Dez estados europeos, entre os que figuran os máis ricos do continente, teñen menos poboación que Galicia

10/09/2019 10:46:20
Dez estados europeos, entre os que figuran os máis ricos do continente, teñen menos poboación que Galicia

Galicia supera en poboación a dez estados europeos, tres deles contan coa maior renda per cápita do vello continente, sendo, a súa vez, dos de menor superficie. A Comunidade Autónoma galega conta cunha superficie de 29.575 quilómetros cadrados e unha poboación de 2,7 millóns de habitantes. O PIB nominal chega ós 69.436 millóns de dólares, en tanto que a renda per cápita sitúase nos 25.723 dólares. A situación estatística é desigual na comparación cos estados europeos máis pequenos, xa que ocupa o número seis por nivel de renda individual. Está superado por Mónaco, o estado de dimensión máis reducida con só 2 quilómetros cadrados de superficie e 38.300 habitantes, pero que conta cun PIB de 6.272 millóns de dólares e unha renda per cápita de 163.776 dólares que o sitúan á cabeza de Europa.

O segundo país con maior renda individual é Liechtenstein, tamén un dos estados de menor tamaño, que ten unha superficie de 160 quilómetros cadrados, 38.378 habitantes (practicamente os mesmos que Mónaco), un Produto Interior Bruto anual de 6.534 millóns de dólares, tamén moi parecido ó paraíso fiscal monegasco, e unha renda per cápita de 163.657 dólares, 119 menos que o diminuto estado da Costa Azul.

O terceiro país con maior riqueza individual de Europa é Luxemburgo, con 327 quilómetros cadrados de superficie a 602.005 habitantes que o sitúan bastante por riba dos dous anteriores e que ten un PIB de 72.000 millóns de dólares, cunha renda per cápita de 120.061 dólares. Os tres son dos máis importantes refuxios fiscais do continente europeo, con Andorra, que ocupa o número cinco con 468 quilómetros cadrados, 77.282 habitantes e unha renda por persoa de 36.987 dólares, que sitúan na banda alta, por enriba de Galicia, pero bastante lonxe dos tres primeiros países.

No cuarto lugar do ranking por nivel de renda entre os estados europeos menos poboados está San Marino, outro pequeno país de 61,19 quilómetros cadrados e 32.200 habitantes que dispoñen dunha riqueza individual de 50.000 dólares.

Nesta hipotética clasificación iría a continuación Galicia, seguida de Eslovenia, que dispón dun nivel de riqueza individual apenas uns dólares inferior que a comunidade galega. O enclave que formou parte da antiga Iugoslavia, ten 20.273quilómetros cadrados, 2.067.000 habitantes e un PIB nominal de 5.693.343 millóns de dólares, no que a renda per cápita ascende a 27.538 dólares.

As repúblicas bálticas sitúanse nos seguintes postos, encabezados por Estonia, logo Lituania e Letonia. Estonia ten 45.228 quilómetros cadrados de superficie, 1,319 millóns de habitantes, un PIB nominal de 30.212 millóns de dólares e unha renda per cápita de 22.989 dólares. Lituania, con 64.300 quilómetros cadrados e 2,853 millóns de habitantes, ten un Produto Interior Bruto nominal de 54.352 millóns de dólares e unha renda de 19.534 dólares. Letonia, con 64.589 quilómetros cadrados e 1,925 millóns de habitantes, dispón dun PIB nominal de 30.176 millóns de dólares e unha renda de 19.534 dólares por habitante.

O último posto correspondería a Montenegro, que tamén é unha das repúblicas ex iugoslavas, con 13.812 quilómetros cadrados e 642.550 habitantes, que acada un PIB de 5.402 millóns de dólares e unha renda per cápita de 8.651.

Fóra desta clasificación demográfica quedan a república balcánica de Moldavia e Albania, que superan lixeiramente en superficie (33.851 e 28.748 quilómetros cadrados, respectivamente) e en habitantes a Galicia (3,350 millóns de habitantes a primeira e 3.038.594 a segunda) pero están significativamente por baixo en PIB, con 15.202 millóns de dólares para Albania e 11.404 para Moldavia, así como en renda individual, con 13.344 dólares no caso albanés e 3.217 dólares para os moldavos, cantidade que os sitúa como o estado máis pobre do continente.

 

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí