhas explotacións nin constitúe a principal aportación económica. A produción das colmeas, tanto melífera, como de pole, própole, cera ou xelea real, é utilizada na farmacopea tradicional polos seus efectos terapéuticos; tamén de relax nos tratamentos dos centros balnearios, ademais de xogar un recoñecido protagonismo como produto produto gastronómico, tanto de consumo directo como de acompañante para centos de receitas culinarias. Igualmente, existe un importante aproveitamento para a elaboración de cosméticos. Un dos usos máis novidosos é o apiturismo, consistente na visita a complexos apícolas, construídos en torno a unha especie de carromatos que albergan colmeas dispostas en vertical formando como paredes en  pequenas casiñas, nas que o visitante se pode aloxar e contemplar a vida deste singular animal.

A maiores, Eslovenia ten a fortuna de non rexistrar aínda a presenza da vespa velutina, que está causando estragos nos apiarios de oito países europeos, entre os que está España e, nomeadamente, Galicia.  Os outros son Francia, Italia, Portugal, O Reino Unido, Alemaña, Bélxica e Suíza.

De momento, Galicia atópase lonxe dese nivel de desenvolvemento no eido da apicultura, pois moitos dos campos están por experimentar, aínda que conta con potencial suficiente para constituírse nun sector relevante da economía rural galega.

Porén, a cabana apícola está medrando a gran velocidade en Galicia, posto que en 2010 había na Comunidade preto de 80.000 colmeas, en tanto que este ano superan lixeiramente as 170.000,  segundo os datos oficiais do último censo apícola, datado no mes de abril, o que significa un incremento do 210% en oito anos, cunha produción de mel de alta calidade. Do total, arredor da metade pertence á provincia de Ourense, que é a que rexistra o maior aumento no número de colmeas, situado hoxe en 82.567, superando a Lugo que era tradicionalmente a primeira provincia produtora, que tamén pasou de 36.300 ata as 52.272.


A Coruña ocupa o terceiro lugar, con 18.551 colmeas fronte ás 12.000 de 2010. En último lugar sitúase a provincia de Pontevedra, que en 2010 contaba con 10.500 colmeas e acadou as 22.000 o ano pasado, pero que este ano retrocedeu ata  ás 16.753 por culpa da acción depredadora da vespa asiática e tamén os danos causados polos incendios do pasado mes de outubro.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí