De Allariz a Cangas: Tres décadas das revoltas máis sonadas do municipalismo galego na democracia

08/10/2019 10:50:44
De Allariz a Cangas: Tres décadas das revoltas máis sonadas do municipalismo galego na democracia

No mes de agosto de 1989 o ambiente político de Allariz estaba máis caldeado do habitual, en liña coa temperatura propia da data. O motivo non era outro que a lea entre o grupo municipal do BNG e o goberno municipal de Centristas de Galicia (formación que lideraba Victorino Núñez) que tiña a Leopoldo Pérez Camba como alcalde. O enfrontamento orixinouse pola negativa do rexedor a convocar un pleno extraordinario para debater sobre as malas condicións que presentaba a auga do Arnoia ó paso pola vila, no que apareceran peixes mortos nos días anteriores.

En realidade, esa foi a gota que colmou o vaso da convivencia, pois as diferencias irreconciliables na Corporación municipal allaricense entre centristas e nacionalistas viñan de atrás, así que o día 11 dese mes os catro concelleiros do Bloque Nacionalista Galego, co seu líder, Anxo Quintana, á fronte, acompañados dun amplo grupo de veciños -a maioría xoves vencellados ó nacionalismo- pecháronse de xeito permanente na Consistorial para forzar a convocatoria do pleno para tratar o estado do río.

O que se previa como un acción dunhas horas, foise complicando conforme as posicións dunha parte e outra se foron acantonando de tal xeito que a solución chegou tres meses despois, coa dimisión do alcalde Pérez Camba e a elección dunha xunta xestora presidida polo nacionalista Anxo Quintana, dando inicio a un goberno que se convertería en santo e seña do BNG no poder municipal, que se mantén ata hoxe. O propio Quintana exercería como alcalde ata o ano 2000, no que sería substituído por Francisco García Suárez, que ata entón era primeiro tenente de alcalde e o seu colaborador máis próximo durante moitos anos. En 2018, García Suárez deu un paso atrás e cedeu o poder, á súa vez, á primeira tenente de alcalde, Cristina Cid, que nas últimas municipais revalidaría a maioría absoluta que o seu grupo ostenta dende 1991.

Pero entre o 11 de agosto de 1989 e o 11 de novembro do mesmo ano sucederon moitas cousas que ca perspectiva actual parecen difíciles de entender, mais naquela época deron lugar a episodios que semellan inasumibles nun estado de normalización democrática, pois a vida municipal permaneceu paralizada durante noventa días, sen que as autoridades políticas ou policiais adoptaran medidas drásticas que puxeran fin ó conflito. As accións gobernativas e das forzas de orde público limitáronse a tratar de manter os mínimos de convivencia e aínda que houbo varios momentos de tensión, nunca pasaron a maiores. O artífice daquel complexo equilibrio do lado oficial era Francisco González, madrileño, ex-alcalde socialista de Parla, que ostentaba o posto de gobernador civil, que aínda dispuña de moito poder. Da outra parte, tiveron que ver os líderes da revolta, que se ben apertaban para manter a tensión e o respaldo popular suficiente que amparara as súas decisións, non dubidaban en botar o freo de man cando ameazaba con desbordarse.

Nos momentos de máxima crispación producíronse dous feitos que afectaron os máximos representantes do poder enfrontado: por un lado o portavoz municipal nacionalista, Anxo Quintana, e polo outro, o alcalde Leopoldo Pérez Camba. O primeiro foi detido nunha operación policial polo tumulto xerado polas accións de protesta na rúa contra o alcalde, nas que foi acusado de sedición. Posto a disposición xudicial por membros da Garda Civil, o xuíz de garda ordenou o seu ingreso provisional en prisión. Alí estivo varios días ata que se fixo efectiva a fianza de 500.000 pesetas (3.000 euros) imposta pola súa señoría.

A fianza foi avalada persoalmente por Xosé Manuel Beiras Torrado, naquel momento portavoz nacional do BNG, facilitando a posta en liberdade de Quintana que regresou o lugar das protestas en loor de multitudes, pois naquela altura a maior parte do pobo de Allariz xa estaba posicionada a favor ou en contra dos sublevados, sendo moitos máis os primeiros que os segundos. Nesa fase de máxima tensión, xogou un papel decisivo Francisco García Suárez, que oficiaba como segundo de abordo no grupo do BNG, despregando con éxito ante a masa as súas dotes persuasoras para defender a necesidade de manter a calma. A capacidade de liderado dos sublevados e as súas dotes para manter aceso o conflito nos medios de comunicación, foinos pondo con vantaxe ante a opinión pública na mesma medida que reducía os apoios do grupo do alcalde.

Outro dos fitos que marcou ese período tivo como protagonista ó alcalde Pérez Camba. O colectivo sublevado presentou denuncia contra el por abrir -sen autorización- unha toma de auga do abastecemento público para unha granxa da súa propiedade sen o preceptivo contador. O asunto chegou á Consellería de Política Territorial e Obras Públicas, que era a competente na materia, chegando a desprazarse ata o lugar o delegado provincial do departamento, Juan Antonio Lazcano, que comprobou “in situ” o alcance dos feitos, que aparecían evidentes á vista dos presentes.

Un dos xornalistas alí congregados púxose logo en contacto con Pérez Camba, para pedir o parecer sobre os feitos. O alcalde, que levaba xa un par de meses sen poder pisar o Concello, recoñeceu o sucedido e ante a pregunta do informador se daquela eso supuña a admisión dun feito ilegal, Camba respondeu con claridade meridiana: “Non. Non hai ilegalidade de ningún tipo; o Concello está paralizado dende hai moitas semanas, pero a vida e os problemas da xente continúan. Aquí o que pasou foi que o cidadán Leopoldo Pérez Camba, ou sexa, eu, precisaba auga para a súa granxa avícola, polo que pediulle autorización ó máximo representante municipal, que tamén son eu, que resolvín conceder esa autorización de xeito verbal, porque non tiña outra maneira de concedela, ao estar ocupadas as instalacións municipais”.

Pouco despois, Pérez Camba, e o seu grupo político, Centristas de Galicia, tiraron a toalla ofrecendo a renuncia do rexedor, movemento que deu lugar ó nomeamento dunha xestora presidida por Anxo Quintana, que gobernou ata as eleccións municipais de 1991. O resto é historia coñecida.

O conflito de Allariz tivo un precedente contemporáneo no Concello de Cangas, onde un “catastrazo” decidido polo grupo de goberno que presidía o  socialista Lois Pena (con 13 dos 21 concelleiros da Corporación), levou a unha revolta cidadá capitaneada polo grupo municipal da Fronte Popular Galega, que capitaneaba Mariano Abalo. A diferenza de Allariz, o caso de Cangas desatou enfrontamentos e violencia contra o grupo gobernante e os seus seguidores, con fortes altercados e estragos no mobiliario urbano que tivo o seu máximo expoñente no enterro da ex-muller de Pena. A situación, insostible, provocaría a renuncia do propio Lois Pena meses despois. Aínda seguiría na política varios anos ocupando distintos postos no PSdG en Santiago, ata abandonar a política para afincarse nas illas Baleares.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí