Eduardo Lastra, un galego de Asturias

24/06/2019 12:44:21
Eduardo Lastra, un galego de Asturias

Eduardo Lastra é unha desas persoas a quen as circunstancias da vida colocou na dualidade permanente, pero esa é unha percepción externa porque el nunca se sentiu así nin llo pareceu. Naceu en Taramundi, que é un pobo do occidente asturiano pegado á provincia de Lugo; criouse en Taramundi, traballou en Taramundi, foi alcalde do seu pobo durante máis de tres décadas e tivo responsabilidades no goberno asturiano. Con todo, boa parte da súa vida desenvolveuse en galego e cos galegos, que son os veciños máis próximos ó seu pobo. Cando se lle expón esa situación de dualidade permanente, encóllese de ombros e afirma que os residentes na contorna viven con total naturalidade a condición de cidadáns situados nun enclave entre dous territorios administrativos distintos, pero cunhas condición de vida idénticas e cos mesmos problemas e vantaxes. Todos pensan que as cousas son como son, sen máis. Compran mercadorías ou fan outro tipo de negocios do lado galego, do mesmo xeito que os galegos da contorna mercan e venden en Taramundi e outros pobos asturianos por razóns de proximidade, transcendendo as cuestións derivadas da xeografía política.

Con todo, Eduardo Lastra ten unha vida singular que vai máis alá da situación xeográfica. Natural dun pobo e unha comarca dedicada á agricultura, a gandería e a artesanía nun medio xeográfico adverso por mor da abrupta orografía; foi fillo e neto de ferreiros, que o fixeron medrar ca inquedanza da procura do ben colectivo. Sempre tivo claro que a súa vida estaba en Taramundi e así lle sucedeu. Fíxose alcalde moi novo e pronto destacou polas súas ideas innovadoras e a súa dedicación ó cargo sen reservas. Dita circunstancia fíxolle gañar a confianza dos seus veciños durante máis de tres décadas, ata que en 2015, chegada a idade da xubilación, cedeu o testemuño no concello.

Lembra que cando accedeu á alcaldía estaba todo por facer. Taramundi era, coma toda a zona de montaña interior de Asturias e Lugo, unha zona atrasada e con carencia de toda clase de servizos. A pesares de estar no último cuarto do século XX, había moitas localidades do pequeno concello que carecían de fluído eléctrico, como lle ocorría á fragua de seu pai. Tivo claro dende o principio que a solución ós problemas era un labor colectivo con implicación da veciñanza, por unha parte. Pola outra, ó non crer nos milagres, cumpría ter claro que había que facer da necesidade virtude, e así comezou por xestionar a implantación da electricidade nun concello que conta con 52 núcleos de poboación repartidos entre profundos vales e escarpadas montañas.

Paralelamente, impulsou a recuperación dos recursos endóxenos e os oficios artesanais (coitelos, navallas, gandería ou agricultura). Pero iso non tería futuro se non se lle buscaba mercado á produción, e tendo en conta as dificultades para poder saír a vender nos mercados externos, Eduardo Lastra pensou que se non podían comercializar fóra había que traer os compradores a Taramundi. Para iso, impulsou a hostalaría e pequenos establecementos que ofrecían aloxamento ós visitantes, alumeando así un concepto de viaxar descoñecido ata entón en España e converténdose no pai do turismo rural, mérito que o sector lle recoñece sen ningún xénero de dúbida e que en poucos anos foi acadando un desenvolvemento exponencial por todo o país, cunha achega significativa ó mundo do lecer.

Síntese orgulloso do traballo realizado e os logros acadados, pero sen saírse do carreiro da humildade, que considera fundamental para poder manter a ilusión polo traballo e os retos colectivos. Sábese parte capital da evolución do seu pobo, aínda que circunscribe a súa achega á implicación da veciñanza ata o punto de admitir que o maior esforzo de todos os que fixo ó longo da súa dilatada traxectoria consistiu en convencer e concienciar ós seus veciños da necesidade de traballar todos na mesma dirección na procura dun obxectivo común.

Lastra, xubilado dende 2015, sigue convencido de que o que valeu no seu día para Taramundi vale agora para outros, aínda que atendendo ás características de cada lugar e o seu entorno. Iso explica nos foros repartidos por toda España, onde o reclaman desde hai moitos anos. Neles conta a súa experiencia, amosando un sorriso cando do auditorio lle din que alí onde fala é moi difícil pór en marcha unha idea así. Sempre resposta que seguramente non había un sitio máis difícil que Taramundi para intentalo. “Os resultados están garantidos. Só fan falla ideas claras, vontade, esforzo e traballo en común”, sentencia.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí