Cúmprense 25 anos da fuxida do ex director da Garda Civil Luis Roldán desde Galicia

13/09/2019 14:50:13
Cúmprense 25 anos da fuxida do ex director da Garda Civil Luis Roldán desde Galicia

Este ano cúmprese un cuarto de século da desaparición do ex director da Garda Civil Luís Roldán, o primeiro civil ó mando do instituto armado, nomeado para o cargo polo Goberno socialista que presidía Felipe González, co que previamente xa fora durante catro anos delegado do Goberno en Navarra, entre 1982 e 1986. En outubro dese ano asumiu todo o poder á fronte da institución, tomando o relevo do entón tenente xeneral Sáenz de Santamaría. O ascenso do político aragonés supuxo tamén unha multiplicación dos beneficios económicos ilícitos obtidos por comisións dos contratos de obras nos cuarteis da Garda Civil. Eran anos nos que a corrupción se estendeu polas institución públicas e que, no caso de Roldán, eran tan escandalosas que acabaron por custarlle o posto a finais de 1993.

Curiosamente, a súa caída en desgraza produciuse apenas cinco meses despois de que o presidente do Goberno pensara en confiarlle o Ministerio do Interior, aínda que finalmente se decidiu polo alacantino Antoni Asunción, que duraría no posto xusto o tempo que tardou Roldán en fuxir de España.

A principios de abril de 1994, xa pintaban bastos para Roldán. As escandalosas novas sobre o enriquecemento ilícito e o meteórico incremento do seu patrimonio foron formando unha bola de neve en torno á súa figura, de xeito que Facenda, as autoridades xudiciais e tamén as policiais aceleraron o paso para tratar de esclarecer as acusacións que enchían telexornais, informativos de radio e páxinas impresas. Neses días, con motivo das festas de Semana Santa, o defenestrado director da Garda Civil pasou uns días coa súa muller, Blanca Rodríguez, e o fillo de ambos, aínda bebé, na casa dos seus sogros en Ourense.

A finais de mes -o 28 de abril-, Luís Roldán non se presentou no Xulgado como tiña que facer cada día para cumprir coa orde imposta pola xuíza Ana Ferrer, quen ó día seguinte ante unha nova incomparecencia inxustificada ditou orde detención contra el. Mentres, o Goberno e particularmente o ministro do Interior ofrecían garantías públicas de que o ex responsable da Garda Civil estaba controlado e sería detido de inmediato. As forzas de seguridade tardaron tres horas en executar a instrución xudicial e cando chegaron á explotación agropecuaria que os pais de Blanca Rodríguez posuían na localidade zamorana de Mombuey -onde estaban seguros de que estaba escondido- non atoparon nin rastro del.

As investigacións posteriores revelaron que a súa dona alugara un coche en Baraxas e entregouno catro días despois en Vigo. Unha das teorías policiais sostiña que o fuxido tería pasado a Portugal e que dende alí chegaría a Francia onde estaría escondido varios meses ata ser trasladado a Laos para ser detido logo en Bangkok policía española nunha espectacular operación policial, segundo o relato oficial de escaso rigor, como se demostraría en datas posteriores, no que o único certo era que un grupo de axentes españois trouxeron a Roldán a España o 27 de febreiro de 1995, dez meses despois da súa desaparición.

Nese lapso de tempo, Galicia seguiu tendo protagonismo nas investigacións que levaba a cabo un dispositivo integrado cerca de 150 axentes coordinados polos máis altos responsables policiais que tiña o seu centro operativo na Comisaría Xeral do Poder Xudicial na estrada de Canillas, en Madrid, complexo onde sería aloxado o fuxitivo unha vez repatriado a España.

Dous meses e medio despois da fuxida de Roldán, foi detida a súa dona por encubrimento e internada no cárcere de mulleres de Brieva, en Ávila. Antes de que iso sucedera, era seguida día e noite por un aparatoso dispositivo policial, que ían tras dos seus pasos converténdose na súa sombra, case sempre en Galicia. Recuperada a liberdade, un mes despois, o seguimento dos axentes retomouse, dando lugar a situacións singulares. Blanca Rodríguez Porto pasou a primeira noite fóra da prisión na finca familiar de Mombuey, que a familia hipotecou como aval para cubrir os 50 millóns de pesetas que a xuíza puxo como fianza para deixala libre. Alí, nunha humilde vivenda da propiedade de 200 hectáreas con centenares de cabezas de gando, a aínda muller de Roldán viu en televisión os informativos das nove da noite da véspera da festa de Santiago, nos que foi nova apertura en todos eles, que escoitaba entre duros cualificativos para os medios, froito da tensión que levaba vivido no último medio ano.

No medio desa situación persoal complicada e difícil, Blanca Rodríguez, que residía a maior parte do tempo en Ourense, levaba a cabo algunhas accións que xente do seu entorno consideraba estaban destinadas só a complicarlle o traballo a quen a seguían, a modo de pequena vinganza. En ocasións conseguíao, desprazándose a alta velocidade nun vehículo de alta cilindrada, como ocorreu unha vez pola estrada de Ourense a Santiago, case imposible de seguir para a comitiva policial, que viaxaba en coches moito menos potentes, un dos cales acabou por saírse da estrada para marchar a un lameiro cerca de Lalín, aínda que sen maiores consecuencias para os ocupantes.

Foron meses nos que non tivo un instante de repouso, dada a sensibilización que xeraba a desaparición do seu home. Co regreso de Roldán, os xuízos a ambos e as condenas respectivas, que para Blanca foi de catro anos por delitos contra a Facenda Pública e encubrimento, dos que cumpriu case tres na prisión de Pereiro de Aguiar, entre xaneiro de 2000 e o Nadal de 2002.

Compartir en Facebook
Valoración
Envía o teu comentario!.
Para poder comentar esta entrada debes estar rexistrado.
Introduce o teu usuario e contrasinal aquí