Emilio Araúxo, o poeta da alma errante

18/06/2019 14:43:32
Emilio Araúxo, o poeta da alma errante

Fala ben, exprésase a través dunha oratoria fonda, sentida, e como bo filósofo, ten moi debullado o pensamento, cousa que lle permite aforrar a parte superflua da lingua e verbalizar de forma sinxela pero cargado de significado.  No seu discurso e nos seus textos verte o mellor de si mesmo, puro zume ou esencia da súa bagaxe intelectual, que cativa a interlocutores e lectores.

Emilio Araúxo é persoa coherente dentro e polifacética dentro dunha existencia complexa na que caben unha cousa e -ás veces- a contraria, sen facer a máis mínima concesión á contradición ou á lixeireza. Ensinou filosofía e é poeta, ensaísta, editor, tradutor, pintor, fotógrafo, escultor, etnógrafo, coleccionista de tradición; sempre apegado á terra. Porén, a súa traxectoria persoal e cultural semella estar marcada pola diversidade das vocacións e aficións que o levan lonxe do punto ó que se sinte máis atado, que é o rural galego. Sobre ese partir e voltar resúltalle apropiada a definición de Valente ó respecto, cando sentenciou que “alonxarme foi o modo de ficar para sempre”.

Naceu en Coles, vive en Lalín e pasa temporadas en Francia, Alemaña ou Estados Unidos, para regresar ó seu refuxio de Sacardebois, na Ribeira Sacra, e mimetizarse coa natureza, entendendo o medio e ollando o pequeno paraíso que se abre diante dos ollos dende o corredor da súa casa-museo. En 1995 fundou a editorial Noitarenga e no 2001 Amastra-N-Gallar.

Como escritor prolífico, conta entre as súas obras máis destacadas con “Cinsa do vento: libro da Ribeira Sacra”, “Pois”, “As chairas da letra” ou “Seica si”, en poesía. En narrativa destaca “Tempos serodios” e “A roupa gastabámola escura”. No ensaio ten especial relevancia “Sombra respirada dunha reliquia (barquilleiros)”, “Balbina”, “Chancras” ou “Mal amor”. Como editor merece cita a publicación de “Do lado dos ollos. Arredor da poesía”, que contén entrevistas con 79 poetas do mundo.

Especial relevancia ten o seu papel como tradutor, onde destaca a “Rapsodia polo teatro: breve tratado filosófico”, de Alain Badiou, notable filósofo, dramaturgo e novelista francés de orixe marroquí; “Arredor da cuestión nacional”, “A ética: ensaio sobre a conciencia do mal”, “Mundo contemporáneo e desexo de filosofía”, todas elas de Badiou; “Espectador e actor” de Françoise Regnault; “ABNM: diálogo Alain Badiou-Natacha Michel”, de Natacha Michel.  “Samuel Beckett, o incansable desexo”, igualmente de Badiou; “Labrego coma (cinco veces)”, de James Sacré; “As naturezas indivisibles”, de Calade Retornada; “A poesía como condición da filosofía” e “A idade dos poetas”, de Badiou; “Entón”, de Florence Pazzottu e “Sobre o binario psicoanálise-poesía”, de Joseph Attié.

Pero Emilio é moito máis que un profesor recoñecido e a filosofía moito máis que unha materia a impartir para gañarse o sustento, posto que constitúe unha forma de entender a vida, aliñada na procura da harmonía do espírito dentro do percorrido do home enraizado co medio. Como é máis que filósofo ou que editor, etnógrafo, tradutor, ensaísta ou fotógrafo, excelente fotógrafo. Por enriba de todo é poeta, tal vez porque é o instrumento que mellor lle permite elevarse sobre a materialidade máis prescindible e situarse como Manuel Alegre cando dende o presidio soñaba “eu son libre como as aves / e paso a vida a cantar; / corazón que nace libre / non se pode encadear”. “Poesía é a vida”, resume Araúxo.

Nese universo poético que construíu desde a beleza inabarcable de Sacardebois, vanse sucedendo versos que van vendo a luz como as abellas na colmea no inevitable “Libro da Ribeira Sacra” no que insire unha certeira radiografía sobre o triste sino do rural para dentro de pouco se é que ninguén o remedia. “Ningún paso / só se oen nos tellados / os rezos das mulleres mortas / cando chove. / Nenos en Teimende ningún / en Parada catro / de Requián nada / de Caxide un / de Castro nada / en Amandi dous / a María Xosé e o Xavier / e houbo en tempos setenta“… “Nenos en Xardela ningún / en Fondodevila ningún / nada / como se comeran todo os ratos”, láiase nos seus versos. Esta obra, considerada un traballo de creación maior, vén de ser cedida polo autor a través dunha coidada edición para integrar os fondos da Biblioteca de Mesopotamia.

O desacougo da despoboación do rural lévao a recoller obxectos, documentos, apeiros, móbeis, vestidos, chancos, zapatos, tradicións, aparellos do gando, imaxes e outros efectos, para ilos colocando agarimosa e harmoniosamente uns ó lado dos outros, construíndo o que el chama un poemuseo no que se ergue o espírito dos devanceiros cunha imaxe difusa, coma se andaran entre lusco e fusco, da que sobresae o señor Victoriano de Mouca sacándolle lustre á alma da terra, a poucos metros da señora Isolina cos seus 95 anos cavando as patacas ou en animada conversa sen lingua común coa poeta e tradutora sueca Helena Eriksson, dúas xeracións máis nova. Alí certificou Emilio que os idiomas e as diferencias importan o xusto cando se crea unha atmosfera de comuñón, porque a forza expresiva fala por si mesma.

Non é amigo de actos multitudinarios nin de entrevistas, aínda que lle interesa dar a coñecer o o seu traballo. “Todo o que teño que dicir está expresado nos meus traballos e nos obxectos que están recollidos no museo de Sacardebois. Eles falan por min”, apunta.

Emilio Araúxo ten resoltas dende hai tempo as dúbidas sobre as autenticidades, sabe con seguridade que residen na memoria da señora Isolina Pumar e do señor Victoriano de Mouca, como no legado de todas as Isolinas e Victorianos.

 

Compartir en Facebook