Entroido: tempo de “crápulas, liviandade e libertinaxe”

19/02/2018 11:13:00
Entroido: tempo de “crápulas, liviandade e libertinaxe”

O Entroido é festa de fonda raigame en moitas localidades repartidas por Galicia, aínda que onde está máis consolidado é na provincia de Ourense. Historicamente son datas dedicadas en que o pobo consegue certas licenzas de comportamento e mesmo de transgresión das normas cotiás, vedadas durante o resto do ano. En grupos, comparsas ou de xeito individual, durante o entroido os cidadáns aproveitan para criticar ás autoridades de todas as  instancias ou personalidades destacadas na sociedade do momento.


Isto non foi sempre así, pois era unha festa laica e polo tanto tamén adoitaba pór en solfa o comportamento da Igrexa ou máis concretamente, dos seus ministros ou cregos. O asunto non lle gustaba nada á institución relixiosa, quen a pesar do seu poder non foi capaz de neutralizar a expresión festeira do entroido. Por iso os bispos “contraprogramaban” accións relixiosas para os tres días fortes da festa pagán: domingo, luns e martes.


Nos albores do século XX era bispo de Ourense Pascual Carrascosa y Gabaldón, quen deu instrucións claras e concisas a través do “Boletín Oficial del Obispado”, en que avisaba da chegada do Entroido e ordenáballes aos curas da diocese a organización de actos relixiosos e rezos variados durante os días máis sinalados da festa, en desagravio de tan inmoral conmemoración e, de paso, tratar de sacarlle algún participantes a base de telos entretidos nas igrexas, alleos á marea de “crápulas, liviandade e libertinaxe” que campaba eses días ás súas anchas.


Coa chegada do franquismo, o Entroido entrou na súa longa noite de pedra, despois de que o réxime prohibira calquera manifestación carnavaleira, para satisfacción dos responsables da igrexa católica oficial. A festa perdeu forza, mais non desapareceu de todo, pois os lugares con máis tradición mantiveron, anque fora ás agochadas, o ambiente de troula contando con certa permisividade dalgunhas autoridades. Outras, en cambio, non facían concesión algunha e elo daba lugar a situacións difíciles.


Tal acontecía na vila de Seixalbo, no sur da cidade de Ourense, con fonda tradición entroideira, que facía que nos tempos difíciles, ducias de veciños facían comparsas e saían a rúa o domingo e o martes para cantar coplas satíricas dirixidas contra o poder establecido e os veciños máis sobranceiros. E o mércores celebraban con moito boato o enterro da sardiña, en que primaba un ambiente de loito, presidido por un falso crego con outros falsos monaguillos e unhas mais falsas plañideiras acompañando o cadaleito do peixe e cantando responsos pola ánima da sardiña nun ambiente de irreverencia absoluta.


O párroco don Antonio levaba moi mal esta situación, pero era xusto o enterro da sardiña o que sacaba das súas casillas, así que cando se apagaba o alumeado público para non ser recoñecidos os participantes, o crego chamaba á Garda Civil. Cando eran divisados ou detectados os representantes do poder, a comitiva botaba á correr ata ter a seguridade de que non eran seguida polos gardas.


Pero houbo anos nos que se daba un suposto peor sen o concurso da autoridade. Dous ou tres veciños, fillos de gardas, collían o uniforme dos pais e íanse arrimando na escuridade, para aparecer nun cruce de rúa próximo, pero o suficientemente afastado para non ser distinguidos. Nese instante desátase o pánico e os acompañantes da comitiva fúnebre tiran con todo e escapan en sentido contrario ó dos axentes. Os uniformados, á súa vez, pareceulles divisar gardas polo lado oposto ó seu (non os había), polo que, cheos de medo, fuxían  por onde viñeran ata atopar un lugar seguro para irse para os respectivos domicilios.


Ao día seguinte estendíanse os comentarios do sucedido ata que acababa por descubrirse que os participantes no enterro escaparon ao ver uns garda civís que non o eran, e estes mesmos fuxiron ao crer que viran uns gardas de verdade que non existían.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí