De neno chabolista a dono dun imperio económico

08/05/2019 15:12:18
De neno chabolista a dono dun imperio económico


Fernando Faro Rúa foi sempre un neno inconformista e rebelde, seguramente impulsado polo entorno. Fillo de nai solteira na aldea de Aboal, concello de Mondariz, vivía na máis absoluta miseria, acrecentada coa chegada do seu irmán Pepe, apenas un ano e poucos meses máis novo. Residían en condicións miserables nunha humilde casiña de planta Baixa co piso de terra e sustentábanse co magro xornal que gañaba a súa nai ó servizo do home máis rico da aldea.


Moitos anos despois, Fernando reflexionaba sobre as razóns daquela súa rebeldía e estaba convencido de que era a resposta dun neno dos tempos da fame á dura situación. Tiña parentes e varios veciños no Brasil e soñaba con marchar e conseguir alí o que na aldea lle parecía imposible. Para elo tiña dous problemas e unha vantaxe: por un lado, a súa curta idade e a carencia total de medios para poder financiar o billete; polo outro, a agudeza e intelixencia naturais, estimuladas -tamén- pola necesidade extrema.


Antes de cumprir os trece anos foi protagonista dunha outra falcatruada. Xogando con lume, fóiselle das mans de xeito que as lapas acabaron por deixar convertida en cinza a humilde cociña da casa. Soubo ó instante que aquelo era máis grave que as trasnadas que tanto enrabechaban á súa nai. Nas ocasión nas que bota a vista atrás, recoñece que no entorno de adversidade no que se moveu tantas veces, sempre tivo un puntiño de sorte que lle permitía atopar unha saída.


Así sucedeu que no medio do desastre causado polo incendio, conseguiu o diñeiro prestado para mercar o billete cara Salvador de Bahía, onde tiña un tío e varios veciños, moitos deles adicados á panadería. Unha vez alá, foi precisamente na dun deles na que lle deron traballo. Os primeiros seis meses traballaba sen parar e mesmo durmía na parte traseira do obradoiro. Despois pasou a residir nunha vivenda tan miserable como a da súa nai, compartida con quince ou vinte compañeiros e paisanos.


Cando cumpriu os 18 anos, despois de cinco de duro traballo e privacións, aforrara para pagar o billete que o levou ata Brasil e para mercar outra pasaxe de ida e volta a Mondariz; máis unhas pesetas para sobrevivir o tempo que pasara aquí. De retorno ó traballo na panadería, contoulle ós propietarios, que levaban 40 anos en Bahía, os avances e a paulatina modernización que se estaba producindo en España; así como unha mellora da situación económica, nada parecida á do primeiro terzo do século vinte, a que viviran os patróns.


Tanto entusiasmo puxo, que ós xefes entroulles cobiza por volver á súa terra, á aldea, ó mundo que deixaran tanto tempo atrás e do que aínda gardaban a lembranza na memoria. Para elo debían buscar alguén que se encargase do negocio na súa ausencia e concluíron que ninguén mellor que o mozo Fernando, pois tiña demostrado que dominaba todos os segredos, ademais dunha lealdade total. Propuxéronlle asumir o mando a cambio dunha subida no salario, mais aquel rapaz espelido xa espabilara dabondo para aceptar a oferta sen máis. Pareceulle ben a idea, pero pediu unha participación na sociedade, condición que os donos aceptaron despois dun tira e afrouxa de varias semanas.


Os xefes viñeron e Fernando Faro viuse convertido en empresario de fato. O primeiro que fixo foi volver a durmir no negocio para controlar todo o que alí pasaba. Logo descubriu que había compañeiros -agora subordinados- que roubaban parte da mercancía e mesmo da Caixa. Aplicou métodos revolucionarios para a época e o país, xa que en vez de medidas disciplinarias pactou subida de soldos a cambio dunha implicación maior no traballo, ademais do cumprimento real da xornada. A idea foi un éxito rotundo e convertiríase nunha filosofía que aplicaría este neno emigrante en todas as empresas que puxo en marcha ata converterse nun gran empresario e dono dunha considerable fortuna.


Despois dun ano na terra nai, os xefes regresaron engaiolados polo que viran e viviran no seu reencontro co pasado, familia e amigos, ata o punto de que se lle fixo dura a partida, case como a primeira vez, pois se é certo que non tiñan os problemas económicos daquela vez, agora tiñan máis anos e a boca doce da boa vida no lugar que os viu nacer, que non tiña nada que ver co que viviran na mocidade.


Poñendo intuición e olfacto, Fernando Faro soubo que estaba ante outro seu momento. Esta vez foi el o que tomou a iniciativa propoñendo quedarse coa totalidade do negocio. A estratexia funcionou, tamén despois dunha curta negociación, pechando o trato definitivamente co respaldo dun tío e o seu irmán Pepe -que emigrara tamén en busca de futuro- como socios. Foi a rampla de lanzamento económico e empresarial dun home feito a si mesmo que convertía os empregados en aliados e buscaba os mellores xestores para facerse cargo das empresas que mercaba ou montaba. Así, progresou no negocio da panadería e das confeiterías, alimentación, importación e exportación, promoción inmobiliaria, xoierías e ata no da lousa.


Antes deses tempos de ouro, cando contaba con 24 anos e a súa carreira de empresario estaba encarrilada, tomou uns meses de respiro e regresou a Aboal e a Mondariz. Namorouse dunha moza guapa que na súa viaxe anterior era apenas unha adolescente, casualmente filla do rico do pobo e xefe da súa nai. En canto soubo da relación montou en cólera, preguntándose a berros no comedor da súa mansión se el tivera unha filla para que acabara por xuntarse cun golfo, un perdido, pertencente ao lixo do pobo. Nese estado de alteración no que se sumiu eses días, decidiu enviar a rapaza cun irmán seu que vivía en Sevilla  para seguir cos estudos, lonxe daquel indesexable.


Mais as cousas non estaban exactamente como pensaba, pois Fernando xa non era aquel rapaz rebelde e inadaptado, senón un mozo empresario con certa fortuna e mirada segura de quen sabía que tiña ante si un prometedor futuro. E, sobre todo, que a moza estaba perdidamente namorada del. Así que despois de conseguir un enxeñoso sistema de comunicación epistolar sen despertar sospeitas dos titores, Fernando aproveitou para pór orde nos asuntos da aldea, ademais de mercarlle unha casa con todas as condicións para a súa nai, que xa non era aquela muller que penaba por un escuálido xornal, senón unha señora á que non lle faltaba de nada.


Resolto iso, viaxou a Sevilla para exporlle a situación á muller que lle estaba facendo perder a cabeza. Inexorablemente tiña que retornar ó Brasil e só había unha solución, ou ía con el ou rompía a relación e esquecían a historia en común. A aposta era forte, pero ela non dubidou un instante: o seu futuro estaba con el. Acertou, pois o futuro en común sorriulle, tiveron tres fillos e unha envexable situación económica e social no país de adopción e mais no de orixe.


Quixo o destino que, pasados varios anos, quebraran os negocios do veciño rico contraendo tantas débedas que estaba ó borde de perder o pazo no que residía. Ese mesmo destino fixo tamén que fose o indesexable xenro e a súa dona os que mercaran o pazo, rescatándoo da desfeita económica do sogro e pai, respectivamente. Aquilo fixo que a familia recuperara a relación formal e que os pais da súa dona e sogros seus seguiran ocupando a casa mentres viviron, aínda que o que quedaba daquel home que fora rico nunca puido superar a humillación de morar de prestado no fogar propiedade de quen no seu día tanto desprezara.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí